Con melloras aínda pendentes de executar, o Goberno galego despraza a outro posto ao ata agora responsable da Funga, Juan José Couce Prego, nomeado en 2018 tras máis de tres anos co posto vacante
A Funga (Fundación pública galega para o apoio ao exercicio da capacidade xurídica) é o ente da Xunta encargado de prestar apoio a máis de 3.000 persoas adultas ás que un xulgado incapacitou para algunha faceta da súa vida. A administración debe supervisalas, o que antes se chamaba tutelalas, pero faino con salientables eivas, deitando a responsabilidade noutras entidades sociais que así o veñen denunciando e con casos de notable abandono, como hai anos que constatan sentenzas xudiciais e vén contando Praza.gal.
Para velar por esas máis de 3.000 persoas a Funga conta cun cadro de persoal de só 27 traballadores, incluído o seu director-xerente. Ese posto estivo vacante máis de tres anos entre comezos de 2015 e mediados de 2018, ata que foi nomeado Juan José Couce Prego, home de confianza do daquela conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, hoxe alcalde de Ferrol. Couce Prego chegou ao cargo sen máis experiencia que ser durante tres anos asesor de Rey Varela na consellería. E agora, seis anos despois, deixa o posto ao ser nomeado director territorial na Coruña da Consellería de Emprego.
Política Social asegura que agora o posto "será cuberto no máis breve espazo de tempo posible" e reitera a súa promesa de hai máis de medio ano de ampliar o cadro de persoal de 27 a 30 para atender a máis de 3.000 persoas
Ante a marcha de Couce Prego a Consellería de Política Social, a cuxa fronte está Fabiola García, asegura que o posto "será cuberto no máis breve espazo de tempo posible, sen que durante a súa vacante se vaia producir ningún tipo de afectación ao traballo da fundación".
Porén, a Funga segue a sumar eivas no seu funcionamento sen que o limitado aumento de persoal nos últimos anos, de 23 persoas en 2017 a 27 na actualidade, supuxese mudanzas radicais no seu modelo de supervisión das persoas tuteladas. A xustiza segue constatando cada certo tempo casos de persoas tuteladas que cometen ou sofren delitos violentos ou mesmo de estafa malia supostamente ter os seus gastos controlados pola Funga. Os problemas esténdense tamén a persoas tuteladas ingresadas en centros, nos que a Funga deita a responsabilidade con escasa supervisión e notables demoras nos seus tempos de resposta ante calquera incidencia que requira axilidade.
As eivas no funcionamento da Funga, co seu limitado persoal desbordado, evidenciáronse recentemente ao divulgar por erro en internet ducias de nomes de persoas ás que tutela e as súas débedas ou axudas.
Ante estes problemas de funcionamento prolongados no tempo, o pasado novembro a Fundación Paideia Galiza, impulsada por Sandra Ortega, filla de Amancio Ortega, denunciou publicamente a situación da Funga.
Malia que as críticas se dirixían fundamentalmente ao modelo de atención que presta a Funga, Política Social respondeu incidindo no mesmo, asegurando que neste 2024 poría en marcha "un novo equipo de traballo interdisciplinar, composto por traballador/a social, administrativo/a e técnico/a xurídico", como os seis que xa ten, grazas a un aumento do orzamento da Funga de 1,8 a 2,1 millóns de euros. Esas tres persoas máis elevarían supostamente o cadro de persoal a 30, pero non figuran nos Orzamentos da Xunta para este ano, nos que o que se reflicte é un aumento de outros gastos correntes e servizos exteriores.
Fronte ás sentenzas xudiciais e críticas de entidades como a Fundación Paideia, de Sandra Ortega, a Xunta asegura que a Funga fai "unha continua análise do traballo" para "mellorar a súa calidade"
Pasado xa case medio ano deste 2024 sen que aínda se concretase a medida, este diario preguntou por ela e se o incremento vai ser con persoal propio ou externo subcontratado. Política Social asegura que será "persoal propio da Funga" e que "actualmente estase a tramitar a pertinente modificación do cadro de persoal", tras o que se tramitará a contratación dos profesionais, sen indicar un prazo para o comezo efectivo do seu traballo.
Política Social asegura que "ademais do incremento de persoal, na Funga realízase unha continua análise do traballo desenvolvido, coa finalidade de tomar cantas decisións sexan oportunas para mellorar a súa calidade".