Máis da metade dos pisos turísticos galegos aínda non legalizaron a súa situación no Ministerio

Cartel dunha vivenda de uso turístico ©

Tan só 10.157 vivendas de uso turístico galegas están xa inscritas no rexistro obrigatorio posto en marcha polo Ministerio de Vivenda. Son apenas o 36% das que, segundo o rexistro da Xunta, están en funcionamento

Dende o pasado 1 de xullo é obrigatorio que todas as vivendas de uso turístico (VUT) e alugueiros de tempada estean inscritos no rexistro posto en marcha polo Ministerio de Vivenda en colaboración co Colexio Oficial de Rexistradores. A partir de agora, para poder funcionar sen incumprir a lei, estes pisos turísticos deberán dispoñer deste número de rexistro e facelo constar nas plataformas nas que se anuncien (Airbnb, Booking...) e noutros materiais promocionais.

Dous meses e medio despois, os propietarios destes establecementos presentaron solicitudes para legalizar 12.797 vivendas situadas en Galicia. Delas, 2.640 foron revogadas por non cumprir con requisitos legais. Outras 10.157 están xa rexistradas legalmente ou en proceso de facelo, segundo os datos máis actualizados, facilitados o 15 de setembro a Praza.gal polo Ministerio de Vivenda.

Trátase dunha cifra importante e en crecemento: o 7 de xullo o número de solicitudes presentadas era de 8.416, catro mil menos. Porén, aínda é moi elevado o número de vivendas de uso turístico galegas que nin sequera iniciaron os trámites para legalizar a súa situación.

Ademais, as solicitudes de 2.640 foron revogadas por non cumprir con requisitos legais. En total, presentáronse 12.797 solicitudes, o que significa de cando menos 15.742 nin sequera iniciaron os trámites

Segundo o Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT) en Galicia están a funcionar 28.539 vivendas de uso turístico, segundo os últimos datos, correspondentes ao 1 de setembro. Isto significa que cando menos 15.742, máis da metade das rexistradas ante a Xunta, non presentaron aínda a súa solicitude no rexistro aberto polo Ministerio de Vivenda.

Nas catro provincias galegas a porcentaxe de vivendas de uso turístico -tomando como dato de referencia o total de pisos turísticos rexistrados pola Xunta- que presentaron a súa solicitude de rexistro ante o Ministerio móvese entre o 44% de Lugo e o 46% de Ourense, cunha media para o conxunto de Galicia do 44,8%. Nestas cifras inclúese unha parte -ao redor do 20%- cuxa solicitude foi revogada.

O Ministerio de Vivenda enviou ás plataformas dixitais máis utilizadas (como Airbnb ou Booking) os datos das 2.640 VUT galegas que incumpren a legalidade para que retiren os seus anuncios

É posible que o número de vivendas de uso turístico realmente existente sexa aínda maior, polas sospeitas de que existan pisos turísticos que nin sequera formalizaron a súa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia. Tamén o Instituto Nacional de Estatística (INE) iniciou ahi tempo unha estatística experimental, que emprega a técnica do web scraping, que mediante programas de software extrae os datos das tres plataformas máis utilizadas de aloxamento turístico en España. Os datos desta medición adoitan ser inferiores aos achegados polo REAT da Xunta.

2.640 VUT galegas notificadas ás plataformas para a retirada dos seus anuncios

Vigo é o concello con máis solicitudes revogadas (227), por diantes de Sanxenxo (196), A Coruña (140), Santiago (128) ou Pontevedra (111) 

O pasado domingo o Ministerio de Vivenda informou de que enviara ás plataformas de aloxamento turístico máis utilizadas (como Airbnb ou Booking) unha listaxe das vivendas de uso turístico cuxa solicitude de rexistro fora revogada por incumprir os requisitos legais. A notificación debe levar á retirada dos anuncios destas VUT nestas plataformas, que nos últimos meses se comprometeron a só aceptar anuncios dos pisos turísticos legais.

En Galicia son 2.640 as vivendas de uso turístico cuxa solicitude foi revogada, o 20,6% das presentadas. Pontevedra é a provincia con máis solicitudes revogadas (1.279), pero A Coruña (992 revogadas) é a que presenta unha maior proporción de solicitudes que incumprían os requisitos legais (22,9%). Ourense, en cambio, é onde menos solicitudes foron rexeitadas (só o 11,4%).

Aviturga defende que estes establecementos non son ilegais ata que o diga a Xunta, pero recoñece que xa non se poderán anunciar en Internet

Por concellos, destaca o caso de Vigo, onde 227 solicitudes foron revogadas, por diante de Sanxenxo (196), a pesar de que a localidade do Salnés conta cun número maior de VUT, segundo as cifras do rexistro da Xunta. A Coruña (140), Santiago (128) ou Pontevedra (111) superan tamén o cento de solicitudes revogadas, notificadas ás plataformas para a súa eliminación.

Pola súa banda, a Asociación de Viviendas Turísticas de Galicia (AVITURGA) reaccionou á notificación ás plataformas online dos pisos turísticos que non cumpren cos resquisitos legais afirmando "non son ilegais" e que "deberán ser as Comunidades Autónomas as que revoguen, no seu caso, as licenzas concedidas ou declaracións responsables emitidas". Con todo, recoñecen que a partir de agora, estes pisos turísticos xa non se poderán "comercializar a través de páxinas webs que promocionan este tipo de ofertas".

A entidade defende, ademais, que estes pisos turísticos declarados ilegais non pasarán a engrosar o mercado residencial, senón que "os efectos inmediatos serán, que ou ben estas propiedades pasen a alugarse por curta estancia ou directamente pasen a incrementar o parque de vivendas pechadas polos propietarios". Aviturga esixe que se derrogue a actual Lei de Vivenda "e se restableza a seguridade xurídica que dea garantías los arrendadores".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.