A fundación coa que a Xunta tutela miles de persoas adultas seguirá sen dirección cando menos ata setembro

Sede da Funga no CEGADI, complexo de atención á discapacidade en Santiago CC-BY-SA Praza.gal

Ás constatadas eivas na atención a persoas tuteladas engadiuse o pasado xuño a marcha do director, antigo cargo de confianza do actual alcalde de Ferrol, para ser delegado da Consellería de Emprego na Coruña

A Fundación Pública Galega para o Apoio ao Exercicio da Capacidade Xurídica (FUNGA), anteriormente denominada Fundación Galega para a Tutela de Persoas Adultas, é a entidade pública a través da cal o Goberno galego asume a súa obriga legal de asumir a tutela total ou parcial de persoas que, a través de decisións xudiciais motivadas en avaliacións forenses, son consideradas como carentes de capacidade para obraren en todas ou algunha das facetas da súa vida cotiá. Dela dependen máis de 3.000 persoas.

Como vén informando Praza.gal, as eivas da FUNGA veñen sendo constatadas por múltiplas sentenzas xudiciais no marco dunha cronificada escaseza de persoal. Tamén polas entidades sociais que, con frecuencia, dan en suplir as carencias de atención das persoas tuteladas. Son problemas que van dende a asistencia ás persoas tuteladas ata cuestións de funcionamento interno, caso da divulgación por erro en internet de ducias de nomes de persoas tuteladas xunto a datos das súas débedas ou axudas.

Durante a pasada década, nun contexto de continuo crecemento na cifra de persoas tuteladas, a Xunta mantivo vacante a dirección da FUNGA durate máis de tres anos, de principios de 2015 a mediados de 2018. Foi daquela cando designou para o posto a Juan José Couce Prego, na altura asesor de confianza de quen era conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, actualmente na súa segunda xeira como alcalde de Ferrol. Couce Prego non é director da Funga dende o pasado 11 de xuño e o posto estará baleiro, cando menos, ata principios de setembro.

En xuño Política Social asegurou que cubriría a vacante "no máis breve espazo de tempo posible". Agora vén de responder ao BNG que convocará "unha xuntanza extraordinaria" do padroado da Funga a comezos de setembro para abordar a remuda

O pasado xuño, tras a ratificación da marcha de Couce Prego para exercer como delegado territorial na Coruña da Consellería de Emprego, a Consellería de Política Social asegurou que cubriría o posto da dirección da Funga "no máis breve espazo de tempo posible". Matizaba ademais o departamento que encabeza Fabiola García que o feito de non haber ninguén na dirección non ten "ningún tipo de afectación ao traballo da fundación".

Pero a mediados deste mes de xullo, nunha resposta á deputada do BNG Olalla Rodil, o Goberno galego evidenciou que a brevidade non será tanta. Nese documento, Política Social ratifica a "renuncia" de Couce Prego o 11 de xuño e explica que "nos primeiros días de setembro está prevista a convocatoria dunha xuntanza extraordinaria do padroado" da Funga, na que a presidencia corresponde á conselleira García, "para aprobar a proposta do novo director / directora xerente".

A conselleira de Política Social, Fabiola García, presidindo en 2019 unha reunión do padroado da Funga CC-BY-SA Xunta de Galicia

Nesa resposta Política Social especifica ademais as razóns que levan o Goberno galego a "destacar" que "neste espazo de tempo o funcionamento da Fundación continúa desenvolvéndose con normalidade". "Os temas da Funga están sendo debidamente atendidos polo vicepresidente do padroado", que estatutariamenté é "a persoa titular do centro directivo ao que está adscrita á fundación", isto é, o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado.

O departamento de fabiola García asegura que, malia carecer de dirección, a Funga funciona "con normalidade"

Este alto cargo da Consellería, indica a Xunta, está "a exercer como representante legal" da entidade. Canda el, agregan, "o coordinador e o conxunto das persoas traballadoras deste organismo" está fronte da xestión cotiá. Por ese motivo, conclúen, "as necesidades das persoas que reciben o apoio da Funga seguen estando cubertas".

Ese cadro de persoal está composto por apenas unha trintena de persoas. Concretamente, entre os plans expresados por Política Social figuraba pasar de 27 a 30 profesionais durante este ano 2024 mediante a incorporación dun "novo equipo de traballo interdisciplinar, composto por traballador/a social, administrativo/a e técnico/a xurídico", o sétimo destas características. A mediados de Xuño a Consellería aínda non podía concretar a data de incorporación do novo persoal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.