A formación nacionalista formula varias iniciativas parlamentarias para que o Goberno galego aclare o número de persoas afectadas e a responsabilidade de publicar débedas e axudas de persoas especialmente vulnerables
Logo de que este mércores Praza.gal desvelase que a Xunta divulgara por erro en internet ducias de nomes e débedas ou axudas de persoas ás que tutela, este xoves o BNG presentou varias iniciativas para que o Goberno galego dea explicacións no Parlamento sobre o ocorrido. A formación nacionalista quere que a Xunta aclare, entre outras cuestións, o número de persoas afectadas pola divulgación da súa información persoal e as actuacións levadas a cabo pola administración para determinar as causas e a responsabilidade do ocorrido.
Xunto con esta cuestión, o BNG tamén pide á Xunta explicacións sobre as reiteradas eivas na tutela de persoas adultas e reclama unha inmediata mellora da fundación encargada desa tarefa.
Como contou este diario este mércores, a fundación pública coa que a Consellería de Política Social vela por máis de 3.000 persoas coa capacidade de obrar modificada xudicialmente (Funga) colgou en internet, xunto coas súas contas anuais, o seu libro interno de ingresos e gastos con ducias de nomes de persoas tuteladas e pagamentos ou débedas das mesmas. Praza.gal informou a Política Social, que agradeceu o aviso e retirou os datos. Este diario publicou a información tras comprobar que a documentación en cuestión xa non era accesible.
"A reiteración desta neglixencia no tratamento de datos de carácter persoal, atinxindo novamente a persoas merecentes de especial coidado e atención, leva á necesidade de revisar os protocolos", di o BNG
O BNG salienta que "esta infracción no tratamento de información, que atinxe a persoas especialmente vulnerábeis, non foi detectada pola propia entidade, senón que foi corrixida tras a advertencia realizada polo xornal Praza.gal, que deu lugar á rectificación do exceso cometido". A formación nacionalista lembra que non é a primeira vez que Política Social divulga datos persoais, xa que en 2016 xa publicara nomes de menores de idade aos que pagara tratamentos médicos. "A reiteración desta neglixencia no tratamento de datos de carácter persoal, atinxindo novamente a persoas merecentes de especial coidado e atención, leva á necesidade de revisar os protocolos e sistemas para o tratamento e xestión da información por parte da Xunta", salienta o BNG.
Ante esta situación, o BNG presentou seis iniciativas parlamentarias distintas (proposicións non de lei para debate en pleno e en comisión, preguntas por escrito e orais en pleno e en comisión, e interpelación). As preguntas e a interpelación pretenden saber, entre outras cuestións, "cal foi o número das persoas directamente afectadas pola infracción" ou se a Xunta iniciou "algún procedemento para a determinación das causas polas que se produciu a infracción e, no caso, das eventuais responsabilidades". Canto ás propostas de mellora, o BNG quere que o Parlamento inste a Xunta a "respectar escrupulosamente o tratamento dos datos de carácter persoal ao seu coidado".
A formación nacionalista quere que se dote a Funga "dos recursos materiais, humanos e económicos suficientes para garantir a debida atención das persoas usuarias
Xunto con estas iniciativas sobre a divulgación de datos persoais, o BNG presentou outras tantas referidas ás eivas xerais e reiteradas que se veñen detectando no funcionamento da Funga, constatadas por sentenzas xudiciais ou recentemente denunciadas pola Fundación Paidea Galiza.
A formación nacionalista quere a Xunta explique a situación na que se atopa a Funga e que medidas ten previsto adoptar para garantir o seu correcto funcionamento "e, o máis importante, o benestar e os dereitos das persoas que dela dependen". O BNG tamén quere que o Parlamento inste a Xunta a comparecer na Cámara para render contas específicas sobre a Funga e que se dote a fundación "dos recursos materiais, humanos e económicos suficientes para garantir a debida atención das persoas usuarias da fundación" aumentando "de maneira inmediata o número de traballadoras sociais da entidade" e creando no seu organigrama un departamento económico e delegacións territoriais nas catro provincias "debidamente dotadas".