"Parecía que os nosos problemas como inquilinos eran individuais, pero convertémolos nunha loita colectiva"

Protesta en demanda dun mínimo do 30% de vivenda protexida © Sindicat de Llogaters

O acceso á vivenda converteuse nos últimos anos nun dos grandes problemas sociais, sobre todo nas grandes cidades. Os aumentos nos prezos dos alugueiros -nomeadamente nos barrios céntricos- obrigan a moitas persoas a marchar, buscando vivendas máis baratas. 

Entre o 2016 e o 2019, os prezos dos alugueiros nas cidades galegas medraron un 15%, uns aumentos que no centro de Vigo ou A Coruña foron moi superiores

Na súa recente visita ao Estado español, o relator especial da ONU para a pobreza, Philip Alston, alertou de que España vive "unha crise de vivenda de proporcións inquietantes" e de que "a vivenda de baixo custo é case inexistente". Alston comentaba que "coñecín persoas que perderon todos os seus aforros durante a crise, que teñen que elixir entre pór comida sobre a mesa ou quentar unha casa, e que afrontan a posibilidade de ser desaloxadas, incapaces de atopar unha vivenda alcanzable".

O problema, que é máis grave en Madrid ou Barcelona, hai tempo que chegou a Galicia. Entre o 2016 e o 2019, os prezos dos alugueiros nas cidades galegas medraron un 15%,  uns aumentos que no centro de Vigo ou A Coruña foron moi superiores, con prezos medios que superan xa os 600 e os 700 euros en varios distritos. Os inquilinos e inquilinas sofren malas condicións nas súas vivendas (por exemplo os e as estudantes de Compostela), e de igual xeito tamén se está a notar a presión exercida polos pisos turísticos. A maior parte dos desafiuzamentos teñen como orixe as dificultades para pagar o alugueiro e en Galicia tamén se deron casos de edificios de vivenda social adquiridos por fondos voitre.

Acto do Sindicato de Inquilinas e Inquilinos de Madrid © Inquilinato

A Coruña acolle este sábado un encontro sobre dereito á vivenda, políticas públicas e sindicalismo social

A Coruña acolle este sábado un encontro sobre dereito á vivenda, políticas públicas e sindicalismo social. Organizadas pola Marea Atlántica, a xornada 'O mercado vs a cidade' reúne no Centro Cívico de Monte Alto a expertos como Plácido Lizancos (membro do Grupo de Estudios Territoriais da UDC) e Xosé Allegue (arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Compostela), a representantes do Bloco de Esquerdas, Compostela Aberta, Marea Atlántica ou Barcelona en Comú e tamén a integrantes de tres colectivos sociais que loitan polo dereito á vivenda: Raquel Souto, do Sindicat de Llogaters de Barcelona; José Luis de la Flor, do Sindicato de Inquilinas de Madrid; Sara Fernandes, do Coletivo Habita de Lisboa.

A xornada busca analizar a situación da vivenda na cidade da Coruña, poñendo unha atención especial na problemática dos prezos dos alugueiros, a presenza de grandes propietarios na cidade e a cuestión dos pisos baleiros en propiedade de entidades financeiras. Tamén se quere "reflexionar sobre o papel estratéxico do sindicalismo social e os movementos na loita polo dereito á vivenda" e, igualmente, contrastar as políticas públicas de vivenda aplicadas en diferentes cidades, reflexionando sobre a súa posible adaptación á cidade da Coruña. 

José Luis de Flor: "o que está sucedendo sucede porque a lei o permite, porque non hai unha regulación dos prezos do alugueiro

"Vivimos unha burbulla de prezos, que se dá nun contexto de redución do poder adquisitivo, o que leva a unha gran precariedade", destaca Raquel Souto (Sindicat de Llogaters), en conversa con Praza.gal, diagnóstico no que concorda José Luis de la Flor (Sindicato de Inquilinas), que destaca que "o que está sucedendo sucede porque a lei o permite, porque non hai unha regulación dos prezos do alugueiro". "As reformas lexislativas que vivimos nos últimos anos reforzaron o aluguer de vivenda como un elemento do mercado, deixando de lado a súa comprensión como dereito á vivenda", explica.

Neste senso, ambos os dous cualifican negativamente o decreto-lei aprobado o pasado ano e que modificou levemente a normativa, establecendo algún elemento máis de protección para os inquilinos "grazas ás presións que exerceron os movementos sociais". "Pero ficamos lonxe do obxectivo de regular os prezos do alugueiro, que sería a única maneira de garantir a posibilidade de acceso á vivenda. É unha esixencia que lle facemos ao novo Goberno progresista", sinala José Luis de la Flor. "Deixou as cousas case como estaban e gustaríanos que tivese sido máis ambiciosa", engade Raquel Souto.

Protesta do Colectivo Habita de Lisboa © Habita

Raquel Souto: "Demandamos que á banca se lle expropien os pisos baleiros para xerar un parque público que dea servizo á cidadanía"

"Na historia da Lei de Arrendamentos Urbanos e as súas sucesivas modificacións, o inquilino cada vez tivo menos dereitos e os seus contratos cada vez duraron menos, o marco normativo cada vez foi máis negativo", di a integrante do Sindicat de Llogaters. "O que pedimos é que a duración dos contratos sexa maior e que os prezos estean regulados en función da renda. Reclamamos igualmente a eliminación das SOCIMIs e de todos os seus privilexios fiscais. E demandamos tamén que á banca se lle expropien os pisos baleiros para xerar un parque público que dea servizo á cidadanía e que ademais poida ter influencia sobre os prezos", di.

O mesmo reclama José Luis de la Flor, que subliña que "habería que garantir por lei a creación dun parque público de vivenda e este papel o debería cumprir a SAREB, que ten milleiros de vivendas que son da cidadanía, porque xa foron pagadas cos cartos de todos, e que deberían ser a base deste parque público de vivenda". O representante do colectivo madrileño alerta de que "a situación mesmo empeorou" con respecto aos primeiros anos da crise. "Cando comezou a crise das hipotecas, podíamos protestarlle ao banco que expulsaba a unha persoa da súa casa, podíamos organizarnos e facer presión diante das súas sucursais. Agora, estes fondos voitre operan fóra de España e é aínda máis difícil loitar contra eles", di.

Raquel Souto pon en valor o valor da "organización" de inquilinas e inquilinos. "Unha das partes do noso traballo ten que ver coa presión sobre as institucións e os partidos, pelexando por un cambio normativo que consiga un marco que mude a actual situación de indefensión total", di. "De igual xeito, o Concello pode apoiarnos en certas loitas. Pero a clave é a autoorganización", engade.

"Na historia da Lei de Arrendamentos Urbanos e as súas sucesivas modificacións, o inquilino cada vez tivo menos dereitos e os seus contratos cada vez duraron menos"

Destaca que ata agora as persoas que pagaban un alugueiro non funcionaban como colectivo, a pesar de ter problemas e necesidades comúns. "Era un suxeito político que non existía e no que primaba a atomización. Parecía que os nosos problemas como inquilinos e os abusos aos que nos viamos sometidos eran individuais e que só lles podiamos facer fronte de forma individual, ou como moito coa axuda do concello", di.

"Por iso a forza do Sindicat de Lllogaters é converter esta atomización nunha loita colectiva, decatándonos de que os problemas e abusos son moi semellantes e de que loitando xuntas podemos chegar a éxitos e a negociacións ás que por separado non podiamos chegar", conclúe.

Manifestación do Sindicat de Llogaters © Sindicat de Llogaters
Cartel das xornadas © Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.