Unha praza de Medicina de Familia en Ferrol, derradeira escolla do MIR en todo o Estado

Centros de saúde da área sanitaria de Ferrol, sobre unha táboa coas adxudicacións finais do MIR 2026 CC-BY-SA Fotos: Sergas | Montaxe: Praza.gal

Galicia e o resto de autonomías logran cubrir todas as prazas de formación sanitaria especializada por segundo ano consecutivo coa Atención Primaria concentrada no final da selección, mentres Otorrinolaringoloxía en Santiago ou Nefroloxía na Coruña estiveron nos primeiros postos

Este pasado mércores o Ministerio de Sanidade culminou a adxudicación das 12.362 prazas de formación sanitaria especializada da convocatoria 2025-26 e, dentro delas, as 9.275 de medicina, isto é, as prazas MIR que cada ano acaparan o foco mediático e político por seren sinaladas como unha das vías para paliar o déficit de profesionais na sanidade pública. Ao contrario do que sucedera en anos pasados, foron cubertas todas, tamén as máis de 600 que ofrecía Galicia, cunha praza de Medicina Familiar e Comunitaria en Ferrol como a derradeira de todo o Estado en ser escollida.

Foi, concretamente, ás 12:35 deste pasado 27 de maio cando foi escolleita esa praza final para se formar nun centro de saúde ferrolán. Apenas dous minutos antes fora seleccionada outra de medicina de familia na mesma área sanitaria galega e ás 12:26, outra máis. Polo medio, unha praza en Ponferrada e cinco na cidade estremeña de Don Benito.

Por segundo ano consecutivo prazas galegas en medicina de familia figuran entre as derradeiras escollas das futuras médicas e médicos especialistas. Non obstante, existe menos presenza do Sergas nas prazas finais que o ano pasado, cando entre as vinte que quedaran para o final, como este ano todas para MIR de medicina de familia, ata 16 eran galegas, todas na provincia de Lugo.

Que as 207 prazas MIR de Medicina de Familia fosen adxudicadas non implica, necesariamente, que o Sergas vaia contar con ese número de profesionais para os seus centros de saúde cando remate a formación

En calquera caso, o certo é que por segundo ano consecutivo o 100% das 207 prazas MIR ofertadas en Galicia para medicina familiar e comunitaria van ter titulares. Isto non implica, non obstante, que cando estas 207 médicas e médicos rematen a súa formación vaian quedar á disposición dos centros de saúde públicos en Galicia. Non en van, importantes porcentaxes deste persoal acaba traballando noutros servizos ou fóra do Sergas ao finalizar a residencia (arredor da metade entre 2017 e 2021 e o 20% en 2024, por exemplo) entre alusións a sobrecarga de traballo e outras condicións laborais como parte relevante das causas que o explican.

Neste sentido, volve ser elocuente a concentración da medicina de familia entre as últimas prazas escollidas nunha nova convocatoria do MIR, tanto no conxunto do Estado como especificamente en Galicia. Así, ao ollarmos polo miúdo os datos divulgados polo Ministerio de Sanidade é posible comprobar como entre as 200 prazas finais desta convocatoria seleccionadas en Galicia ata 175 foron para prazas de Atención Primaria.

Na banda oposta están as prazas escollidas nas primeiras posicións. A selección máis temperá en Galicia foi unha praza de Otorrinolaringoloxía en Santiago, o pasado 4 de maio, a undécima escolla de todo o estado. Ese mesmo día adxudicáronse tamén prazas de Nefroloxía e Cardioloxía na Coruña, de Dermatoloxía en Ferrol ou de Cardioloxía e Oftalmoloxía en Santiago e Vigo.

Finaliza así a adxudicación dunhas prazas de formación sanitaria especializada que volveron constituír, en total e en Galicia, un novo máximo. No caso galego o conxunto de especialidades sumou 682 prazas. Dentro delas atópanse as 207 de Medicina Familiar, cifra que non aumenta dende 2022 malia as reiteradas queixas de escaseza por parte da Xunta, que vén responsabilizando do problema ao Goberno de España.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.