Contas confirma as eivas na atención primaria: 120 concellos sen pediatra, escaso persoal e longas esperas

Mobilización pola atención primaria ante un centro de saúde CC-BY-SA CCOO Galicia

En medio dos repetidos anuncios para a súa reforma por parte da Xunta, de protestas de cidadanía e profesionais pola súa deterioración nos últimos anos e con folgas do persoal a cada pouco —aínda este xoves houbo unha convocada por CIG-Saúde— o Consello de Contas vén de certificar todas as eivas e problemas da atención primaria en Galicia. 

Contas lembra que o Sergas dedica o 12% do gasto sanitario á primaria fronte ao 25% que recomenda a OMS e que só Madrid achega menos que Galicia

No seu Informe de fiscalización selectiva do programa de atención primaria da saúde, o ente fiscalizador é contundente sobre a situación do primeiro nivel asistencial da sanidade en Galicia, advertindo xa de primeiras que a Xunta tan só lle dedica o 12% do gasto sanitario, "por debaixo do 14% do gasto estatal e afastado do 25% recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS)", negando así unha das demandas que colectivos a prol da sanidade pública, sindicatos ou oposición levan tempo demandando. 

Malia que o gasto do Sergas incrementouse no período 2019 a 2023 (ano no que se centra o informe) en máis do 27%, como lembra o Consello de Contas, e que ningunha autonomía alcanza ese 25% que recomenda a OMS, só Madrid destina menos que Galicia en proporción, o que leva o ente fiscalizador a recomendarlle á Xunta "incrementar o financiamento específico para a atención primaria" para "aproximarse" a esa cuarta parte do orzamento sanitario total. 

Enterro simbólico da atención primaria, nunha mobilización da CIG durante a folga deste 23 de abril CC-BY-NC-SA CIG-Saúde

Respecto da delicada situación na primaria, o informe párase nun dos "principais problemas estruturais" que ten: "o déficit de persoal, especialmente nas categorías de medicina de familia e pediatría". En canto á atención pediátrica, considera "particularmente grave" esta deficiencia, que leva a que "120 concellos galegos carezan deste servizo nos seus centros de saúde e que 96 compartan pediatra", segundo os datos actualizados a outubro de 2025, como aclara Contas. 

O informe advirte do déficit de persoal como un dos "principais problemas estruturais": 120 concellos non teñen pediatra e 96 compárteno

En resumo, o 70% dos municipios non teñen pediatra ou compárteno, unha contundente cifra que reflicte a situación deste servizo. "Aínda que a cobertura asistencial está garantida mediante a derivación dos menores ao médico de primaria, esta situación evidencia unha cobertura insuficiente e desigual, especialmente nas zonas rurais, afectando a equidade no acceso á atención sanitaria infantil", denuncia o Consello de Contas, que sinala tamén que "para un mesmo tramo de poboación, algún concello non ten pediatra, outros teñen un e outros dous" e que ocorre que, nalgún caso, municipios "con menos poboación teñen tres pediatras". 

A Xunta, no período previo á publicación definitiva do informe, presentou alegacións, asegurando que Galicia "se organiza en 146 SAP (servizos de atención primaria), que todos os SAP teñen un pediatra de referencia e que, polo tanto, todos os menores de 15 anos dispoñen de médico pediatra en atención primaria". Pero o Consello de Contas rexeitou o argumento, lembrando que "a garantía de cobertura mediante a derivación das persoas menores ao médico de familia non constitúe atención especializada" e que a asistencia aos menores de catorce anos "debe ser prestada por profesionais de pediatría". 

Contas lémbralle ao Sergas que derivar menores ao médico de familia "non é atención especializada" e que estes deben ser "tendidos por profesionais de pediatría

"Os mecanismos de apoio proporcionados polos pediatras de referencia dos SAP ao persoal de medicina de familia (interconsultas e outras actuacións de soporte) resultan insuficientes para asegurar os principios de equidade, continuidade e calidade asistencial", denuncia o informe, que rexeita tamén o argumento do Sergas de que o déficit de persoal é "temporal". "Constitúe un problema estrutural", retruca o Consello de Contas, que nega a modificación da análise, como pretendía Sanidade. 

