Hai menos anuncios de alugueiro nos portais habituais pero non menos pisos ou casas alugadas. O parque de alugueiro habitual medrou un 26,5% desde 2018 en Galicia, ao tempo que os contratos foron facéndose algo máis longos e as ofertas en Idealista caeron.
É unha das conclusións dun informe elaborado polo Ministerio de Consumo a partir dos datos da Axencia Tributaria (AET) e do Instituto Nacional de Estatística (INE), coordinado polo investigador Javier Gil, do Instituto de Filosofía do Consello Superior de Investigacións Científicas (IFS-CSIC).
Un xeito, tamén, de desmentir unha das máximas difundidas por PP e Vox nos últimos meses e nesta campaña electoral: a que indica que a "inseguridade xurídica" provocada pola lei de vivenda e as "ineficaces medidas" do Goberno de España provocaron que saísen do mercado "máis do 60% dos pisos que se alugaban", como indicou hai poucos días a candidata ao Congreso polo PP na Coruña Tristana Moraleja.
Populares e ultradereita chegaron a cifrar en 400.000 vivendas as que desapareceran do parque de alugueiro desde 2018, como insistiron no debate deste pasado xoves Feijóo e Abascal e como dixera a portavoz de Vox, Pepa Millán, no debate a oito desta mesma semana en TVE. Apóianse nun informe de Idealista publicado en outubro que cifraba en case esa cifra redonda o número de pisos e casas desaparecidas do seu portal inmobiliario.
O informe desmente a PP e Vox, que baseándose en Idealista aseguran que desapareceron 400.000 vivendas en alugueiro en España desde 2018: aumentaron en máis de medio millón
Pero segundo o estudo, presentado este xoves, o parque de vivendas en alugueiro habitual creceu todos os anos en España entre 2018 e 2024. Nese período, as vivendas que as persoas físicas declararon ter alugado como residencia habitual pasaron de arredor de 2 millóns a 2,51 millóns, un 25,6%, un incremento un chisco inferior ao que se deu en Galicia, que pasou das 126.000 ás case 160.000 neses seis anos.
Son, en concreto en Galicia, 33.332 vivendas máis en alugueiro. Un incremento do parque de vivendas para alugar que se dá en todas as comunidades autónomas, situándose o país moi próximo á media de aumento no conxunto do Estado, onde destaca a suba na Comunitat Valenciana (+42,7%) ou Castilla-La Mancha, Andalucía, Extremadura e Murcia, todas elas por riba do 30%.
Ademais, o informe analiza os anuncios de alugueiro de vivenda habitual publicados precisamente en Idealista, o principal portal inmobiliario de España, desde ese 2018 e ata o pasado ano 2025. Segundo os datos, estes anuncios diminuíron un 43,5% no Estado, pasando de 902.664 a 510.091 (392.573 menos), mentres que en Galicia o descenso foi do 37%, ao pasar de 38.943 a 24.515, 14.428 menos.
En Galicia, o número de vivendas en alugueiro aumentou en máis de 33.000 mentres os anuncios en Idealista descenderon en 14.500
Estes anuncios diminuíron en todas as comunidades autónomas agás La Rioja e en 41 das 50 provincias con datos, alcanzando as caídas en Barcelona e Madrid máis do 82% e do 58% respectivamente. En 2018 publicáronse 43,8 anuncios por cada 100 vivendas alugadas, mentres que en 2025 foron 19,8, menos da metade. En Galicia, pasouse de 31,9 por cada cento a 16, un descenso do 50%.
Contratos máis longos e estables
Xa que logo, segundo se tira do estudo, que haxa menos ofertas publicadas non implica que haxa menos vivenda en alugueiro. Se os contratos duran máis, renóvanse automaticamente e son máis estables —como sucede desde que se aprobou a Lei de Vivenda en 2023— amplíase o parque aínda que saian menos ao mercado das inmobiliarias.
Os datos achegados a través das declaracións da Renda de 2020 a 2024 e estimacións de anos anteriores corroboran que en España hai máis de medio millón máis de vivendas en alugueiro desde 2018, unha cifra que non inclúe Navarra e Euskadi, cun sistema tributario propio que non achega datos á Axencia Tributaria.
Segundo o informe do Ministerio, a menor rotación de inquilinos, que permanecen máis tempo nas súas vivendas, axuda a explicar a redución de anuncios publicados.
Unha menor rotación dos inquilinos, que permanecen máis tempo nas vivendas, axuda a explicar a redución de anuncios, da que tiran PP e Vox
Así, os contratos vixentes son cada vez máis antigos no Estado: a antigüidade media pasou de 3,2 anos a 4 entre 2019 e 2023 e a proporción de contratos de menos de 5 anos de antigüidade aumentou do 19,4% ao 29,9%, mentres que a dos contratos de menos de tres anos descendeu do 64% ao 50%.
Pero o problema de prezos e escaseza de vivendas en alugueiros accesibles non cesa. Entre 2020 e 2024, por exemplo, o número de vivendas alugadas para outros usos aumentou un 46% frronte ao 17% das alugadas como vivenda habitual.
O peso do alugueiro turístico ou de temporada
Neses "outros usos", a Axencia Tributaria inclúe as que o arrendador non declara como residencia habitual do inquilino, entre elas as destinadas a alugueiro de temporada ou ao turístico. Pasaron de 246.000 e 360.000 en só catro anos e o seu peso no conxunto das vivendas alugadas subiu do 10,3% ao 12,5%.
Segundo o INE, entre febreiro de 2022 e febreiro de 2024 o número de vivendas turísticas anunciadas en plataformas aumentou case un 23% en toda España.