A dificultade no acceso a unha vivenda non é un problema exclusivamente urbano, pero é nas cidades, áreas metropolitanas e grandes vilas onde nos últimos anos a escalada dos prezos está a ser máis pronunciada. Tampouco afecta só á xente nova ou ás persoas con ingresos máis limitados, pero son estes colectivos os que máis están a sufrir a actual situación de poucas vivendas dispoñibles, condicións deficientes e prezos disparatados.
As dúas conclusións que se poden tirar do estudo do IGE é que cada vez máis xente aluga a súa vivenda principal e, ademais, que o prezo que paga por ela é cada vez maior
O Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou este venres os datos da súa Enquisa estrutural a fogares correspondentes ao ano 2023. O traballo realiza unha panorámica da realidade económica e social das familias galegas e incorpora varias series de datos relacionadas co alugueiro. As dúas conclusións que se poden tirar do estudo é que cada vez máis xente aluga a súa vivenda principal e, ademais, que o prezo que paga por ela é cada vez maior.
Son moitas as fontes estatísticas que nos últimos anos veñen monitorizando o encarecemento do alugueiro en Galicia, dende o Observatorio da Vivenda de Galicia, dependente da Xunta, que advirte de que os alugueiros subiron un 51% dende o 2015 en Galicia, trinta puntos por riba dos salarios. Tamén as estatísticas do Ministerio de Vivenda as as dos propios portais inmobiliarios apuntan subas semellantes.
Os datos do IGE amosan que o alugueiro medio en Galicia se situou o pasado ano nos 414 euros, un 25,4% máis que catro anos antes. Nas cidades o custo medio é maior (454 euros) e tamén o é a súba dende o 2019 (+28%)
Os datos do IGE amosan que o alugueiro medio en Galicia se situou o pasado ano nos 414 euros, un 25,4% máis que catro anos antes, en 2019. Nas cidades o custo medio é maior (454 euros) e tamén o é a súba dende o 2019 (+28%). A suba acumulada nunha década (entre 2013 e 2023) é do 44,4%.
Porén, tanto esta estatística como as restantes indican que o encarecemento do alugueiro se está a producir en todo tipo de concellos. Nas grandes vilas (entre 20.000 e 50.000 habitantes) o alugueiro medio aumentou un 21% entre 2019 e 2023; nas vilas medias (entre 10.000 e 20.000 habitantes) o custo medrou un 24%; e o mesmo sucedeu nos concellos de menos de 10.000 habitantes, cunha suba do 22,7% entre 2019 e 2023.
O encarecemento dos prezos non é moi diferente nos concellos de menos de de mil habitantes (+22,7 entre 2019 e 2023) ou nas grandes vilas (+21%) e vilas medias (+24%)
O encarecemento xeral do alugueiro ten provocado, ademais, que este desembolso mensual detraia ademais unha porcentaxe importante dos ingresos familiares. No ano 2023 un 11% dos fogares galegos dedicaron máis do 40% dos seus ingresos totais a pagar o alugueiro e outro 12% gastou nesta partida entre o 30% e o 40%.
Habitualmente recoméndase non dedicar máis do 30% dos ingresos ao pagamento do alugueiro, pero un 23% das famillias galegas si que se ven obrigadas a facelo. E aínda que o IGE non ofrece datos segmentados por nivel de ingresos ou tipo de fogar, de seguro que os unipersoais si gastan unha porcentaxe máis importante dos ingresos no alugueiro, o mesmo que as familias de baixos ingresos.
Iso si, os datos de 2023 melloran (probablemente pola suba dos salarios) en relación ao 2022, cando o 27% das familias gastaban máis do 30% dos ingresos no alugueiro.
O 23% das familias galegas que pagan alugueiro dedica a esta partida máis do 30% dos seus ingresos
Segundo o IGE, a situación máis habitual é dedicar entre o 10% e o 20% dos ingresos ao pagamento do alugueiro (así o fai o 41% das familias que alugan a súa vivenda principal). A estatística si reflite que o encarecemento dos prezos provocou que mentres que no ano 2009 o 17% dos fogares dedicaban menos no 10% dos ingresos a pagar o alugueiro, hoxe esa porcentaxe caeu ata o 8%.
O 16,2% das familias galegas viven de alugueiro, por riba do 11% de hai unha década
A segunda conclusión que ofrece o estudo do IGE (e tamén outras fontes estatísticas, coma o Censo) é que cada vez máis xente vive de alugueiro. Galicia (e o conxunto do Estado) é unha terra de propietarios e propietarias, a diferenza do que sucede en moitos países de Europa. Porén, esa realidade foi cambiando de vagar nos últimos anos. No ano 2023 a proporción de familias que pagaban un alugueiro na súa vivenda principal era do 16,2%, unha porcentaxe cativa, pero en ascenso constante dende hai unha década, cando se movía ao redor do 11%.
A porcentaxe é maior nas cidades, onde o 25% das familias vive de alugueiro, unha cifra que medrou de forma importante dende o ano 2013 (17,5%)
A porcentaxe é maior nas cidades, onde o 25% das familias vive de alugueiro, unha cifra que medrou de forma importante dende o ano 2013 (17,5%). Canto maior é o tamaño do concello, máis xente vive do alugueiro e menos é propietaria, de xeito que nas localidades de menos de 10.000 habitantes (cunha poboación máis envellecida) tan só o 7,3% paga un alugueiro na vivenda principal.
As familias onde os ingresos mensuais se sitúan por debaixo dos 600 euros son as que en maior medida viven de alugueiro (28,5%) e aquelas que gañan máis de 2.500 euros son as que menos (11%)
O outro factor, ademais da idade, que fai máis probable estar a alugar a vivenda principal, é o nivel de ingresos. Segundo o IGE, as familias onde os ingresos mensuais se sitúan por debaixo dos 600 euros son as que en maior medida viven de alugueiro (28,5%) e aquelas que gañan máis de 2.500 euros mensuais son as que menos (11%). Porén, en todos os grupos de ingresos a tendencia é que cada vez máis familias aluguen.
O 15,9% das familias galegas están a pagar unha hipoteca, nunha tendencia á baixa. Son máis nas grandes vilas e tamén entre os fogares de ingresos altos
A Enquisa Estrutural a Fogares do IGE ofrece tamén información sobre as familias galegas que están a pagar unha hipoteca (15,88%), unha porcentaxe semellante á das que están a pagar un alugueiro. Porén, neste caso a tendencia é decrecente, pois eran o 20% hai unha década.
Son máis nas grandes vilas (22%) e nas vilas medias (17,7%) que nas cidades (15,7%). E as porcentaxes aumentan en función do intervalo de ingresos: nas familias con ingresos superiores aos 2.500 euros mensuais o 21,7% está a pagar unha hipoteca.