Tres de cada catro mozos e mozas galegas viven aínda con seus pais

Mocidade no exterior da Cidade da Cultura, en Compostela © Ana Varela/Xunta

Case o 75% (o 73,6%) dos mozos e mozas de Galicia aínda viven con seus pais. As dificultades de acceso á vivenda e de emancipación da xente nova provoca que pouco máis dun cuarto da poboación galega de entre 18 e 29 anos viva fóra cada casa familiar. Practicamente un de cada catro. 

Case o 75% dos mozos e mozas de Galicia viven cos pais; entre os 18 e os 24 anos, o 88% da poboación segue na casa familiar

Así o destaca un informe de UGT-Galicia que aproveita a celebración este 12 de agosto do Día Internacional da Mocidade para debullar a situación laboral da cidadanía máis nova en Galicia en base aos datos estatísticos que analizan a súa situación sociolaboral. 

Así, o sindicato destaca esta "dificultade de acceso á vivenda digna" como un dos grandes problemas da mocidade e engade que de 18 a 24 anos, a porcentaxe de mozos e mozas que viven con seus pais elévase ata o 87,91%. É dicir, que practicamente só unha de cada dez persoas nesta franxa de idade está independizada. 

Unha moza mirando o seu teléfono móbi CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

"Tamén é moi significativo o dato de que tan só o 6% de todos os fogares de Galicia están compostos na súa totalidade por persoas menores de 35 anos", sinala tamén o informe de UGT, que destaca que a súa análise sobre a situación da mocidade "amosa falta de oportunidades" malia ter Galicia pouca poboación nova, que se reflicte en "taxas de actividade moi baixas, altos índices de desemprego, baixos salarios e, como consecuencia de todo o anterior e dos problemas para acceder a unha vivenda, baixísimas taxas de emancipación". 

Si destaca o estudo unha mellora importante nos últimos anos, a da temporalidade, que diminúe "grazas á reforma laboral que segue a dar os seus froitos e está a permitir que a contratación indefinida mellore tamén neste sector da poboación". Así, UGT lembra que a porcentaxe de contratos  indefinidos entre os mozos pasou do 7,7% no 2021 ao 30,85% no 2024.

En termos poboacionais, Galicia ten cada ano que pasa menos mozos e mozas (de 16 a 29 anos), cun peso cada vez menor no conxunto de idades. Hai dende o ano 2010 unha perda de 80.500 persoas que se enmarcan na franxa da idades de entre 16 e 29 anos, o que, en termos relativos, supón unha perda do 19,5%, fronte ao conxunto de idades, onde a perda foi do 1,45%. 

Galicia rexistra a sexta menor taxa de actividade entre a poboación nova de todo o Estado: menos do 50%

Se no 2010 a mocidade tiña un peso sobre o total de idades do 17,1%, no 2024 esta porcentaxe cae ao 14%, un total de de 332.100 mozos e mozas en Galicia, segundo os datos da media anual de 2024. Os datos, destaca UGT, "poderían levar a unha interpretación que resulta errónea". "Ao existir menos poboación nesta franxa de idade as oportunidades no mercado laboral deberían ser máis e mellores pero isto non é así. Todo o contrario. Os máis mozos son o grupo diana das grandes eivas do mercado laboral galego", destaca. 

De feito, Galicia rexistra a sexta menor taxa de actividade no Estado entre a súa poboación máis nova (de 16 a 29 anos), sendo menor tan só en Andalucía, Cantabria, Castela e León, Extremadura e Euskadi. Mentres a media do Estado é do 53%, o país rexistra un 49,5%, moi por debaixo de autonomías como Cataluña, cun 59%. 

Dous mozos cargan caixas nun coche Dominio Público

Ademais, a taxa de paro xuvenil sitúase no 20%, moi afastada do 9,4% do total de idades, un indicador "devastador" para o mercado laboral galego segundo o sindicato, que indica que canto máis se baixa en idade, máis sobe a taxa de desemprego: chega ao 25,7% no tramo de 16 a 24 anos e ao 16,1% no de 25 a 29 anos.

