Paula Sande, docente e antes xerente da Asociación de Formación Permanente de Adultos (Ategal), é a nova directora xerente da Fundación Pública para o Apoio ao Exercicio da Capacidade Xurídica (Funga), que leva anos rexistrando todo tipo de eivas
A Consellería de Política Social informou este luns do nomeamento dunha nova directora xerente na Fundación Pública Galega para o Apoio ao Exercicio da Capacidade Xurídica (Funga), que levaba case catro meses sen dirección desde a saída da anterior responsable, Eloína Ingerto, ao ser nomeada o 1 de xuño directora xeral de Promoción da Igualdade.
A nova directora xerente, Paula Sande, docente de profesión, foi xerente entre 2004 e 2020 da Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal).
Como vén informando Praza.gal, a Funga vén rexistrando todo tipo de eivas no seu funcionamento, constatadas por múltiplas sentenzas xudiciais no marco dunha cronificada escaseza de persoal. Tamén polas entidades sociais que, con frecuencia, dan en suplir as carencias de atención das persoas tuteladas. Son problemas que van dende a asistencia ás persoas tuteladas ata cuestións de funcionamento interno, caso da divulgación por erro en internet de ducias de nomes de persoas tuteladas xunto a datos das súas débedas ou axudas.
A Funga estivo sen dirección máis de tres anos entre 2015 e 2018, tres meses en 2024 e agora outros catro meses, e suma eivas de atención ás persoas tuteladas e de funcionamento interno
Durante a pasada década, nun contexto de continuo crecemento na cifra de persoas tuteladas, a Xunta mantivo vacante a dirección da Funga durante máis de tres anos, de principios de 2015 a mediados de 2018. Foi daquela cando designou para o posto a Juan José Couce Prego, na altura asesor de confianza de quen era conselleiro de Política Social, José Manuel Rey. Couce Prego deixou o cargo en xuño de 2024 e o posto volveu quedar baleiro outros tres meses, ata setembro, cando foi nomeada Eloína Ingerto. E á súa vez Ingerto estivo no posto só dous anos, ata o pasado 1 de xuño, cando foi nomeada directora xeral de Igualdade.
Este luns, ao informar do novo nomeamento, Política Social trasladou o "agradecemento á anterior directora xerente, Eloína Ingerto, polo seu traballo; así como ao coordinador da Funga, Francisco Brea, polo seu labor de xestión na entidade". Sen directora xerente nos últimos meses, a Funga aínda non fixo pública a súa memoria de actividades de 2025 nin os plans de actuación de 2025 e 2026 e borrou da súa web de transparencia todas as súas contas anuais e informes de auditoría.