Morre un traballador da factoría de Tableros Hispanos en Nadela afectado por un incendio na planta

Fábrica de Tableros Hispanos en Nadela © Ejestru

Outro traballador permanece ingresado no hospital, en estado grave

Un incendio rexistrado este sábado na planta de Tableros Hispanos, en Nadela (Lugo) acabou coa morte dun traballador, mentres que outro permanece ingresado no Hospital da Coruña en estado grave. O lume na antiga Tablicia iniciouse nun dos silos da planta e estendeuse a outros almacéns, producindo ademais varias explisións, ao arder varios depósitos con material combustible. Os bombeiros tardaron varias horas en acabar co incendio, que ficou finalmente extinguido ás sete da mañá do domingo. O traballor falecido rexistraba importantes queimaduras en todo o seu corpo

"É hora de que a Administración de Xustiza a través da Fiscalía actúe e trate como delitos graves contra as persoas os accidentes laborais", di UGT

Este novo accidente laboral mortal únese a unha longa lista de sinistros, que o pasado ano acabaron coas vidas de 56 traballadores en Galicia, cun forte incremento con respecto aos datos de 2017 (45 falecidos). UGT sinalou na mañá deste luns que "o accidente ocorrido na noite do sábado ao domingo na factoría lucense demostra que a erradicación da sinistralidade laboral é unha cuestión que os axentes sociais e a administración debemos marcar como obxectivo prioritario".

O sindicato, ao que pertencen os dous operarion accidentados, subliña que "xa non chega con organizar xornadas de concienciación, nin cursos sobre prevención de riscos!" senón que "é hora de que a Administración de Xustiza a través da Fiscalía actúe e trate como delitos graves contra as persoas os accidentes laborais".

O ano pasado 56 traballadores morreron en Galicia en accidente laboral

As centrais sindicais fan fincapé nos elevados índices de sinistralidade laboral en Galicia, con datos que duplican a media española. No noso país dáse un índice de 6,05 accidentes mortais por cada cen mil traballadores/as, mentres que a proporción no conxunto do Estad é de 3,24, pouco máis da metade. Os sindicatos alertan de que a sinistralidade aumenta en paralelo coa precariedade, rexistrando os traballadores e traballadoras con contratos temporais (especialmente os de curta duración) máis accidentes laborais que o conxunto da poboación.

Neste senso, CC.OO. culpa á reforma laboral do 2012 da "degradación das condicións laborais" e dos altos índices de accidentes laborais en Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.