Aumentan os accidentes laborais graves e mortais en Galicia, a comunidade con máis falecementos no traballo

Galicia é dende hai anos a comunidade con máis accidentes laborais mortais por traballador CC-BY-SA Zulio

Galicia é dende hai anos a comunidade con máis accidentes laborais mortais por traballador. No ano 2018 foron 56 as mortes, 50 delas en xornada laboral (sete máis ca no 2017) e outras seis en accidente in itinere. Isto representa un índice de 6,05 accidentes mortais por cada cen mil traballadores/as, mentres que a proporción no conxunto de España foi de 3,24, pouco máis da metade. 

No que levamos de 2019 todos os indicadores de sinistralidade están a empeorar

No que levamos de 2019 todos os indicadores de sinistralidade están a empeorar, rexistrándose no primeiro semestre do ano un 6,25% máis de accidentes graves, ata chegar a 238 (224 o pasado ano nestas mesmas datas). E, ademais, houbo xa 24 falecementos, un 26,3% máis que no 2018 (24 fronte a 19). En total, nos primeiros seis meses de 2019 un total de 13.878 persoas foron vítimas dun accidente laboral en Galicia, o que supuxo un incremento dun 3,76% en relación aos datos rexistrados hai un ano neste mesmo período (13.374 sinistros).

Aos accidentes de traballo con baixa, habería que sumarlle os accidentes 'in itinere', un total de 1.410 en Galicia nos seis primeiros meses de 2019, dos cales 1.377 foron leves, 28 graves e 5 mortais. No mesmo período do ano 2018 só se rexistrara un accidente mortal 'in itinere'.

Galicia é a comunidade do Estado con máis accidentes mortais por traballador

Galicia é a comunidade do Estado con máis accidentes mortais por traballador, con 0,403 mortes cada mes por cada 100.000 afiliados, duplicando a media estatal (0,207). De feito, os 24 falecementos rexistrados en Galicia no primeiro semestre superan aos que tiveron lugar en Madrid (18) ou a Comunidade Valenciana (22), territorios con moita máis poboación, e non fican lonxe dos que houbo en Cataluña (30). Tan só a provincia da Coruña, con 108 sinistros graves, rexistrou máis accidentes deste tipo que comunidades autónomas como Aragón, Asturias, Baleares, Castela-A Mancha, Murcia, Navarra ou País Vasco.

As razóns da elevada sinistralidade están no elevado peso dos sectores primarios na economía galega, a falta de traballo en prevención e o alto nivel de precariedade

As razóns desta elevada sinistralidade están no elevado peso que os sectores primarios —agricultura e pesca— teñen na economía galega (onde se rexistran a maior parte deses accidentes), a falta de traballo en prevención e, finalmente, o alto nivel de precariedade do mercado de traballo en Galicia. Hai uns meses CC.OO. denunciaba neste informe que "a máis precariedade, máis sinistralidade laboral", rexistrando os traballadores e traballadoras con contratos temporais (especialmente os de curta duración) máis accidentes laborais que o conxunto da poboación.

De feito, as persoas cun contrato temporal sofren o 41,7% dos accidentes de traballo, a pesar de que este colectivo representa o 26,6% da poboación asalariada. CC.OO. culpaba á reforma laboral do 2012 da "degradación das condicións laborais" e dos altos índices de accidentes laborais en Galicia.

De igual xeito, este venres UGT-Galicia esixiu que se derrogue "a reforma laboral que deteriorou as condicións de traballo e debilitou a negociación colectiva" e instou ás administracións "a que inclúan a seguridade e saúde dos traballadores como unha prioridade nas súas políticas e establezan investimentos eficaces nos campos que verdadeiramente axuden á redución da sinistralidade laboral".

UGT-Galicia reclama "reverter a reforma do marco xurídico das Mutuas que supuxo un recorte nos dereitos de traballadoras e traballadores

Así mesmo, UGT-Galicia reclama "reverter a reforma do marco xurídico das Mutuas que supuxo un recorte nos dereitos de traballadoras e traballadores" e que "só serviu para que estas invadisen competencias dos servizos públicos, privatizando a xestión de actividades que deberían ser exclusivas da Seguridade Social", denuncia. 

O sindicato pide ademais "intensificar as políticas activas en materia de prevención dotando cos suficientes medios económicos e humanos aos organismos técnicos como o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene en Traballo". E, finalmente, aposta por "reforzar os mecanismos de control do cumprimento da lexislación en materia de igualdade nas empresas e de loita contra a fraude laboral e a economía mergullada".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.