O ruído e a velocidade propia da campaña deixou en segundo plano o visto e prace da Deputación Permanente do Congreso a medidas como a prórroga de contratos de alugueiro que venzan ata finais de 2028 ou a extensión do límite ás subas de prezos de pisos arrendados
O decreto do Goberno de España co groso das medidas urxentes de vivenda seguirá en vigor. A Deputación Permanente do Congreso convalidou o pasado xoves, ao día seguinte da folga xeral e ás portas da campaña das eleccións xerais do 29N -que principiou oficialmente ás 00:00 do venres, 13 de novembro- o Real Decreto-Lei que inclúe medidas coma o freo a desafiuzamentos para poboación vulnerable, a prórroga de contratos de alugueiro que venzan ata o 31 de decembro de 2028 ou máis impostos aos pisos turísticos, entre outras medidas.
O "si" saíu adiante grazas aos votos dos grupos que sustentan o Goberno (PSOE e Sumar) xunto a ERC, EH Bildu, PNV, Podemos e o BNG. Foron 35 apoios fronte aos 34 que suman PP, Vox e Junts neste órgano que substitúe ao pleno en períodos inhábiles ou cando a Cámara está disolvida por unha convocatoria electoral. O ruído e velocidade da propia campaña deixou este logro en segundo plano. Como se prevía, o segundo dos decretos, que contemplaba unha renovación automática xeral de contratos de alugueiro, quedou derrogado ao non contar co apoio do PNV, coa mesma posición que no primeiro decreto entre o resto de grupos.
Entre as medidas do primeiro decreto, que si continuarán en vigor -agás no caso de que o Goberno conformado tras as eleccións do 29N decida modificalas ou derrogalas- tras o visto e prace da Deputación permanente destaca a suspensión dos desafiuzamentos para poboación en situación de pobreza. Pasa a estar reformulada: o desaloxo fica suspendido ata finais de 2030 se o propietario do piso é un fondo voitre, que non terá compensación ningunha. No resto de casos esa compensación económica existirá por parte da Administración pública -o Estado ou a Xunta, en función de diversos supostos- ata a fin do contrato se non ofrece unha alternativa de vivenda á persoa en situación de pobreza.
Os gobernos coruñés e compostelán quedan habilitados para subir o Imposto de Bens Inmobles entre un 50% e un 150% aos pisos turísticos, que ademais pasan a pagar IVE coma os hoteis
Xunto a esta e outras medidas de aplicación xeral, como a obriga de non subir os prezos dos alugueiros por riba do índice de referencia (IRAV) fixado polo Estado, moi por baixo do incremento xeral dos prezos (actualmente, algo menos do 2,5%), hai algunhas das que só se poden beneficiar os territorios declarados como zona de mercado residencial tensionado. No caso galego, as cidades da Coruña e Santiago.
Así, por exemplo, nos termos municipais coruñés e compostelán as persoas propietarias de vivendas que asinen novos contratos rebaixando o prezo (cando menos un 5%) terán máis descontos na declaración da renda. E, alén das obrigas e beneficios para particulares, os respectivos gobernos municipais consolidan agora as súas marxes para actuar fiscalmente fronte aos pisos turísticos e as vivendas baleiras.
A convalidación do Real Decreto-Lei consolida a obriga de que os pisos turísticos pasen a pagar IVE coma os hoteis (ao 10%) pero ademais, nos concellos que son zona tensionada como A Coruña e Santiago, os "inmobles de uso residencial que se atopen destinados a aloxamentos de uso turístico identificados de acordo coa normativa de cada comunidade autónoma" -no caso galego, un decreto de 2017- pasa a poder aplicarse "unha recarga de ata o 50%" do Imposto de Bens Inmobles (IBI).
Esa recarga poderá ser maior en certos supostos. Os gobernos que dirixen Inés Rey (PSdeG) e Goretti Sanmartín (BNG) poden modificar as ordenanzas correspondentes e duplicaren o IBI que pagan os pisos turísticos (recarga do 100%) "cando se trate de titulares de catro ou máis inmobles de uso residencial destinados a aloxamentos de uso turístico". A suba poderá chegar ata o 150% para persoas ou empresas que teñan catro ou máis pisos turísticos.