45 anos da 'loita dos pisos', a protesta do estudantado contra o encarecemento dos alugueiros en Compostela en 1979

Mobilización estudantil en 1979 que reclamaba "pisos máis baratos" © Asociación da Prensa de Vigo

Nas últimas semanas colectivos de inquilinos están a poñer sobre a mesa a posibilidade de levar a cabo unha folga de alugueiros. Ao longo da historia hai numerosos exemplos de accións semellantes en distintos lugares do mundo con dificultades de acceso a unha vivenda digna. Sucedeu en Santiago en 1979

Nas últimas semanas colectivos de inquilinos están a poñer sobre a mesa a posiblidade de levar a cabo unha folga de alugueiros, consistente en deixar de pagar o arrendamento mensual, para protestar contra o desfreado encarecemento dos prezos, que converteu o acceso á vivenda no principal problema para unha parte significativa da poboación. Os alugueiros encareceron un 51% en Galicia dende o ano 2015, con subas superiores ao 60% nas cidades, mentres que os salarios aumentaron só un 22% dende entón.

Ao longo da historia hai numerosos exemplos de accións semellantes en distintos lugares do mundo con dificultades de acceso a unha vivenda digna. Así sucedou nos conventillos de Bos Aires en 1907 (cunha destacada participación da colectividade galega), en Glasgow en 1915, en Barcelona en 1930 ou na Universidade de Sussex, no Reino Unido, en 1971. Pero tamén en Galicia tivemos, hai uns 45 anos un movemento de protesta contra o encarecemento dos alugueiros que barallou entre as súas accións deixar de pagar o arrendamento.

Vista do Ensanche de Santiago nos anos 60 do século XX Dominio Público Tirada de memoriasdecompostela.blogspot.com.es

En 1979 había en Santiago 26 mil estudantes universitarios, que ante a carencia de residencias públicas e o limitado número de prazas nos colexios maiores privados (538 en total), vivían maioritariamente en pisos alugados no Ensanche, con prezos moi elevados e moi malas condicións

Sucedeu no curso universitario 1979-80, especialmente en Compostela, pero tamén noutras cidades galegas. Foi un movemento de protesta protagonizado polo estudantado no que se mesturaron o seu rexeitamento á Lei de Autonomía Universitaria (a LAU) aprobada en 1979 cos problemas ligados á vivenda que sufrían na cidade. De feito, o movemento de protesta acabou sendo denominado como a loita dos pisos, como titulou o historiador Carlos Morais o libro que publicou sobre o movemento, publicado en 1996 por Ediciós do Castro.

Cómpre ter en conta o contexto en que se produce esta mobilización: o número de alumnos na Universidade de Santiago medrara de forma moi rápida nos anos anteriores nunha cidade que nese momento non estaba preparada para acoller este contixente de poboación temporal. Os barracóns do Burgo das Nacións acolleron durante anos a centos de estudantes, ata o seu peche en 1976. Neses anos comezaron a alugar habitacións e pisos nos barrios que neses anos se estaban a construír, coma o Ensanche. 

"O alugueiro privado de vivendas acada en Santiago unha das cotas de maior carestía de toda España e está en mans de inmobiliarias que especularon sen escrúpulos durante os últimos anos, cunha oferta de pisos de mala construción e relacións de aluguer que cambian anualmente a vontade do dono", escribía Perfecto Conde en El País

En 1979 había en Santiago 26 mil estudantes universitarios, que ante a carencia de residencias públicas e o limitado número de prazas nos colexios maiores privados (538 en total), vivían maioritariamente en pisos alugados nas rúas Santiago de Chile, Fray Rosendo Salvado, San Pedro de Mezonzo, República Argentina e República do Salvador ou a Praza Roxa -que neses anos gañou o nome popular que acabou por oficializarse-.

A forte demanda, nun contexto ademais de escalada xeral da inflación (do 1976 ao 1980 o IPC subiu anualmente entre o 15 e o 26% en España), disparaba cada curso o prezo dos alugueiros, de xeito que cada mes de setembro os estudantes vían como os seus caseiros lles subían os prezos en varios miles de pesetas.