O informe recomenda ao Sergas "reducir os desequilibrios territoriais na prestación dos servizos, con especial atención á cobertura pediátrica nas zonas con menor dotación". Porque Contas, logo de analizar o acceso á carteira destes servizos, advirte das "desigualdades territoriais, especialmente nos concellos con menos de 5.000 habitantes", unhas limitacións que "afectan de maneira significativa á odontoloxía, hixiene bucodental e fisioterapia". 

Destaques sobre o déficit de pediatras no informe de Contas sobre Atención Primaria e alegacións do Sergas CC-BY-NC-SA Praza.gal

28% de prazas vacantes e 28% de temporalidade

Respecto á falta de persoal, a análise advirte de que o 28% das prazas na atención primaria están vacantes e dunha "insuficiencia estrutural" de recursos humanos que se evidencia "especialmente" en períodos de vacacións. Tamén se refire á taxa de temporalidade do persoal sanitario, que era do 28% a principios de 2023, unha porcentaxe que se reduciu tras a convocatoria de 468 prazas no mesmo ano, pero que aínda así non deu para "conseguir acadar o obxectivo de reducila para todas as categorías pro debaixo do 8%"

A "demora" na convocatoria e resolución dalgúns procesos selectivos e a non garantía de remuda xeracional ao comparar as prazas de MIR convocadas e a proxección de xubilacións na atención primaria son outras das eivas sinaladas no informe. 

O Consello de Contas tamén alerta dunha "carga asistencial elevada" na atención primaria galega polo "envellecemento da poboación e cronicidade asociada", así como das dificultades para a implantación da "axenda de calidade". 

Ante todas estas eivas, o informe pide á Xunta que deseñe "un plan estratéxico de recursos humanos que permita incrementar o número de profesionais e mellorar a súa estabilidade, reducindo a temporalidade por debaixo do 8%. 

Contas demanda á Consellería un "plan estratéxico de recursos humanos" para aumentar o persoal e "mellorar a súa estabilidade"

Tamén reclama "mellorar a xestión das ausencias e substitucións, reducindo o recurso ás intersubstitucións e ás prolongacións de xornada mediante unha planificación preventiva das necesidades", ademais de "reforzar a atención comunitaria, a promoción da saúde e a prevención en atención primaria, realizando un seguimento das consultas programadas e da integración efectiva destas actividades na práctica".

No que ten que ver coas esperas, a avaliación do Consello de Contas tamén é contundente. Cunha análise centrada nas áreas sanitarias de Ferrol e de Pontevedra e O Salnés, esta "evidencia un incremento significativo nos tempos de espera, non acadándose o obxectivo establecido de garantir o acceso a consulta nun prazo máximo de 48 horas desde a solicitude de cita"

Mobilización contra a falta de pediatras en Castro de Ribeiras de Lea CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Este propósito cúmprese na área de Ferrol para o 40% das citas de medicina familiar, e para o 34% no caso da de Pontevedra e O Salnés. Ao tempo, o 30% das citas agarda máis de cinco días no caso da área ferrolá e case o 40% no da pontevedresa. 

Demoras en pediatría

Na atención pediátrica, a situación mellora algo pero non dabondo. O 62% das citas aténdense en menos de 48 horas na área de Ferrol, mentres que na área de Pontevedra e O Salnés esta porcentaxe é do 47%. Pero o 16% e o 30%, respectivamente, aténdense logo de máis de cinco días. 

O Consello de Contas tamén recomenda no informe "establecer mecanismos de concienciación cidadá, destinados a fomentar a anulación das citas médicas ás que os pacientes non teñan previsto acudir, co fin de mellorar a eficiencia na xestión da axenda asistencial". 

Entre o 30% e o 40% das citas de medicina famliiar agardan máis de cinco días, segundo a análise das áreas de Ferrol e Pontevedra que levou a cabo o Consello de Contas

"Evidénciase un elevado número de consultas solicitadas ás cales os pacientes non acoden pero que tampouco anulan (ao redor do 5%), o que repercute negativamente na eficiencia do sistema asistencial e na optimización dos recursos dispoñibles", destaca o documento, no que se pide ao Sergas que complete a implantación dos plans locais de saúde (PLS), "reforzando a cooperación cos concellos e servizos sociais, planificando e impulsando a atención primaria nas residencias e centros sociosanitarios e avaliando o seu impacto na saúde comunitaria".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.