A patronal coincide cos sindicatos: "moi preocupante" repunta dos accidentes laborais graves en Galicia

Evolución dos accidentes laborais graves CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O principal órgano consultivo da Xunta sobre a sociedade galega urxe "medidas que freen esta situación" e "intensificar os esforzos de prevención de riscos laborais"

O Consello Económico e Social (CES), principal órgano consultivo da Xunta sobre a sociedade galega, no que están integrados patronal e sindicatos, ademais doutros colectivos, fixo público este xoves a súa Memoria socioeconómica de Galicia 2024. En ocasións patronal e sindicatos discrepan no seu seo sobre os pronunciamentos que o CES fai sobre leis ou realidades económicas e sociais. Porén, desta volta o informe anual foi aprobado por unanimidade o 1 de outubro e nel saliéntase como "moi preocupante" a repunta dos accidentes laborais graves. 

As conclusións do documento sinalan que "os índices de incidencia de accidentes de traballo graves e mortais en Galicia experimentan un empeoramento no último ano en relación ao ano anterior, ano no que xa superaban en gran medida os do contexto estatal". Ante estes datos, "o CES considera moi preocupante os últimos valores de accidentes laborais polo que urxe medidas que freen esta situación así como tamén intensificar os esforzos destinados á prevención de riscos laborais".

Galicia vén estando moi por riba da media estatal tanto nos accidentes graves como nos mortais

O informe do CES analiza polo miúdo os datos de sinistralidade laboral e sinala como positivo que "a pesar do incremento no ano 2024 do número de traballadores afiliados, redúcese lixeiramente o número de accidentes de traballo con baixa así como o índice de incidencia, calculado como o cociente do total de accidentes de traballo entre a media anual de traballadores afiliados". Un índice lixeiramente inferior á media estatal.

Porén, Galicia vén estando moi por riba da media estatal tanto nos accidentes graves como nos mortais. "No último ano rexístranse en Galicia un total de 5,5 accidentes mortais por cada cen mil afiliacións a réximes da Seguridade Social", di o CES, fronte á cifra de "3,2 accidentes no conxunto do Estado"

No referente aos accidentes graves, Galicia duplica a incidencia estatal. Nos últimos anos as dúas curvas tiveron traxectorias lixeiramente descendentes, aínda que mantendo a distancia entre si. Pero en 2024 Galicia repuntou dos 35 accidentes graves por cada 100.000 traballadores do ano anterior a 39. Un aumento que o CES ve "moi preocupante".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.