En 1979, no marco das protestas que se estaban a producir, Perfecto Conde escribía en El País que "o alugueiro privado de vivendas acada en Santiago unha das cotas de maior carestía de toda España e está en mans de inmobiliarias que especularon sen excesivos escrúpulos durante os últimos anos, deixando a consecuencia dunha oferta de pisos de mala construción, que de cando en cando teñen calefacción, cargados de humidade, apenas dotados de mobiliario e relacións de aluguer que cambian anualmente a vontade do dono". Os prezos, ademais, roldaban os 25.000 pesetas ao mes. 

O Burgo das Nacións, en Compostela, no ano 1965. Arquivo Pando © IPCE

As protestas comezaron o 26 de outubro de 1979. Demándábase dende a apertura de residencias públicas ata a regulación dos prezos do alugueiro e "a participación do pobo na distribución do solo"

O malestar medraba entre o estudantado, que reclamaba a baixada dos prezos dos alugueiros, que cualificaban que "abusivos" e a dotación de prazas en residencias universitarias públicas, comezando pola recuperación do Burgo das Nacións como aloxamento e a habilización doutros espazos (coma o complexo de Lamas de Abade). Era, ademais, un tempo de gran mobilización política entre a mocidade universitaria, con fortes organizacións como Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA, vencellada á UPG) ou as ligadas ao Partido Comunista, ao MCG, á LCR, ao PTG ou ao POG e outros partidos, ademais de importantes colectivos de carácter ácrata.

As protestas comezaron o 26 de outubro de 1979. Para tratar o problema, convocouse “aos traballadores e estudantes de Santiago” a unha asemblea e a unha manifestación. Como recolle Carlos Morais na súa obra. demandábase que o prezo dos alugueiros subira como máximo o mesmo que o IPC, pedíase tamén a "clarificación legal da situación legal dos pisos de alquiler” e "a participación do pobo na distribución do solo". Ademais, esixían da Universidade de Santiago a reapertura da residencia do Burgo das Nacións e tamén do comedor universitario, que tamén fora pechado.

As protestas foron gañando en intensidade, con manifestacións, peches, ataques contra inmobiliarias ou a colocación de barricadas nas rúas. Tamén aumentou a represión policial

O movemento acadou dende o inicio unha grande extensión entre o estudantado, formándose comités abertos e unha coordinadora, que buscaba organizar as accións. Dende o primeiro momento Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) rexeitou participar na protesta, cualificando o conflito como "unha manobra do españolismo”. ERGA, como publicou nunha análise no seu órgano Lume, que recolle tamén Morais, defendía que os propietarios dos pisos do Ensanche eran en boa medida "emigrantes retornadas" que investiran os seus aforros na compra destes inmobles e que, polo tanto, formaban parte das "clases populares galegas". Un rendismo popular que, en parte, se mantén na actualidade, por certo. A organización estudantil nacionalista denunciaba que o conflito só buscaba enfrontar o estudantado con estas clases populares, debilitando así “a conciencia nacional e a nosa capacidade organizativa".

'A luita dos pisos 1979-80. Unha aproximación', de Carlos Morais © Ediciós do Castro

O sindicato nacionalista Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) rexeitou participar na protesta, cualificando o conflito como "unha manobra do españolismo” que buscaba enfrontar o estudantado cos pequenos propietarios, que formaban parte das "clases populares galegas"

As protestas foron gañando en intensidade, dirixidas tanto contra o Reitorado, coma contra os propietarios e as empresas inmobialiarias, o Concello ou o xornal local El Correo Gallego, cuxa sede chegou a ser apedreada, o mesmo que as oficinas das inmobiliarias. Leváronse a cabo peches e folgas de varias semanas en moitas facultades, concentracións, distribución de panfletos, festas populares nas rúas, cazoladas, manifestacións e saltos que buscaban evitar o control policial. E mesmo instaláronse barricadas -plantando lume a residuos e cruzando coches- nos accessos a Santiago de Chile e outras rúas que impedían o paso da Policía, que reprimiu con dureza as protestas, cargando contra manifestacións e asembleas e provocando un gran número de feridos por golpes de porra ou de pelotas de goma. Houbo ademais un gran número de estudantes detidos. Tamén actuaron contra os estudantes os grupos violentos de extrema dereita tan habituais neses anos.

