Máis de 3.000 persoas son asistidas por unha fundación do goberno galego con só 27 empregados cuxa dirección, tras tres anos vacante, foi entregada a dedo en 2018 a un asesor do alcalde de Ferrol cando era conselleiro de Política Social
Sandra Ortega, filla de Amancio Ortega e presidenta da Fundación Paideia Galiza, foi este mércores a faísca. Pero a explosión foi posible pola acumulación de anos de combustible. A tutela ou outros tipos de asistencias por parte da Xunta a máis de 3.000 persoas adultas coas súas capacidades legais limitadas xudicialmente, sen familias ou achegados que o poidan facer, presenta desde hai anos eivas que a fundación de Ortega vén de poñer no foco de numerosos medios.
Eivas que a Xunta afrontará o próximo ano sen incrementar as 27 persoas que traballan na súa fundación tutelar, cuxa dirección entregou en 2018 a un asesor sen experiencia previa no sector do daquela conselleiro de Política Social e hoxe alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela. Antes de que as denuncias de Ortega saísen á luz a Xunta xa prevía aumentar o seu orzamento para a tutela de adultos para o ano próximo, de 1,86 a 2,16 millóns de euros, pero non será para aumentar o persoal senón para externalizar máis servizos.
A Fundación Paideia Galiza de Sandra Ortega vén de facer público que ofreceu e pediu nos últimos anos diversas melloras na Funga, principalmente pola súa falta de persoal, pero a Xunta cala
A Xunta tutela ou asiste de diversos xeitos desde 1996 a persoas adultas coas súas capacidades legais limitadas xudicialmente a través da Fundación Galega para a Tutela de Adultos (Funga). Este mércores Radio Coruña, da Cadena SER, emitiu unha reportaxe na que deu voz á Fundación Paideia Galiza, que tamén traballa nese e noutros eidos. Nela revelouse que a propia Sandra Ortega ofrecera e pedira en varias ocasións nos últimos anos á Xunta diversas melloras na atención de adultos tutelados, co silencio do Goberno galego como últimas respostas. Tras esa reportaxe, o presidente Rueda dicía o xoves ser "respectuoso con todas as suxestións" pero engadía que a Xunta tomaría as súas propias decisións como entende que fai Ortega coa súa fundación.
Numerosos medios fixéronse eco da polémica coa Xunta e da propia reportaxe, enfocada na falta de persoal da Funga, con 27 persoas no seu cadro de persoal, incluído os directivos, e só 7 traballadores sociais para atender a máis de 3.000 persoas. Unha carencia na que vén poñendo o foco Praza.gal desde hai seis anos polos seus efectos de desatención sobre as persoas asistidas.
En 2017, logo dunha longa investigación, este diario publicou numerosas sentenzas xudiciais que revelan que persoas tuteladas pola Funga sufriron ou cometeron delitos. Porque a Funga realmente non estaba a supervisar directamente a esas persoas senón que deita a responsabilidade do contacto directo con elas noutras entidades sociais ante a súa incapacidade material de asumilo co seu propio persoal.
Ante esa realidade, a Consellería de Política Social encabezada daquela por José Manuel Rey Varela rexeitou atender a este medio demoradamente como se lle solicitaba e mesmo evitou responder á pregunta directa de se a Funga podía atender correctamente a todas as persoas tuteladas co seu reducido cadro de persoal. Tempo despois, a directora xeral de Familia admitía no Parlamento "certos riscos" de que persoas tuteladas cometesen ou fosen vítimas de delitos e xustificábase: "Estámolo a facer da mellor maneira posible".
A Funga estivo ademais sen director-xerente durante máis de tres anos, entre 2015 e 2018. O finalmente elixido de xeito discrecional, hoxe no cargo, foi Juan José Couce Prego, home de confianza do daquela conselleiro, Rey Varela, alcalde de Ferrol entre 2011 e 2015 e novamente desde o pasado xuño. Couce Prego fora na lista electoral de Rey Varela en Ferrol en 2015 e tras o seu fracaso daquel ano acompañouno despois como asesor na Consellería de Política Social. Os seus menos de tres anos nese cargo de confianza bastaban á Xunta para xustificar o seu nomeamento como xerente da Funga porque, dicía, "atesoura un fondo coñecemento do funcionamento dos servizos sociais".
A Fiscalía e a propia Funga admiten que o número de persoas necesitadas de asistencia seguirá medrando
Durante este tempo, e malia as evidencias, a Xunta insistiu en non ver eivas no funcionamento da Funga, que durante o confinamento da COVID-19 tivo nas chamadas telefónicas a principal vía de contacto coas persoas tuteladas que non estaban ingresadas en centros. Persoas cuxo número foi medrando, e seguirá a facelo polo envellecemento da poboación, segundo vén advertindo a Fiscalía e admite a propia Funga nas súas memorias anuais.
Neste contexto, e antes de que se fixesen públicas as críticas de Sandra Ortega e a Fundación Paideia Galiza, a última memoria anual da Funga e os Orzamentos da Xunta para o próximo ano prevían poucas novidades no funcionamento da entidade. Tras un lixeiro aumento puntual do persoal en 2022 ata as 30 persoas, en 2024 seguirán sendo 27 os traballadores da Funga, incluídos o seu xerente e o seu coordinador.
Os 300.000 euros máis que terá a Funga en 2024, pasando de 1,8 a 2,1 millóns de orzamento, serán para gastos correntes e servizos exteriores, e o seu persoal propio seguirá nas mesmas 27 persoas, incluídos os directivos
En resposta a Praza.gal, Política Social salienta que o persoal da Funga "vénse incrementando notablemente dende o ano 2009". Tamén salienta o aumento do orzamento da fundación para o próximo ano, que pasará de 1,8 a 2,1 millóns, "o cal permitirá poñer en marcha un novo equipo de traballo interdisciplinar, composto por traballador/a social, administrativo/a e técnico/a xurídico". Porén, o que di o documento oficial dos Orzamentos da Xunta é que a Funga non terá un aumento de persoal en 2024 e seguirá cos mesmos 27 empregados. O que si haberá será un aumento de outros gastos correntes e servizos exteriores. Isto é, os 300.000 euros máis cos que contará a Funga non serán para aumentar o persoal propio senón para externalizar máis servizos.
A Funga tamén está pendente desde hai máis de dous anos de adaptar os seus estatutos á reforma legal estatal de 2021 que dá máis capacidade de actuación ás persoas asistidas substituíndo a tutela pola curadoría, un tipo de apoio máis puntual para que as persoas afectadas poidan tomar o maior número de decisións pola súa propia conta. "Será unha realidade de xeito inminente", di agora Política Social ante as críticas públicas de Sandra Ortega.