Ducias de centros de saúde galegos noutras tantas localidades acolleron concentracións para reivindicar a atención primaria e denunciar a súa precaria situación malia os continuos anuncios da Xunta sobre futuros plans de mellora e reforma.
SOS Sanidade Pública convocou concentracións en varias localidades para reivindicar a atención primaria e impulsar a súa defensa
Foi a plataforma SOS Sanidade Pública quen convocou as mobilizacións este luns, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Atención Primaria, para advertir da importancia do "sistema sanitario máis próximo, o que nos pode garantir a mellor atención e orientación", ademais de reivindicalo como "o último muro defensivo fronte á privatización".
As sete cidades galegas, ademais de Moaña, Cangas, Marín, Viveiro, Catoira, Baiona, Gondomar, Panxón, Portonovo, Baio, A Guarda, Redondela, O Barco, O Porto do Son ou Ribeira, entre outras localidades, acolleron estas concentracións onde cidadanía e profesionais denunciaron as crecentes listas de espera, de ata oito días de media, nos centros de saúde e a falta de persoal, en especial de enfermaría e pediatría.
"Temos 11.000 nenos e nenas galegas sen atención ou con atención limitada a uns poucos días á semana", advirten desde SOS Sanidade Pública, que denuncia tamén a masificación das consultas pola necesidade de profesionais que é paliada con prolongacións de xornada.
Na Mariña, unha das comarcas onde a mobilización pola sanidade pública é máis intensa, foron varios centos das persoas que se concentraron no centro de saúde de Viveiro "por ser o centro sanitario que máis problemas asistencias acumula de xeito crónico", explica a cooordinadora da Plataforma Sanitaria da Mariña, que denuncia que o ambulatorio "leva desde 2020 cunha soa pediatra das dúas coa que está dotada" e cun número de médicos e médicas de familia "que escasamente chega ao 50% da súa dotación".
Na Mariña, unha das comarcas máis activas nas protestas, denuncian que o centro de saúde de Viveiro leva seis anos cunha soa pediatra e coa metade dos médicos
"Hai días nos que só dous ou tres facultativos atenden todo o centro", explican desde o colectivo mariñao, que resume as demandas de SOS Sanidade Pública a nivel galego en canto á atención primaria, como destinar o 25% dos orzamentos sanitarios a este nivel asistencial, a incorporación de novas categorías e aumento das categorías deficitarias, combater o abuso prexudicial da medicalización como opción ao déficit ou ao atraso na atención ou pór unha especial énfase na saúde mental.
"Se a atención primaria cae, cae o sistema", reivindica a plataforma SOS Sanidade Pública, que pide "defendela" e "impulsala" e que volve amosar tamén as súas dúbidas sobre o enésimo anuncio de reformas nesta área, na que a Xunta vén anunciando reiterados plans e estudos.
Enésimo anuncio de reforma
Desta volta, no debate de política xeral, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a creación dunha estrutura específica co rango de Dirección Xeral dentro do Sergas e "unha unidade especial que centralizará unha gran parte do papelame de escaso ou nulo valor clínico que ata agora sobrecargaba aos profesionais".
A principios de ano, o conselleiro de Sanidade, Gómez Caamaño, xa anunciara a creación de dous grupos de traballo para reformar a atención primaria logo de retirar o plan presentado en outono e manter aberto un consello técnico no que centos de profesionais e expertos en 15 comisións técnicas traballaron desde 2019 para unha nova proposta que aínda non se fixo pública.
Desde SOS Sanidade Pública ou desde colectivos como a Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) consideran "impresentable" que o presidente anuncie un novo modelo de atención primaria "cando ten nun caixón desde decembro de 2025 o informe final do Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia, que ten a vindeira reunión, precisamente, o 29 de abril.
"Son seis anos de traballo arreo, de máis de 200 persoas en quince comisións técnicas e hai xa medidas preparadas para a desburocratización, a participación cidadá ou a desmedicalización", explica José María Dios, médico retirado e secretario da AGDSP.