Tamén foi moi significativa a posta en marcha dun repertorio de mobilización con prácticas orixinais, dende a realización de performances, á organización dunha universidade popular, folgas de consumo e a proposta dunha folga de alugueiros

Tamén foi moi significativa a posta en marcha dun repertorio de mobilización con prácticas orixinais, que ían dende a realización de simpas en moitos restaurantes por parte de grupos de estudantes que marchaban ao berro de "que pague o reitor", á execución de performances situacionistas que pasaban polo nomeamento de honoris causa a un burro ou a elección como reitor dun porco. Tamén se organizou unha "universidade paralela" con ágoras populares na Praza da Quintana e outros espazos nas que se impartían de xeito aberto clases maxistrais. Accións que, por certo, se puxeron de novo en práctica durante as protestas contra a LOU no curso 2001-2002. 

La Voz de Galicia foi o xornal que realizou unha cobertura máis intensa das protestas estudantís de novembro de 1979 © La Voz de Galicia

A continuidade e fortalecemento do momento levou á Universidade a decidir a suspensión das clases durante dúas semanas, buscando (e conseguindo) que unha parte do alumnado marchase da cidade de volta ás súas localidades de orixe

Propuxéronse, ademais, folgas de consumo, pedindo ao estudantado que nun determinado día non mercase nada nos comercios da cidade para amosar a súa relevancia para a economía local. E, igualmente, barallouse a posibilidade de deixar de pagar os alugueiros como medida de presión para reducir os prezos.

Ademais, houbo un intento de radiografiar a situación exacta dos alugueiros na cidade, de xeito que a Coordinadora Aberta distribuíu entre os estudantes un cuestionario para coñecer os prezos que pagaban polo alugueiro e as condicións de habitabilidade que presentaban os inmobles.

Durante case todo o mes de novembro de 1979 a cidade de Santiago estivo paralizada polas protestas. A tensión chegou ao seu punto máximo na xornada de loita convocada polo estudantado o 27 de novembro, na que se produciron enfrontamentos coa policía en Santiago e noutras cidades galegas

Durante case todo o mes de novembro de 1979 a cidade de Santiago estivo paralizada polas protestas, mesturándose ademais coa mobilización social contra a proposta de autogoberno recortado realizada pola UCD e en demanda dun Estatuto de Autonomía de primeiro nivel para Galicia. A Universidade, dirixida nese momento polo reitor José María Suárez Núñez, político ademais da UCD, reaccionou en primeiro lugar desprezando as demandas do estudantado "manexado por unha minoría, mesmo marxinal, que non ten outro propósito que o de alterar a vida académica". A continuidade e fortalecemento do momento levou á USC a decidir a suspensión das clases durante dúas semanas, buscando (e conseguindo) que unha parte do alumnado marchase da cidade de volta ás súas localidades de orixe.

Un cento de profesores -especialmente os penenes (profesores non numerarios) sen praza estable- asinou un escrito de apoio aos estudantes no que denunciaba as "formas autoritarias de xestión" do reitor, do que esixían a dimisión. 

O anuncio de que a USC volvería abrir o Burgo das Nacións como residencia universitaria, unha das principais reivindicacións dos estudantes, acalmou as protestas © La Voz de Galicia

Finalmente, o reitor acabou por anunciar a reapertura do Burgo das Nacións como aloxamento para estudantes e do comedor universitario, dúas das principais reivindicacións do movemento

A tensión chegou ao seu punto máximo na xornada de loita convocada polo estudantado o 27 de novembro, na que se produciron enfrontamentos coa policía en Santiago e noutras cidades galegas, coa ocupación de facultades e escolas e un gran número de feridos e detidos.

Finalmente, o reitor acabou por anunciar a reapertura do Burgo das Nacións como aloxamento para estudantes e do comedor universitario, dúas das principais reivindicacións do movemento -e aquelas que si dependían directamente da USC-. Ademais, o Concello comprometeuse a "ofrecer terreos" para a construción de novas residencias. As restantes demandas, máis complexas e ligadas ao prezo dos alugueiros, foron ignoradas e o movemento estudantil, aínda que se mantivo activo o resto do curso, foise diluíndo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.