Guía para denunciar pisos turísticos ilegais: acción directa no activismo galego pola vivenda

A rúa da Franxa, nunha das contornas máis turísticas da Coruña, nunha imaxe de arquivo © Concello da Coruña

A Plataforma Polo Dereito á Vivenda explica en que cómpre fixarse para detectar que unha vivenda de uso turístico non cumpre coa normativa. "Son actividades hostaleiras que deberan tributar como o que son e ademais, cumprir a lei", subliñan

"Son actividades hostaleiras que deberan tributar como o que son e ademais cumprir a lei, algo que non ocorre coa inmensa maioría deste tipo de negocios". É a premisa da que parte a Plataforma Polo Dereito á Vivenda, un dos colectivos que veñen tentando poñer en primeiro plano do activismo a reivindicación do dereito a un teito digno e accesible e que desta volta anima á acción directa mediante o uso de ferramentas legais contra os pisos turísticos.

Esta plataforma, en marcha na cidade da Coruña, evidencia que está "en contra das vivendas turísticas de plataformas como AirBnb". Rexéitanas, especifican, porque "limitan o acceso á vivenda para a maioría das persoas, non pagan os impostos que deberan como actividade hostaleira, prexudican o emprego e afectan negativamente aos barrios". Pero ademais "moitas non cumpren coa legalidade". E é neste punto no que poñen o foco cunha campaña para animar a denunciar e explicar como facelo.

"Queremos chegar a prohibilas totalmente en zonas onde o acceso á primeira vivenda sexa un problema", admiten, pero de entrada subliñan a importancia de actuar contra as irregulares. Mediante un vídeo publicado nas redes sociais resaltan que para que un piso turístico "sexa legal" debe estar de alta no rexistro turístico da Xunta. Daquela, "na plataforma onde estea anunciada debe aparecer un código" que comece coas letras "VUT" e continúe coas letras CO, LU, OU ou PO, en función da provincia.

Se o piso turístico "non está" no rexistro da Xunta, "xa sabes que é ilegal" pero, advirten, "se está non quere dicir que sexa legal", porque cómpre o rexistro estatal e en concellos como A Coruña ou Santiago, a licenza municipal

"Se non aparece ese código xa é sospeitoso", advirten. Animan tamén, asemade, a realizar buscas no rexistro da Xunta co "enderezo exacto" de cada vivenda turística. "Se non está, xa sabes que é ilegal" pero "se está, non quere dicir que sexa legal", porque os pisos turísticos deben cumprir máis normas: figurar "no rexistro de vivendas de curta duración" do Estado e, en diversos concellos, contar coa licenza correspondente, caso da Coruña ou Santiago, por exemplo.

Para o concello coruñés en concreto, especifica a Plataforma Polo Dereito á Vivenda, a ordenanza municipal vixente dende mediados deste ano. "A normativa di que a vivenda de uso turístico só pode estar nun baixo, nun primeiro piso ou nun edificio enteiro", polo que "se sabes onde hai unha" que non cumpra estas condicións, "é ilegal" e é posible "denunciar enviando un escrito ao Concello". Para facilitalo, a Plataforma elaborou un modelo que está a difundir por varias vías -entre outras, unha canle de Telegram- e acudirá o vindeiro día 19 ao Reixstro Municipal para presentar conxuntamente varias denuncias.

Vídeo elaborado na Plataforma Polo Dereito á Vivenda para animar a denunciar pisos turísticos irregulares

"Do mesmo xeito que calquera negocio precisa dunha licenza para poder exercelo, as vivendas turísticas deben cumprir coa normativa. Se non a cumpren, non poderán exercer a actividade" e a Plataforma vai tentar contribuír a que non poidan facelo, resumen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.