Dúas mortes en Pontevedra e Carballo engrosan a cifra de 150 traballadores da construción falecidos en Galicia dende 2010

Operarios traballando na construción dunha nave industrial en Mos (2021) CC-BY-SA Xunta / Ana Varela

O 26 de febreiro un traballador da construción morreu en Carballo ao caer dende unha altura nunha obra sen licenza municipal. Dous días máis tarde faleceu outro en Pontevedra, tamén nunha caída, a pesar de ter o arnés

O pasado 26 de febreiro un obreiro da construción morreu en Carballo ao caer dende unha altura cando traballaba enriba dun guindastre no polígono de Bértoa, unha obra, ademais, que carecía de licenza municipal. Dous días máis tarde, outro traballador falecía, tamén ao caer dende o alto dun tellado, no Complexo Industrial de Campañó, en Pontevedra. O operario estaba a realizar tarefas de reparación e, aínda que levaba posto o arnés de protección, este non evitou a súa morte, polo que se está a investigar o motivo polo que este elemento de seguridade non funcionou.

Son os dous últimos casos dun goteo de sinistros na construción que cada ano acaban coa vida dunha decena de obreiros en Galicia. Segundo a estatística oficial do Ministerio de Traballo, entre 2010 e 2022 un total de 134 traballadores da construción morreron en accidentes laborais en Galicia, á falta dos datos de 2023, que probablemente situarán a cifra por riba dos 140.

De feito, son raros os meses nos que non hai que lamentar un sucedo deste tipo e, por exemplo, o pasado 26 de xaneiro un traballador da construción de 52 anos de idade morreu en Mondariz ao ser alcanzado por unha pedra cando estaba a erguer un muro nunha casa. Ademais, o pasado mes de decembro un traballador de 64 anos foi atropelado na Laracha mentres regulaba o tráfico nunha obra e morreu no acto.

A Federación do Hábitat de CC.OO. de Galicia denunciou a "semana negra" no sector da construción en Galicia e anuncia que vai solicitar unha reunión coa Inspección de Traballo para analizar a situación, pois "cómpre adoptar medidas efectivas"

Ante os dous falecementos que tiveron lugar en Carballo e Pontevedra, a Federación do Hábitat de CC.OO. de Galicia denunciou a "semana negra" no sector da construción en Galicia. O sindicato anunciou que vai solicitar unha reunión coa Inspección de Traballo para analizar a situación, pois "cómpre adoptar medidas efectivas", pois é "inadmisible" que un traballador ou traballadora "perda a vida no seu posto de traballo".

A secretaria xeral de CCOO-Hábitat, Alejandra Gesto, reclama que se investiguen "a fondo" estes sinistros mortais, e pide que non só se poña o foco nas empresas directamente afectadas, senón tamén nas contratas, "pois debe existir unha coordinación en canto ás accións de prevención de riscos laborais". Segundo a sindicalista, "España ten un grave problema coa sinistralidade na construción", con trinta falecidos nos últimos catro meses. 

"Hai que ser contundentes con este tema, non pode ser que estes sinistros queden impunes, a xente non pode ir a traballar para perder a vida", di Gesto, que subliña: "hai que dicilo moi claro: non son accidentes, son asasinatos laborais"

"Hai que ser contundentes con este tema, non pode ser que estes sinistros queden impunes, a xente non pode ir a traballar para perder a vida", di Gesto, que subliña: "hai que dicilo moi claro: non son accidentes, son asasinatos laborais".

"A maior parte dos accidentes graves e mortais dábanse en empresas pequenas, de menos de 6 traballadores e en vivendas unifamiliares nas que se estaban a realizar obras. Neses lugares é difícil entrar e, de feito, Inspección de Traballo non pode acceder ao interior das vivendas, pola inviolabilidade dos domicilios", explica Gesto. Porén, engade, "estas últimas mortes sorprendéronos, porque romperon máis este patrón que viñamos analizando". Os sindicatos levan tempo alertando que a precariedade laboral incrementa o risco de que se produzan accidentes graves no traballo e que o persoal temporal sofre máis sinistros.

"A maior parte dos accidentes graves e mortais dábanse en empresas pequenas, de menos de 6 traballadores e en vivendas unifamiliares nas que se estaban a realizar obras. Porén, estas últimas mortes sorprendéronos, porque romperon máis este patrón que viñamos analizando", di Gesto

Ademais da reunión coa Inspección, CCOO vai iniciar unha campaña de visitas ás obras para comprobar as medidas de seguridade existentes. En total, o sindicato calcula que se revisarán ao redor de 350 obras en toda Galicia, un cento nas provincias da Coruña e Pontevedra e unhas 70 en Lugo e Ourense.

Con esta campaña, o sindicato busca incrementar a sensibilización sobre a importancia das medidas preventivas no sector da construción e poñer o foco na importancia da prevención de riscos. "É fundamental que todos os equipos de protección estean en perfecto estado", destaca Gesto, que lembra que "os epis non fallan se están homologados e en boas condicións".

Medio cento de mortes no traballo todos os anos en Galicia

CCOO vai iniciar unha campaña de visitas a 350 obras para comprobar as medidas de seguridade existentes

Ademais da decena de accidentes mortais que todos os anos se veñen rexistrando na construción en Galicia (cun mínimo de 5 en 2016 e un máximo de 14 en 2010), o sector sumou no ano 2022 (último exercicio con estatística detallada) houbo no sector 3.544 sinistros laborais en Galicia que provocaron unha baixa médica, máis do 5% do total no país.

Nas últimas tres décadas máis de tres mil persoas morreron no seu posto de traballo en Galicia, cuxa sinistralidade laboral supera amplamente a media estatal

A construción é un dos sectores que rexistra unha maior sinistralidade laboral, pero esta problemática afecta ao conxunto dos traballadores, cunha maior incidencia nuns ámbitos determinados. Nas últimas tres décadas máis de tres mil persoas morreron no seu posto de traballo en Galicia. A cifra foi reducíndose dende as máis de cen mortes anuais de finais dos anos 80 e comezos dos 90 (183 falecementos en 1991), pero na última década en varias ocasións (2014, 2016 e 2022) superáronse as sesenta defuncións. 

No ano 2022, de feito, houbo 68 accidentes mortais, unha suba motivada sobre todo polo falecemento dos 21 mariñeiros do Villa de Pitanxo nas costas de Terranova. Entre 2010 e 2021 o sector da pesca e acuicultura, con apenas 20 mil empregados e empregadas en Galicia, sumou por si só máis dun cento de mortes.

Sector pesqueiro, industria, construción e transporte suman o maior número de falecementos

Ademais do sector pesqueiro, en Galicia o maior número de falecementos rexístrase na industria, na construción e no transporte, mentres que o sector servizos, o que acumula un maior número de traballadores e traballadoras, é o que presenta un menor índice de mortalidade.

A pesar do descenso das cifras de mortalidade nos últimos anos, Galicia segue a presentar uns indicadores moi por riba da media española. Así, en 2023 rexistráronse 4,83 falecementos por cada 100.000 traballadores, fronte a unha media estatal de 2,92.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.