A Funga é a Fundación Pública Galega para o Apoio ao Exercicio da Capacidade Xurídica, denominación que recibe dende a modificación estatutaria aprobada -con máis de dous anos de demora sobre os prazos legais- a principios deste ano a ata agora chamada Fundación Galega para a Tutela de Persoas Adultas. É a entidade a través da que o Goberno galego exerce a súa obriga legal de asumir a tutela total ou parcial de persoas que, a través de decisións xudiciais motivadas en avaliacións forenses, son consideradas como carentes de capacidade para obraren en todas ou algunha das facetas da súa vida cotiá.
A Funga, entidade pública responsable da tutela de persoas adultas, acumula evidencias de eivas no seu funcionamento, moitas delas reflectidas en ditames xudiciais. Atende máis de 3.000 persoas con apenas unha trintena de profesionais
Como vén informando Praza.gal, son múltiples as evidencias -moitas delas reflectidas en ditames xudiciais- das eivas no funcionamento da Funga, en boa medida polo feito de contar cun cadro de apenas unha trintena de profesionais para xestionar unha cifra de tutelas que non deixa de aumentar e que supera os tres mil homes e mulleres. Gran parte destas carencias son cubertas mediante externalizacións e, sobre todo, mediante o labor de entidades sociais e organizacións non gobernamentais nun contexto no que o propio Goberno galego chegou a admitir no pasado "certos riscos" de que persoas que tutela cometan ou sexan vítimas de delitos.
Este pano de fondo é imprescindible para contextualizar o acontecido este pasado mércores na parroquia viguesa de Lavadores. Alí un home tutelado pola Funga en réxime de curadoría -isto é, que precisa apoio constante para xestionar diversos eidos da súa vida cotiá-, de 63 anos de idade, matou a irmá que o atendía regularmente, de 71 anos. Segundo fontes familiares citadas polo Faro de Vigo, entre as razóns da curadoría incluíase o feito de que o presunto asasino padecía doenzas de saúde mental.
A familia revela que avisara "insistentemente á Xunta" de que o home, con problemas de saúde mental, "non estaba ben" nos últimos días, nos que amosaba máis "agresividade". A irmá, septuaxenaria e con problemas de mobilidade, leváballe cartos e comida
Segundo transcendeu, o presunto homicidio foi perpetrado cunha arma branca cando a irmá, con problemas de mobilidade, acudiu á casa do home para levarlle comida e cartos. Ao chegaren os servizos de emerxencia e a Policía á vivenda, o investigado como autor dos feitos estaba pechado nun cuarto.
A irmá continuouno axudando como viña facendo aínda que, indica a familia ao Faro e mais a La Voz de Galicia, levaba días detectando sinais de "agresividade". "Víase que non estaba ben" e que non tiña o "seguimento" que precisaría "unha persoa no seu estado", indican. Neste sentido, agregan que levaban "días chamando insistemente á Xunta" para advertir da situación.
A Consellería de Política Social, á que está adscrita a Funga -a conselleira, Fabiola García, é a presidenta da fundación-, admite en resposta a varios medios que "este luns" a familia comunicou "por teléfono a súa preocupación ao percibir unha actitude diferente" do home, o cal foi comunicado a unha das dúas entidades sociais que o supervisaba. Ademais, indican, a Funga solicitou a unha desas entidades información médica que "se recibiu este mércores" para valorar pedir ao xulgado un "internamento involuntario" para ser tratado.
Segundo confirman fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o home pasará previsiblemente a disposición xudicial este venres. O caso recaeu no xulgado de instrución número 2 de Vigo, en funcións de garda, e esta mañá estaba aínda "á espera de recibir o atestado sobre os feitos".