A Xunta rexeita a solicitude de Santiago para ser zona tensionada

Edificios de vivendas en Santiago e ao fondo, á dereita, o complexo administrativo de San Caetano, sede central da Xunta CC-BY-SA Xunta

A Xunta de Galicia vén de dar por "desistida" a solicitude de zona de mercado residencial tensionado presentada polo Concello de Santiago. Faino, segundo anuncia nun comunicado, ao "non dar resposta válida ao requirimento realizado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para que emendase e completase a documentación presentada coa solicitude".

A Consellería dá por "desistida" a solicitude do Concello por "non dar resposta válida" á petición do IGVS para completar a documentación

Logo de que a pasada semana A Coruña fose a primeira localidade de Galicia en ser declarada zona tensionada, todo parecía indicar que axiña o sería tamén Santiago, outra das cidades que o solicitou e que tiña os trámites máis avanzados á espera do visto e prace da Consellería de Vivenda. 

Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, e María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda CC-BY-SA Xunta

Agora, a Consellería advirte desta resolución que dá por desistida a solicitude do Concello de Santiago en base ao establecido, di, na disposición transitoria vixésimo cuarta da Lei 8/2012, do 29 de xuño, "que no seu parágrafo 4 dispón que o IGVS poderá declarar a zona residencial tensionada 'previa comprobación da integridade e suficiencia da solicitude e a documentación aportada polo concello e unha vez valoradas as circunstancias concorrentes, especialmente a incidencia da declaración na política autonómica da vivenda'.

A Xunta dique as medidas correctoras non supoñían unha "incidencia real, tiñan mínima concreción ou xa estaban en execución e carecían de calendario claro"

Vivenda explica que despois da presentación da solicitude por parte do Concello, o IGVS requiriu completar o proxecto do plan especifico de medidas correctoras para reverter a situación de mercado tensionado "xa que as que estaban incluídas carecían de incidencia real, dunha mínima concreción ou xa estaban en execución e, por outra banda adoecía de calendario claro de aplicación".

Ademais, engade a Consellería, "incluíronse outras dúas cuestións, que tampouco responderon,  como son a elaboración dun novo documento de diagnose realizado a partir de datos oficiais e non dun portal inmobiliario, como era o caso do presentado, e como motivar a proposta de reducir de 10 a 5 o número de vivendas para a consideración de gran posuidor (xa que unicamente afectaba a 100 inmobles)".

Vivenda carga contra o Concello por achegar un documento de diagnose "a partir de datos dun portal inmobiliario"

Antes do requirimento, e segundo explica o comunicado, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, "ofreceu  á alcaldesa de Santiago a posibilidade dunha reunión entre os técnicos do IGVS e dos do Concello".  

Rúa das Rodas, en Santiago de Compostela CC-BY-SA Xosema

"Técnicos do IGVS contactaron cos do Concello, pero a resposta municipal foi obviar as reunións ofrecidas e remitir unha contestación ao requirimento que non dá resposta ao solicitado pola Xunta, limitándose a tentar rebater o contido do requirimento, sen incorporar ningunha modificación substancial", critica a Consellería. 

"Á vista da falta de resposta" da administración local "ás cuestións indicadas no requirimento, a Xunta ten que considerar o desistimento por parte do Concello que, en calquera caso, poderá volver presentar a solicitude coa documentación solicitada para que poida ser tramitada adecuadamente".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.