A morte esta semana dun traballador da refinería da Coruña reabriu o debate sobre a sinistralidade laboral en Galicia, dando inicio ademais a mobilizacións na propia factoría para esixir máis seguridade no traballo. O falecemento de Unai, un mozo de 35 anos, engádese a moitas outras que semana a semana se producen en Galicia: sete no que levamos de 2022, ao redor de medio cento cada ano na última década e case tres mil dende 1988, momento no que se inicia a serie que ofrece o Ministerio de Traballo.
Os sindicatos lembran que "a máis precariedade, máis sinistralidade" pois o persoal temporal sofre máis accidentes e reclaman "prevención de riscos laborais e o emprego de calidade", ademais dun maior control sobre as mutuas
É certo que as cifras de mortes foron descendendo, dende as máis de 100 defuncións que se producían nos anos 90 ata as 48 do pasado ano. As empresas melloraron a seguridade e tamén a formación en prevención. Porén, aínda son demasiados falecementos o mesmo que os accidentes graves e incapacitantes. Galicia supera amplamente o índice estatal de mortes en accidente laboral e, de feito, ata hai pouco era a comunidade autónoma con máis mortes por núemro de traballadores e traballadoras.
Os sindicatos lembran que "a máis precariedade, máis sinistralidade", pois o persoal temporal sofre máis accidentes laborais. En concreto, as persoas cun contrato temporal sofren o 41,7% dos accidentes de traballo, a pesar de que este colectivo representa o 26,6% da poboación asalariada. "A prevención de riscos laborais e o emprego de calidade son os únicos camiños eficaces na redución da sinistralidade laboral. Cómpre investir en formación e sensibilización para que se identifique a sinistralidade como un problema social grave", subliñaba en conversa con Praza.gal Roi Fernández, secretario de Saúde Laboral de CCOO-Galicia.
Dende o ano 1988 morreron 2.993 persoas en accidente laboral en Galicia, cun máximo no ano 1991 (183 falecementos) e un mínimo no 2013 (43)
Fernández reclamaba tamén "un control máis estrito" para as mutuas, co obxectivo de "sacar á luz todos os casos de enfermidades contraídas no traballo" pois "só así será posible incidir nelas a través da prevención de riscos laborais". O sindicalista lembraba que "se unha enfermidade laboral se clasifica como común recórtanse os dereitos económicos dos traballadores e traballadoras, ademais de sobrecargar a seguridade social con custos que deberían asumir as mutuas".
Onde se producen estes accidentes mortais? En que sectores? Quen os sofre máis? Dende o ano 1988 morreron 2.993 persoas en accidente laboral en Galicia, cun máximo no ano 1991 (183 falecementos), e un mínimo no 2013 (43), coincidindo cos peores momentos da recesión económica. A pesar da mellora experimentada nos últimos anos, cada semana morre unha persoa no traballo en Galicia nun accidente laboral evitable.
En primeiro lugar, os sectores. O gráfico amosa que en Galicia se producen mortes no traballo en todos os sectores económicos. Con todo, chama especialmente a atención a situación que se vive no sector primario. O sector agrogandeiro e pesqueiro ocupa a pouco máis do 6% dos traballadores e traballadoras en Galicia. Porén, todos os anos suma ao redor do 30% dos falecementos en accidente laboral.
O sector pesqueiro é que suma un maior número de mortes en Galicia en relación ao seu tamaño. Con só 20 mil traballadores sufriu 98 mortes en once anos. Houbo, ademais, outras 47 mortes no resto do sector primario
Sobre todo, o sector da pesca e acuicultura, apenas con 20 mil empregados e empegadas en Galicia, pero que entre 2010 e 2020 (último ano con datos completos) sumou por si só 98 mortes. A perigosidade do mar, a dureza do traballo e as deficientes medidas de seguridade aplicadas en moitos lugares seguen a provocar naufraxios e outros problemas para as tripulacións dos barcos.
No sector agrogandeiro producíronse 17 mortes neses once anos e o forestal e de silvicutura outros 30. Non son poucos para dous ámbitos que en conxunto empregan a menos de 50 mil traballadores e traballadoras en Galicia
As mortes na industria son moitas veces as máis visibles, tanto pola espectacularidade dalgúns accidentes e, sobre todo, porque neste sector o persoal adoita estar mellor organizado en sindicatos, que denuncian publicamente a falta de seguridade cando se produce, como sucedeu esta semana na Coruña. O sector suma 103 mortes entre 2010 e 2020, unha cifra importante, pero inferior á do conxunto do sector primario, malia empregar a moito máis persoal (ao redor de 170 mil en Galicia).
A construción é, xunto co sector primario, o que rexistra uns índices de mortalidade máis elevados, con 114 mortes entre 2010 e 2020
A construción é, xunto co sector primario, o que rexistra uns índices de mortalidade máis elevados, con 114 mortes en once anos, por riba das rexistradas na industria malia empregar a moitos menos traballadores (ao redor de 73 mil). O número de mortes era aínda máis elevada na década anterior, coincidindo coa febre construtiva que acabou dando lugar á burbulla inmobiliaria. Ademais, determinadas obras, coma as do AVE en Ourense, cobráronse un número moi elevado de vidas, unhas 14 dende o inicio das actuacións.
No sector servizos o transporte é o que sofre máis accidentes mortais
O sector que emprega a máis traballadores e traballadoras, o servizos (con ao redor do 75% do total) é o que rexistra en termos proporcionais un menor número de mortes. Porén, dentro del, os transportes si suman unha cifra moi elevada de falecementos: 123 entre 2010 e 2020, unha parte moi importante deles correspóndense a accidentes de tráfico. O resto dos servizos suman 116 mortes en once anos en Galicia.
No traballo morren moitos máis homes que mulleres: 14 veces máis
No traballo morren moitos máis homes que mulleres. Mentres que no conxunto do Estado (non hai datos galegos dispoñibles) na última década morreron unha media de 3,5 persoas por cada 100.000 traballadores, no caso dos varóns esta media se eleva ata as 6,3 defuncións, mentres que nas mulleres baixa ata as 0,43. O dato é 14 veces superior no caso dos homes.
Unha parte moi importante das mortes corresponden aos traballadores de maior idade
De igual xeito, unha parte moi importante das mortes corresponden aos traballadores de maior idade. O índice de incidencia no persoal por riba dos 50 anos supera as 5 mortes por cada 100.000 empregados. Pola contra, por debaixo dos 40 anos a media baixa dos dous falecementos por cada 100.000 persoas.
En Galicia morren moitas máis persoas no traballo que no conxunto de España, a pesar dunha tendencia á baixa nos últimos anos
En Galicia morren moitas máis persoas no traballo que no conxunto de España. Nas últimas décadas o índice de accidentes mortais foi sempre moi superior, por riba das 8 mortes por cada 100.000 traballadores durante varios anos e duplicando moitas veces os datos estatais. Con todo, dende o ano 2016 si se observa unha tendencia á baixa en Galicia, fronte a un estancamento nas cifras do resto de España. En todo caso, os indicadores galegos seguen a ser máis negativos
Galicia é o terceiro territorio con máis mortes por traballador, só por detrás de Estremadura e Asturias
A mellora dos datos que se está a producir nos últimos anos en Galicia fixo que o noso país abandonase a posición de comunidade autónoma con máis mortes por número total de traballadores, que ocupara durante moito tempo. Con todo, Galicia segue estando entre os territorios con maior mortalidade, só superada por Estremadura e Asturias e por riba da Rioxa, Cantabria e Castela e León.