Remudas nas cúpulas de varias consellerías tras a nova crise de goberno provocada por Feijóo

Rueda presidindo o Consello da Xunta deste luns CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Cesada a directora xeral de Igualdade tras só cinco meses no cargo e substituída por unha veterana con experiencia en enerxía

A decisión de Alberto Núñez Feijóo de levar nas súas listas do 29N ao Congreso pola provincia da Coruña á ata hai uns días conselleira de Política Social, Fabiola García, igual que por Ourense irá ao Senado o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, segue producindo mudanzas na Xunta. A semana pasada a crise de goberno saldouse coa remuda de García á fronte de Política Social pola ata agora conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, á súa vez substituída nese departamento por Nicolás Vázquez, ata agora secretario xeral de Industria. E este luns chegaron novos cambios en niveis inferiores das cúpulas de varias consellerías. 

Foi nun Consello da Xunta celebrado este luns no que o presidente Rueda anunciou que ata o 29 N non vai responder preguntas nas roldas de prensa posteriores ás reunións semanais do seu Goberno logo de ser amoestado pola Xunta Electoral por facer electoralismo. Ata que pasen as eleccións xerais o presidente limitarase a enunciar os acordos "para non emitir ningún tipo de valoración" que poida ser considerada electoralista.

Carmen Bouso, veterana alto cargo da Xunta, nova secretaria xeral de Política Social, na imaxe cando foi nomeada en 2014 directora xeral de Traballo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A conselleira Ángeles Vázquez leva con ela de Medio Ambiente a Política Social a dúas veteranas da Xunta como Carmen Bouso e Paula Uría

As remudas de cargos aprobadas este luns polo Consello da Xunta son as seguintes:

  • Carmen Bouso Montero: Nova secretaria xeral técnica de Política Social. Cunha longa traxectoria na Xunta, foi entre outras cousas directora xeral de Recursos Mariños e de Traballo, e secretaria xeral de Medio Rural e de Medio Ambiente, onde estaba ata agora con Ángeles Vázquez, á que acompaña como número 2 no seu desprazamento de Medio Ambiente a Política Social.
  • Gonzalo Mosqueira: Novo secretario xeral de Medio Ambiente. Foi primeiro director e despois xerente de Augas de Galicia. Agora substitúe a Bouso en Medio Ambiente.
  • Isaac Rosón Sánchez-Brunete: Novo secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético tras o ascenso do seu antecesor, Nicolas Vázquez, a conselleiro de Medio Ambiente. Rosón era desde o pasado decembro director xeral de Pesca.
  • Paula Uría: Nova directora xeral de Promoción da Igualdade. Uría lanzou a súa carreira política na Xunta ligada a Industria, onde foi ascendendo con responsabilidades en áreas enerxéticas e recursos naturais ata que en 2022 chegou a ser nomeada secretaria xeral. Porén, meses máis tarde veríase rebaixada a subdirectora xeral de Residuos. En 2024, coa transferencia das competencias en materia de enerxía a Medio Ambiente, Uría volveu ser a persoa elixida para asumir esa responsabilidade con Ángeles Vázquez como conselleira, á que agora acompaña a Política Social.
  • Ignacio Maestro: Novo director xeral de Enerxías Renovables en substitución de Uría. Maestro foi director xeral de Mobilidade entre 2017 e 2024 e tras o seu cesamento pasou a ocupar un posto inferior no departamento do Litoral da Coruña.
  • Perfecto Rodríguez Muíños: Novo director xeral de Persoas con Discapacidade. Foi alcalde de Ponte Caldelas entre 2003 e 2015 e ata agora era director xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Paula Uría con Ángeles Vázquez CC-BY-SA Xunta de Galicia

Ademais destes nomeamentos, foron cesadas Begoña Abeijón, directora xeral de Persoas con Discapacidade desde 2023, e Eloína Ingerto, ata agora directora xeral de Promoción da Igualdade, posto no que levaba apenas cinco meses tras a dimisión da anterior titular. Ingerto estivera antes dous anos na dirección da fundación autonómica de tutela de adultos (Funga), na que estivera dous anos. Tamén foi cesada como secretaria xeral de Política Social María Francisca Gómez Santos.

Quedan de momento vacantes a dirección xeral de Pesca e a dirección do Consorcio de Igualdade e Benestar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.