A fundación pública dependente de Política Social que vela por máis de 3.000 persoas publicou coas súas contas anuais o libro de contabilidade de ingresos e gastos con detalles como "usuarios, debedores", "axudas monetarias" ou "caixa tutelados"
Non é a primeira vez que a Xunta ou entidades dela dependentes divulgan por erro nomes ou datos persoais que deberan ser só para o seu uso interno. Eses erros acadan unha maior relevancia cando os datos desvelados corresponden a persoas especialmente vulnerables, como menores de idade ou persoas tuteladas.
En 2016 este diario advertiu a Consellería de Política Social de que divulgara nomes de menores aos que pagara tratamentos médicos, información que Praza.gal non publicou ata comprobar que se borrasen os datos. E o mesmo vén de suceder agora cos nomes de ducias de persoas tuteladas, logo de que a fundación dependente de Política Social que vela por máis de 3.000 adultos coa capacidade de obrar modificada xudicialmente incluíse nas súas contas anuais públicas o seu libro maior interno de ingresos e gastos con detalles como "usuarios, debedores", axudas monetarias" ou "caixa tutelados".
A Funga é a Fundación Pública Galega para o Apoio ao Exercicio da Capacidade Xurídica, anteriormente denominada Fundación Galega para a Tutela de Persoas Adultas. Ao seu cargo están máis de 3.000 persoas ás que algún xulgado incapacitou para algunha faceta da súa vida encargando a súa supervisión á Administración. Unha función que a Funga vén desenvolvendo con todo tipo de eivas, como vén contando desde hai anos Praza.gal, ante a incapacidade do seu limitado persoal, unha trintena de traballadores e traballadoras, para poder atender a todas as persoas ao seu cargo.
Política Social sinala que colgou na web os datos persoais por "erro" e deu orde de despublicalos tras ser advertida por este diario, que agardou a que non estivesen accesibles para publicar esta información
Como todas as entidades dependentes da Xunta, a Funga debe facer pública, en aplicación da Lei de Transparencia. Diversa información que durante anos evitou divulgar pero que, coa recente creación dunha nova páxina web, agora si comeza a facilitar.
Entre esa información obrigada por transparencia están as contas anuais dos exercicios precedentes. Pero xunto coas últimas contas anuais publicadas, as de 2022, a Funga colgou a continuación, no mesmo documento PDF, o seu denominado libro maior de contabilidade, o documento que reflicte todos os gastos e ingresos da fundación no seu funcionamento diario.
Se a conta anual de obrigada publicación ten 59 folios, en liña con documentos similares doutras entidades, o libro de contabilidade publicado a continuación e xa despublicado tras o aviso de Praza.gal supón outros 62 folios con ingresos e gastos en distintas subcontas. E en cada entrada, o concepto, con ducias de nomes e apelidos de persoas tuteladas e baixo epígrafes como "usuarios, debedores" -só ese apartado son 10 folios de nomes-, "axudas monetarias", "cotas de usuarios", "caixa tutelados" ou "ingresos por reintegro de axudas".
Ademais deses apartados con nomes de persoas tuteladas o libro de contabilidade tamén inclúe outros con conceptos como as dietas do persoal da Funga ou gastos telefónicos, de transporte ou de materiais de oficina.
A Lei de Transparencia obriga a publicar as contas anuais, pero non o libro de contabilidade, e establece restricións expresas para a difusión de "datos especialmente protexidos", como os persoais, para os que dita a súa disociación.
A Lei de Transparencia obriga a publicar as contas anuais pero non o libro de contabilidade e fixa restricións expresas para "datos especialmente protexidos"
Cada unha das páxinas publicadas con nomes de persoas tuteladas reflicte na súa esquerda a sinatura electrónica da conselleira de Política Social, Fabiola García, presidenta da Funga e responsable de presentar as súas contas. Este diario informou a consellería de que era accesible na web da Funga a antedita información sobre persoas tuteladas, ante o que Política Social deu orde de que fose despublicada sinalando que se debera a un "erro" e agradecendo a Praza.gal o aviso. Este diario publica esta información tras comprobar que a información antedita xa non é accesible.