O presidente anuncia no debate de política xeral do ecuador da lexislatura unha nova reforma da Atención Primaria, que será máis estrito no ensino e "unha nova delegación en Bos Aires"
"Cada día non van traballar 70.000 persoas en Galicia por estaren de baixa", polo que a Xunta vai controlar máis "as baixas por doenzas musculoesqueléticas ou de psiquiatría menor, que son as máis frecuentes" e vai "reforzar o papel das mutuas" para que poidan dar máis altas. Este foi un dos principais anuncios do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no debate anual de política xeral que comezou este mércores e que se estenderá ata o venres, cando os grupos voten as propostas de resolución que insten ao Goberno a tomar medidas concretas. Un debate que chega no ecuador da lexislatura e no que Rueda ratificou a viraxe de políticas en materia de vivenda tras década e media de parálise pero que pasou a ser un dos eidos protagonistas dos seus reiterados anuncios.
Rueda comezou o seu discurso salientando que para cumprir os compromisos "é necesario ter principios, determinación e un equipo que axude e acompañe en cada paso". E asegurou que xa están "en marcha o 85% das medidas a que nos comprometemos para este período de catro anos". Un balance do xa feito no que salientou medidas propias como que Galicia ten "o mellor calendario de vacinación do mundo" pero tamén outras derivadas da evolución económica xeral como que "os salarios están en máximos históricos", medida debida en parte ao incremento progresivo do salario mínimo que vén criticando o PP.
O primeiro gran bloque de anuncios chegou na área de vivenda, onde tras máis dunha década de gobernos de Feijóo con investimentos mínimos, os executivos de Rueda están a realizar importantes desembolsos. Tras outras medidas similares previas, este mércores o presidente avanzou que este ano vai volver elevar o limiar de renda para acceder a unha vivenda pública, de 2.250 euros brutos mensuais para unha parella cun fillo a máis de 3.500 euros, e de no caso das familias numerosas con tres fillos ata os 4.150 euros. Tamén vai reservar o 30% das vivendas públicas en venda "para as persoas de entre 36 e 45 anos, especialmente cando son nais ou pais de nenos pequenos". E vai bonificar "o 100% do imposto de actos xurídicos documentados para vivendas protexidas".
A Xunta vai volver elevar o limiar de renda para acceder a vivendas públicas e promete reducir a burocracia na sanidade
A área de vivenda foi a primeira á que dedicou os seus principais anuncios, pero a sanidade foi a que máis tivo. O presidente comezou lamentando que Galicia é "a segunda comunidade con máis xornadas laborais perdidas por baixas" e tamén a segunda na que estas duran máis, cunha media de máis de 60 días. Porén, en relación ao total de persoas afiliadas, Galicia é a segunda comunidade con menos baixas.
Rueda lembrou que xa puxo en marcha un programa de revisión de baixas "que permitiu controlar preto de 130.000 baixas, o que resultou na alta de 30.200 persoas que non debían estar nesta situación", e avanzou que "nas vindeiras semanas" vai poñer en marcha outro plan máis ambicioso de "control das baixas por doenzas musculoesqueléticas ou de psiquiatría menor, que son as máis frecuentes".
Tamén se vai "reforzar o papel das mutuas" de xeito que "cando realicen unha proposta de alta suficientemente xustificada, a inspección sanitaria vaina ratificar e acordar a alta". Nada dixo o presidente do aumento da sinistralidade laboral, que xa preocupa tamén á patronal.
Rueda tamén volveu anunciar novas reformas da Atención Primaria, unha área na que a Xunta vén anunciando reiterados plans e estudos. Desta volta a Xunta vai volver crear unha estrutura específica co rango de Dirección Xeral dentro do Sergas e "unha unidade especial que centralizará unha gran parte do papelame de escaso ou nulo valor clínico que ata agora sobrecargaba aos profesionais".
Rueda di que no ensino galego "non caben os abusóns" e que "van comezar a aplicarse sancións contra todas aquelas condutas que atenten contra a dignidade e autoridade do persoal docente"
Tamén se puxo estrito Rueda en materia de educación asegurando que "en Galicia non caben os abusóns". O presidente asegurou que "en Galicia van comezar a aplicarse sancións contra todas aquelas condutas que atenten contra a dignidade e autoridade do persoal docente", sen explicar que se facía ata agora neses casos de condutas que xa estaban prohibidas. Tamén di que agora vanse fixar límites á Intelixencia Artificial no ensino.
En materia social Rueda volveu apostar por pagamentos directos ás familias de persoas dependentes a través do denominado Bono Coidado, que a Xunta vén priorizando fronte os servizos profesionais a este colectivo. E obviou na súa intervención inicial a violencia de xénero ou a igualdade.
O discurso deste mércores tamén introduciu novidades na orde habitual destas intervencións. O momento dedicado ao agro e o mar ocupou un lugar máis adiantado mentres que as infraestruturas, que antes supuñan anuncios salientables, foron desta volta contra o remate da intervención. Nesa chuvia de anuncios puntuais, Rueda avanzou que a Xunta vai ter "unha nova delegación en Bos Aires" cunha "sede moderna, ampliada". Ou que vai facilitar créditos aos concellos pequenos.
O presidente contrapuxo as súas políticas co populismo, a demagoxia ou a confrontación que atribuíu a outros gobernos sen citalos. Pero aos tres minutos de comezar a súa intervención xa lanzaba o seu primeiro reproche ao Goberno de Sánchez, por non celebrar un debate de política xeral como o de hoxe desde hai varios anos. Despois chegarían moitos outros, como a reiterada crítica aos intentos do Estado de restrinxir a ocupación do litoral ou a censura "do uso partidista da rede eléctrica para estrangular proxectos que noutros territorios contarían con apoio incondicional do Goberno central".
Tras a defensa de Altri do discurso de hai un ano, desta volta Rueda obviou o proxecto e apenas lanzou un reproche velado ao Goberno de España por deixalo sen conexión eléctrica
Esa foi a única mención moi indirecta de Rueda ao proxecto de Altri que hai apenas un ano, no anterior debate de política xeral, ocupou un lugar significativo no seu discurso. Pero se hai un ano Altri era parte do plan do presidente para "pensar Galicia en grande", desta volta só houbo referencias xerais ao impulso de industrias asegurando que "a preservación ambiental e o progreso son plenamente compatibles, por moito que os de sempre se empeñen en negarnos novas oportunidades, como sempre, por motivos partidistas".
Unha política industrial na que Rueda avanzou que o seu Goberno volverá incrementar a súa participación en capital, que non en porcentaxe, na empresa Recursos de Galicia, a sociedade para a participación directa en recursos enerxéticos e minerais na que a Xunta conta co 30%.
O presidente rematou o seu discurso inicial, de hora e media de duración, asegurando que "hai dous anos Galicia escolleu unidade, estabilidade e responsabilidade, Galicia escolleu solucións e respostas, Galicia escolleu mirar ao futuro con confianza" e proclamou que seguirá "traballando para pechar unha década que mereza ser resumida en dúas palabras: Galicia Calidade".