Máis do 70% da mocidade está ocupada no sector servizos e o 25% traballa a tempo parcial

Por sectores, destaca a gran dependencia do sector servizos na ocupación da mocidade, o 71,1%. Dos datos adxuntos, tamén se deduce "a falta de remuda xeracional no sector primario e na construción".

Ademais, a parcialidade tamén tingue o mercado laboral dos máis mozos en Galicia. De feito, o 24,9% da mocidade traballa a tempo parcial, 11,4 puntos máis que o conxunto de idades

A parcialidade faise máis evidente no grupo de 16 a 24 anos, subindo ata o 33,5%. De toda a poboación con contrato a tempo parcial, un 21,2% son persoas de entre 16 e 29 anos, cando este indicador no total da poboación ocupada representa o 11,4%. Ademais, de toda a poboación ocupada con xornada a tempo completo, tan só un 9,9% é poboación nova. 

Fenda salarial

Aínda que a reforma laboral continúa a dar os seus froitos, a temporalidade, aínda que mellora, segue a afectar máis os mozos e mozas. Se o 13% de toda a poboación asalariada é menor de 30 anos, de toda a poboación asalariada con contrato temporal, un 28,4% son mozos e na duración indefinida tan só representan o 10,13%. Dos 121.900 asalariados e asalariadas menores de 30 anos, o 34,7% teñen contratos temporais, o 15,9% no conxunto de idades.

As consecuencias de moitos destes datos son os baixos salarios, que traen como consecuencia importantes fendas salariais da mocidade galega en relación ao conxunto de idades pero tamén en comparación coa do resto do Estado. 

Bloques de vivendas en Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Segundo os últimos datos dispoñibles de 2023, no conxunto do Estado as persoas de entre 25 e 34 anos cobraron ao ano de media 23.376,19 euros, fronte aos 20.076,43 que percibiron os galegos deste mesmo grupo de idade, o que supón unha fenda dun 14,1%. "En materia salarial, se os mozos do conxunto do Estado están en peores condicións, en Galicia esta situación aínda se agudiza máis", di o informe. 

Esa cifra de salario medio anual na mocidade contrasta cos 25.279,15 euros de media xeral, o que supón unha fenda do 20,6%. 

Ante este panorama, UGT-Galicia asegura que "a resignación non é unha opción e hai posibilidades de mellora, como así o está a demostrar a reforma laboral, froito do diálogo social, que está a dar os seus resultados no conxunto de idades diminuíndo a temporalidade e tamén entre os máis mozos".

En relación cos baixos salarios, UGT cre "necesario estar vixiantes coa aplicación do Acordo de Negociación Colectiva e seguir traballando para que o SMI acade o 60% do salario medio que marca a Carta Social Europea".

No relativo ao desemprego, cre que "resulta evidente que urxen Políticas Activas de Emprego, das que ten competencia a Xunta, realmente eficaces e personalizadas en función das necesidades particulares das persoas desempregadas e artellar medidas que permitan achegar xa as necesidade do eido empresarial cos plans formativos en todos os niveis".

A fenda salarial da mocidade galega con respecto á do conxunto do Estado supera o 14%

Tamén insta a Xunta a deter a perda de poboación e o feito de que "a falta de oportunidades, de expectativas, o desánimo fai que os máis mozos busquen o seu futuro noutros puntos xeográficos, dentro do propio Estado, ou fóra". E tanto á Administración autonómica como ao Goberno central pídenlles diálogo social e concertación para acadar acordos que melloren a situación da xente nova. 

Ademais, UGT reclama a reforma do despedimento e advirte de que a redución da xornada laboral ás 37,5 horas semanais "vai beneficiar os máis mozos porque vai xerar emprego, mellorar a conciliación, ao ir acompañada de obrigas de rexistro horario, vai combater as xornadas irregulares que sofren nunha alta porcentaxe os máis mozos, e vai facer máis atractivo o mercado laboral contribuíndo así a afastar a sombra da fuxida do talento do noso territorio". "Que non se atrase máis a concreción desta medida", piden. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.