Santiago solicitará a declaración de zona residencial tensionada cun informe da UDC que avala a proposta

Vista xeral de Santiago desde o monte Pedroso © Turismo de Santiago

O informe elaborado por un grupo de investigación da UDC confirma que o concello cumpre en todo o seu territorio dous dos criterios para solicitar a declaración, que busca regular o prezo do alugueiro

Santiago solicitará a declaración de zona residencial tensionada para a totalidade do termo municipal. Anunciouno este luns pola mañá o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, despois de presentar as principais conclusións da Diagnose da situación e tensionamento do mercado residencial encargada ao Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña. 

O documento confirma "con rotundidade" que Santiago de Compostela cumpre cos requisitos para obter a declaración en todo o seu territorio. Con este aval, o Goberno municipal da capital de Galicia activará o resto de pasos para solicitar á Xunta -administración coas competencias na materia- unha medida que busca regular o prezo do alugueiro.

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás (segundo pola dereita), na rolda de prensa ofrecida este luns, acompañado de Raimundo Otero Enríquez, Estefanía López Salas e Alberto Rodríguez Barcón. © Concello de Santiago

O Goberno local de Santiago activará agora o resto de pasos para solicitar á Xunta -administración coas competencias na materia- a medida

Lestegás explicou que o estudo “confirma que o que máis tensiona o mercado residencial en Santiago é o alugueiro” e destacou que o tensionamento producido tanto polo peso da hipoteca como polo peso do alugueiro na renda dos fogares é maior nas zonas do noso municipio que teñen menores niveis de renda (Belvís e Quiroga Palacios, Vite - Avenida de Castelao e Home Santo), concluíndo que hai “unha relación directa entre tensionamento do mercado residencial e vulnerabilidade socioeconómica”.

Que criterios cumpre Santiago?

A Lei polo dereito á vivenda establece que para a declaración dunha zona de mercado residencial tensionado debe producirse polo menos unha das catro circunstancias recollidas na norma e segundo o estudo da UDC, Santiago cumpre con dúas delas: o custo medio do alugueiro máis os gastos e subministracións básicas supoñen máis do 30% da renda media dos fogares; e a taxa de variación acumulada do prezo medio do alugueiro nos últimos cinco anos supera en máis de tres puntos porcentuais o incremento do IPC.

En varios barrios da cidade o aumento do prezo do alugueiro entre 2018 e 2023 foi superior ao 50%: San Pedro e Leste (59,1%), Vite e Norte (56,8%), Vista Alegre e Noroeste (54,2%) e Fontiñas e Nordeste (53,5%)

O criterio de que os gastos asociados á vivenda pasen do 30% da renda media supérase no conxunto do Concello e en 44 das 75 seccións censuais nas que se divide Compostela. Ademais, algúns barrios de menor renda superan o nivel de forma moi clara: Belvís e Quiroga Palacios (40,9%), Vite - Avenida de Castelao (40,1%) e Home Santo (40%).

En canto ao aumento do prezo medio do alugueiro nos últimos cinco anos, o conxunto do termo municipal cumpre co nivel de encarecemento esixido: 23,8%. De feito, en varios dos barrios da cidade o aumento do prezo foi superior ao 50% entre 2018 e 2023: San Pedro e Leste (59,1%), Vite e Norte (56,8%), Vista Alegre e Noroeste (54,2%) e Fontiñas e Nordeste (53,5%).

Rúa dos Basquiños, en Compostela © Xunta

Nas zonas tensionadas o prezo do alugueiro pasará a estar limitado polo índice de referencia do Sistema Estatal se o caseiro é un gran propietario ou se a vivenda leva máis de cinco anos fóra do mercado. No caso de pequenos propietarios o prezo seguirá a ser o mesmo pero só poderá subir co IPC

Que implica ser zona tensionada?

Nas zonas tensionadas, cando o caseiro é un gran propietario, o prezo estará limitado polo índice de referencia do Sistema Estatal. Con todo, se é un pequeno propietario, o prezo máximo será o do contrato anterior, máis a porcentaxe de actualización que permita a lei (ata un 2,2% en 2025). Se a vivenda alúgase por primeira vez ou despois de 5 anos sen facelo, o prezo estará completamente regulado polo índice de referencia, independentemente de se é un gran propietario ou non.

Cales son os seguintes pasos?

Unha vez que o Concello de Santiago conta coa diagnose realizada polo grupo de investigación da UDC, o concelleiro Iago Lestegas informou de que agora o departamento de Urbanismo e Vivenda "elaborará o proxecto de plan específico coas medidas correctoras que a Xunta esixe que redacten os concellos, pese a que a lei polo dereito á vivenda no seu artigo 18 di que debe facerse cargo da súa redacción 'a administración competente'”.  Canto o proxecto estea rematado, o Goberno local constituirá a mesa sectorial de vivenda, "previsiblemente no primeiro trimestre do ano", indicou Lestegas. 

O concelleiro Iago Lestegas salienta que Santiago avanza “de acordo coa folla de ruta prevista, realizando con rigor os sucesivos trámites esixidos por outras administracións"

"A declaración dun ámbito territorial como zona de mercado residencial tensionado implica tamén a realización dun trámite de información no que deberá poñerse a disposición pública a información sobre a que se basea tal declaración, que conforme á normativa da Xunta será despois da mesa sectorial", engadiu o edil. Deste xeito, o Concello someterá a información pública a diagnose realizada polo Grupo de Estudos Territoriais para que sexa consultada.

Lestegás incidiu en que o proceso “non é sinxelo” e que a Xunta “quixo complicalo aínda máis” cos requisitos que se lles puxeron aos concellos. Non obstante, defendeu que o Concello de Santiago avanza “de acordo coa folla de ruta prevista, realizando con rigor os sucesivos trámites esixidos por outras administracións e seguirá dando todos e cada un dos pasos necesarios para solicitarlle formalmente a declaración do municipio na súa totalidade como zona de mercado residencial tensionado”. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.