As mortes no traballo aumentan en Galicia con críticas á Xunta por "responsabilizar" as vítimas

Evolución do número anual de mortes no traballo en Galicia sobre unha imaxe de operarios traballando en altura © Montaxe: Praza.gal

A maior parte das mortes producíronse no sector dos servizos (23), seguido da construción (12), a industria (9), a pesca (7) e a agricultura (7). Pontevedra concentra o maior número de falecementos (23)

Galicia é dende hai décadas un dos territorios do Estado con máis mortes no traballo. Aínda que as cifras de sinistralidade laboral están lonxe das que se rexistraban nos anos 80 e 90 -amplamente por riba das cen mortes anuais-, todos os anos seguen a morrer moitos traballadores. En 2024 foron 58, máis que no ano anterior e a cifra máis elevada dende 2016 coa excepción de 2022 (68, debido á inclusión dos 21 falecidos no Villa de Pitanxo).

Este mércores CC.OO. presentou un informe sobre a sinistralidade laboral en Galicia no que cualifica de "alarmantes" as cifras de accidentes mortais, en ascenso no último ano. A maior parte das mortes producíronse no sector dos servizos (23), seguido da construción (12), a industria (9), a pesca (7) e a agricultura (7). Por provincias, Pontevedra concentra o maior número de falecementos (23), o que supón case un 40 % do total. Seguen A Coruña, con 20; Lugo, con 13; e Ourense, con dous falecementos.

A causa máis frecuentes foron os infartos e outras patoloxías non traumáticas, con 26 accidentes mortais. A segunda causa máis frecuente foron os choques ou golpes contra obxectos en movemento, con 11 accidentes mortais.

Armando Iglesias, secretario de Acción Sindical e Saúde Laboral de CCOO-Galicia, cualificou de "intolerable" que "desde as empresas e a Xunta se cuestione a profesionalidade das persoas traballadoras e médicas ou se responsabilice as vítimas das súas propias enfermidades"

Armando Iglesias, secretario de Acción Sindical e Saúde Laboral de CCOO-Galicia, cualificou de "intolerable" que "desde as empresas e a Xunta se cuestione a profesionalidade das persoas traballadoras e médicas ou se responsabilice as vítimas das súas propias enfermidades".

Iglesias cuestionou o uso do termo "absentismo" por parte da Xunta e das organizacións empresariais para "criminalizar as persoas que faltan ao traballo por enfermidade". O sindicalista lembrou que a duración media dunha baixa laboral en Galicia foi de 74 días, a segunda máis alta do Estado, e responsabilizou da situación tanto o Goberno galego como a certos empresarios, ben sexa "pola falta de prevención real nos centros de traballo", ben "pola deterioración da sanidade pública, con longas listas de espera, de ata un ano, para consultas e intervencións cirúrxicas".

CC.OO. esixe "maior control das condicións laborais e unha prevención eficaz", garantindo así a protección da saúde das persoas traballadoras, así como medidas que permitan "a recuperación plena nos casos de baixa médica"

CC.OO. esixe "maior control das condicións laborais e unha prevención eficaz", garantindo así a protección da saúde das persoas traballadoras, así como medidas que permitan "a recuperación plena nos casos de baixa médica", que pasan polo reforzamento do sistema sanitario público. O sindicato denuncia que "moitos accidentes e enfermidades están sendo derivados á sanidade pública", o que supón "unha fraude e un prexuízo directo tanto para as persoas afectadas como para o sistema".

Para Comisións Obreiras, "acabar con esta insoportable sinistralidade laboral de forma eficaz e inmediata" pasa "necesariamente" por "modificar e modernizar a lei e de negociar e articular un plan de choque". "Os accidentes de traballo, amais de suporen un drama persoal e familiar, demostran que as condicións de traballo son inseguras e inxustas", engade o sindicato.

Outro dos datos "preocupantes" do informe, destaca CCOO, é o aumento dos accidentes graves, con 414 casos rexistrados, unha suba do 14%

En total, o pasado ano rexistráronse máis de trinta mil accidentes laborais con baixa en Galicia (30.359), 27.146 na xornada laboral e 3.213 in itinere, é dicir nos desprazamentos ao posto de traballo ou dende ese lugar.

Outro dos datos "preocupantes" do informe, destaca CCOO, é o aumento dos accidentes graves, con 414 casos rexistrados, unha suba do 14%. Este indicador mantén nos últimos anos unha grande estabilidade, movéndose sempre entre os 400 e 500 casos.

Armando Iglesias advertiu de que a precariedade laboral e a presión produtiva seguen a ser "elementos determinantes" na alta accidentabilidade

Desde CC.OO. tamén se puxo o foco nos contratos, pois aínda que 44 das vítimas mortais tiñan contrato indefinido, oito eran traballadores temporais —cun aumento do 166,7 % neste grupo— e seis eran autónomos. Armando Iglesias advertiu de que a precariedade laboral e a presión produtiva seguen a ser "elementos determinantes" na alta accidentabilidade.

CC.OO. subliña que "cómpre realizar unha profunda análise das causas subxacentes asociadas á elevada taxa de enfermidades profesionais non rexistradas naqueles sectores máis feminizados"

CC.OO. subliña que "cómpre realizar unha profunda análise das causas subxacentes asociadas á elevada taxa de enfermidades profesionais non rexistradas naqueles sectores máis feminizados", unindo esta demanda específica de abordaxe desta problemática "á que vimos realizando sobre a imperante necesidade de actualizar a listaxe de enfermidades profesionais".

O sindicato non esquece as vítimas do amianto, "que están sufrindo unha situación realmente inxusta xa que, logo de máis de dous anos da creación do fondo de compensación para as vítimas deste axente canceríxeno, aínda non se aprobou o regulamento necesario para poñelo en funcionamento", alerta. CC.OO. cualifica como "intolerable" este atraso e insta o Goberno central "a que desbloquee axiña esta situación".

"A dixitalización está incrementado a exposición a riscos psicosociais como consecuencia da intensificación do traballo, a falta de desconexión, a monitorización e vixilancia constante ou a redución da autonomía para realizar pausas ou descansos", alerta o informe

O sindicato engade que na modificación da normativa "debe facerse explícita a obriga empresarial de avaliar e adoptar medidas que protexan a saúde mental das persoas traballadoras, tendo ademais en conta a transformación dixital e o impacto das novas formas de organización do traballo". 

No informe alértase de que "a dixitalización e a intelixencia artificial no traballo están incrementado a exposición a riscos psicosociais como consecuencia da intensificación do traballo, a falta de desconexión, a monitorización e vixilancia constante ou a redución da autonomía para realizar pausas ou descansos". "O seu impacto na saúde mental das persoas traballadoras é evidente", engade.

Armando Iglesias, secretario de Acción Sindical e Saúde Laboral de CCOO © CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.