Con Ángeles Vázquez á fronte a daquela Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda puxo o foco nunha suposta "impunidade" das ocupacións mentres impulsaba apenas unha trintena de vivendas de promoción pública en sete anos
A enorme repercusión política e social do accidente ferroviario que provocou cando menos 69 mortes en Urda (Toledo) deixou aínda máis en segundo plano a nova crise de goberno na Xunta provocada, outra volta, para secundar a Alberto Núñez Feijóo nas listas do PP ao Congreso. Esas mudanzas, que aínda continuaron esta mesma semana na cúpula de varias consellerías, que quen ata agora era conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.
Dende que Feijóo a traspasou de Medio Rural a Medio Ambiente en 2018 e ata que Alfonso Rueda compuxo o goberno tras gañar as eleccións galegas de 2024, de Vázquez dependeu tamén unha competencia lindeira co eido social, a de vivenda. Neses anos, na liña da política xeral do ex-presidente e actual líder do PP na materia, en Galicia principiou a construción de apenas unha trintena de vivendas de promoción pública e remontaron moi levemente as protexidas de promoción privada (menos de mil en seis anos). Mentres, a Consellería amplificaba outros focos políticos, como un suposto incremento do risco de ocupacións ilegais de pisos e casas.
Esa amplificación, que Vázquez alimentou mentres admitía que se baseaba máis nunha "sensación de impunidade" que en datos reais, tivo varias vertentes. Dende financiar con 500 euros semanais unha liña telefónica de consultas legais sobre ocupacións que apenas recibira trinta chamadas nun ano -nos seguintes foron aínda menos- ata contratar dous informes para xustificar unha alerta que non se correspondía coas cifras que destes delitos manexa o Poder Xudicial, reiteradamente cativas. Un daqueles documentos falaba dun suposto "alarmante incremento" das ocupacións ilegais e atribuíao, entre outros, á daquela alcaldesa de Barcelona e actual candidata da Fronte Ampla ás eleccións xerais do 29N, Ada Colau.
O informe, contratado por 8.000 euros, reproducía parágrafos enteiros dunha proposición de lei do PP castelán e manchego e fora elaborado por unha profesora e dirixente popular desa rexión
Aquel informe estaba centrado no que chamaba "ocupación violenta" e levaba a sinatura de Silvia Valmaña, profesora de Dereito Penal da Universidade de Castilla-La Mancha, tamén antiga deputada do PP no Congreso (2016-19) e dirixente do partido nesa autonomía. A daquela Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, con Ángeles Vázquez á fronte, pagara 8.000 euros en 2021 por un documento cuxo diagnóstico se baseaba en que "a ocupación ilegal de vivendas observou en España" o que denominaba como "un alarmante incremento" que atribuía á "permisividade, cando non conivencia, dalgunhas administracións que alentaron, xustificaron e ampararon o delito de usurpación de inmobles".
Valmaña atribuía ese suposto amparo a cometer delitos a "Ada Colau, que chegou á política dende o activismo okupa" e a "iniciativas parlamentarias para despenalizar o delito de usurpación". A primeira afirmación baseábaa nunha ligazón á publicación OK Diario e nun perfil perfil biográfico de Colau publicado en elDiario.es cando chegou á alcaldía da capital catalá. A segunda, en iniciativas debatidas no Congreso hai máis de dúas décadas que nunca foran aprobadas.
Aquel informe, que reproducía -sen citar explicitamente- parágrafos enteiros dunha proposición de lei que o PP presentara un ano antes nas Cortes de Castilla-La Mancha, abordaba a situación global do Estado na materia e despois centrábase en Galicia para afirmar que o noso país sufría un "incremento exponencial" dos casos de ocupación ilegal que chegaban aos xulgados. "Produciuse un preocupante incremento da ocupación ilegal en Galicia, que ata os últimos anos se mantiña á marxe dos territorios máis castigados por esta práctica", aseguraba comparando a evolución dos xuízos orais por estas causas celebrados en Galicia ata 2021 "sempre, en relación con 2018".
O documento aludía a un "incremento exponencial" das ocupacións en Galicia poñendo en relación os datos ordinarios dos xulgados cos dun ano no que estiveran paralizados durante meses por unha folga
Nesa comparación a respecto de 2018 o informe de Valmaña contratado pola Xunta obviaba que precisamente en 2018 a actividade xudicial en Galicia estivo fortemente condicionada e practicamente paralizada durante meses a causa da folga do persoal da Administración de Xustiza. Por este motivo, o número de asuntos de moi diversa índole abordados nos xulgados galegos diminuíran abruptamente para despois volver dispararse en 2019, tras aquel conflito laboral.
Xunto co informe da dirixente do PP, a consellería que dirixía Ángeles Vázquez contratara un segundo informe, redactado polo profesor da USC Santiago Brage, centrado na "ocupación pacífica". No seu caso, formulaba como Valmaña propostas de endurecemento de condenas para algúns supostos, mais tamén avogaba por unha "axilización dos nosos xulgados, tanto na orde civil como na penal" que permitise "unha tramitación dos procedementos máis rápida" para "facer real e efectiva unha verdadeira tutela dos dereitos dos lexítimos propietarios que sofren a ocupación das súas vivendas".