O Goberno galego atribúe a "un erro humano" a publicación da información da que foi alertado por Praza.gal e di que tomou "accións oportunas para evitar que volva suceder e minimizar o impacto potencial sobre as persoas afectadas"
Hai unhas semanas Praza.gal detectou que a fundación pública coa que a Xunta dá supostamente apoio a máis de 3.000 persoas coa capacidade de actuación condicionada xudicialmente, o que antes se denominaban tutelas, publicou en internet datos persoais e débedas ou ingresos de ducias desas persoas. Tras alertar á Consellería de Política Social e comprobar que retiraba os datos, este diario revelou o sucedido, que a Xunta se limitou a explicar como un "erro". Agora, tras unha pregunta do BNG, o Goberno galego dá máis explicacións ao Parlamento e cifra nunhas 270 as persoas afectadas.
A Funga vén de quedar sen director-xerente, posto que xa estivera vacante durante máis de tres anos entre 2015 e 2018, mentres acumula desde hai tempo todo tipo de eivas no seu funcionamento.
A documentación colgada por erro en internet pola Fundación Pública Galega para o Apoio ao Exercicio da Capacidade Xurídica (Funga) foi o seu Libro Maior de contabilidade con ducias de entradas con ingresos e gastos e nomes e apelidos baixo epígrafes identificados como "usuarios, debedores", "axudas monetarias" ou "caixa tutelados".
Agora, na resposta parlamentaria que dá ao BNG, Política Social sinala que "tras recibir advertencia de que en parte da información publicada constaban datos de carácter persoal, inmediatamente retirouse dita información". Datos que, admite, "non deberan ter tido carácter público e que afectan a un número aproximado de 270 persoas en total".
Segundo a versión da Xunta, serían "datos estritamente contables, e no caso concreto das persoas que reciben apoios por parte da Fundación, non se ten feito mención expresa a dita condición", afirmación que contrasta cos anteditos epígrafes con nomes de apelidos.
O Goberno galego engade que deu "cumprida conta á Axencia Española de Protección de Datos, organismo dende o que se informou que non teñen previsto realizar ningunha acción adicional en relación á mesma". Tamén di que "das oportunas averiguacións realizadas, dedúcese que o incidente debeuse a un erro humano á hora de seleccionar os arquivos a subir ao portal, e como resposta ao mesmo téñense tomado as accións oportunas para evitar que volva suceder e para minimizar o impacto potencial sobre as persoas afectadas, nomeadamente a través dunha análise de contidos máis intensa e dunha revisión máis polo miúdo previa á publicación no portal web.”
Malias as eivas e reiteradas críticas ao seu funcionamento, reflectidas en sentenzas xudiciais, a Xunta fai unha "valoración positiva do traballo da Funga", que cualifica como "meritorio"
A reposta da Xunta non di se o "erro humano" ten relación coa crónica falta de persoal da Funga, que actualmente conta con 27 persoas, incluída a súa dirección, para prestar atención a máis de 3.000 persoas en toda Galicia. Noutra resposta parlamentaria tamén ao BNG, que preguntaba pola carencia de medios humanos da fundación, a Xunta volve manifestar a súa vontade de aumentar o cadro de persoal con tres persoas máis.
Esa promesa aínda non foi cumprida medio ano despois de que a lanzase despois de que o pasado novembro a Fundación Paideia, presidida por Sandra Ortega, filla de Amancio Ortega, criticase as eivas no funcionamento da Funga. Eivas reflectidas en moitos casos en sentenzas xudiciais, como vén contando desde hai anos Praza.gal.
Nesa segunda resposta parlamentaria a Xunta fai "unha valoración positiva do traballo desenvolvido pola Fundación, poñendo en valor o feito de estar a prestar un labor imprescindible e meritorio, tratándose dun ámbito tan sensible como é o da protección ás persoas máis vulnerables".
Hai uns días, ao quedar novamente vacante o posto de director-xerente da Funga, Política Social respondeu a este diario que iso non vai afectar ao funcionamento da fundación, asegurando que "ademais do incremento de persoal, na Funga realízase unha continua análise do traballo desenvolvido, coa finalidade de tomar cantas decisións sexan oportunas para mellorar a súa calidade".