A morte dun mecánico no Barco pon o foco na sinistralidade laboral galega, que duplica a media estatal

Evolución, en Galicia e España, do índice de mortes en accidente laboral por cada 100.000 traballadores/as Dominio Público Praza Pública

Un traballador faleceu este mércores pola tarde no Barco de Valdeorras, tras caerlle enriba unha roda de grandes dimensións nun taller mecánico. Lonxe de se un caso illado, este novo accidente laboral mortal enmárcase nunha realidade que o pasado ano en Galicia segou as vidas de 62 persoas durante a súa xornada laboral, unha cifra que en termos relativos (número de mortes por cada 100.000 traballadores) duplica a media española.

En 2016 62 persoas morreron en Galicia durante a súa xornada laboral e no que levamos de 2017 as cifras non descenden

Os datos oficiais do Ministerio de Emprego (para o período xaneiro-abril) amosan que neste 2017 as cifras non melloran. Nos catro primeiros meses do ano morreron 18 persoas (o mesmo número que de xaneiro a abril de 2016) e nos últimos dous meses novos casos viñeron sumarse a esta terrible estatística. O mecánico morto onte no Barco engádese a outro mecánico falecido o 22 de maio en Abadín mentres arranxaba un tractor ou a un traballador forestal que morreu en Muxía o 9 de xuño. E a moitos outros casos de feridos e feridas, algún de gravidade, os máis recentes no Saviñao (15 de xuño), Cee (13 de xuño) e A Coruña (9 de xuño).

Sindicatos e partidos veñen denunciando esta situación, facendo fincapé na ruptura nos últimos anos da tendencia positiva que se viña rexistrando dende o ano 2000. Aquel ano 130 traballadores e traballadoras morreron en Galicia, unha cifra que se reduciu ata os 68 de 2007 e que a crise económica aínda rebaixou máis (45 en 2012 e 43 e 2013). Porén, nos tres últimos anos o número aumentou considerablemente, un cambio de tendencia que forzas políticas e centrais sindicais relacionan coas últimas reformas laborais.  

Nos tres últimos anos o número aumentou considerablemente, un cambio de tendencia que forzas políticas e centrais sindicais relacionan coas últimas reformas laborais

O pasado mes de maio, por exemplo, o PSdeG-PSOE relacionou a elevada sinistralidade do traballo en Galicia cuns altos índices de precariedade, que cualifico de “lacra invisibilizada” produto das "reformas dos gobernos do PP". A través da súa deputada Noela Blanco, o grupo socialista pediu "aumentar o orzamento adicado á prevención e reforzar a colaboración entre a inspección de traballo e o Goberno galego". Como exemplo de que a reforma laboral do PP precarizou o traballo, lembrou que a incidencia dos accidentes laborais baixou ata 2012 e a partir de 2013 creceu nun 30%.

"O 19% dos accidentes de traballo que precisaron baixa médica sufríronos persoas con menos de tres meses no seu posto", denuncia CCOO

UGT incide nesta mesma idea, destacando que "dende a imposición desta Reforma no ano 2012 rompeuse a tendencia á baixa na redución xeneralizada da sinistralidade que se viña rexistrando dende o ano 2000". Tamén CC.OO alerta de que a precaridade laboral "pon en risco a saúde", destacando que "o 19% dos accidentes de traballo que precisaron baixa médica sufríronos persoas con menos de tres meses no seu posto".

Galicia máis que duplica a mortalidade laboral do conxunto de España, con 7.27 traballadores/as falecidos/as por cada 100.000, fronte a unha media estatal de 3.27. Mentres que este índice mantén unha clara tendencia á baixa con respecto aos niveis previos á crise (5.28 en 2007 e 5.24 en 2008), en Galicia apenas varía (7.77 en 2007 e 8.52 en 2008).

Galicia é a comunidade autónoma con máis mortes en termos relativos, por diante de A Rioxa e Castela-A Mancha, e triplica as cifras de Cataluña, Madrid ou Asturias

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.