O presidente remítese á Consellería de Política Social para "mellorar o que haxa que mellorar" na fundación coa que a Xunta presta apoio a máis de 3.000 persoas coa súa capacidade de actuar limitada xudicialmente
A fundación coa que a Xunta presta apoio a máis de 3.000 persoas adultas coa capacidade de obrar limitada xudicialmente -antes denominadas tutelas- vén de quedar sen director-xerente, posto que xa estivo vacante máis de tres anos entre 2015 e 2018. Faino ao tempo que acumula eivas de funcionamento -como vén contando desde hai anos Praza.gal e reflectiu tamén este domingo Faro de Vigo- que derivan en situacións de abandono para as persoas afectadas.
Sobre estas cuestións foi preguntado este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pero limitouse a restar importancia ao descabezamento da fundación e evitou valorar as deficiencias na xestión da entidade pública.
A Funga (Fundación pública galega para o apoio ao exercicio da capacidade xurídica) conta cun cadro de persoal de 27 persoas, incluído o seu director-xerente, que debe atender a máis de 3.000 persoas. Ante o cesamento do seu último responsable -Juan José Couce Prego, nomeado para outro cargo público, director territorial na Coruña da Consellería de Emprego- Rueda asegura que "non significa que non se vaian atender os problemas".
Porén, Rueda non fora preguntado polo cesamento senón pola acumulación de eivas na xestión da Funga, reflectidas en sentenzas xudiciais e denunciadas por outras entidades do sector como a Fundación Paideia Galiza, de Sandra Ortega. Un día despois de que Faro de Vigo tamén se fixese eco da incapacidade da fundación de dar resposta a necesidades do día a día da poboación atendida, houbo que repreguntar ao presidente da Xunta polas eivas da entidade para que a súa resposta fose unha apelación xenérica a "mellorar o que haxa que mellorar".
Pero para "solucións concretas" o presidente remitiuse á Consellería de Política Social, que segue pendente de concretar a súa promesa de hai medio ano de incrementar de 27 a 30 o seu cadro de persoal.