A Xunta exerce a súa obriga legal de tutelar persoas adultas a través da Fundación Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga). Trátase da entidade que asume a tutela integral ou parcial de homes e mulleres que, a través de decisións xudiciais motivadas en avaliacións forenses, son consideradas como carentes de capacidade para obraren de maneira autónoma na súa vida cotiá de maneira completa ou nalgúns aspectos, como pode ser a administración dos cartos ou a toma da medicación.
A Fundación Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga) prevé ter que abordar os arredor de tres milleiros de casos que atende con 27 profesionais no seu cadro de persoal no ano vindeiro, tres menos
Son abondosos os testemuños de profesionais e familiares, pero tamén as sentenzas xudiciais, que veñen acreditando eivas e carencias da Funga no seu exercicio deste labor, que se manifestaron mesmo con máis intensidade durante o peor da pandemia da COVID. As sucesivas memorias e contas da Funga acreditan que o número total de persoas ás que ten que atender, unhas tres mil, vén batendo récords. Pero tamén certifican que o cadro de persoal desta fundación pública apenas chega á trintena de profesionais e, lonxe de aumentar, mesmo tende a diminuír. Así o prevé a propia Funga para o ano 2023.
O proxecto de Orzamentos Xerais da Xunta para 2023 inclúe entre os seus libros o orzamento da Funga, que prevé dispor de arredor de 1,9 millóns de euros para o ano vindeiro (o ano pasado proxectaba uns 1,56 millóns e estimaba que tería 1,58 millóns para 2023, pero finalmente é maior). Este documento especifica que a maior partida de gasto é a de persoal, con arredor de 1,09 millóns, e tamén especifica que a previsión é contar durante 2023 con 27 persoas a traballar no organismo, tres menos que en 2022.
Atendendo, daquela, ás previsións da propia Funga, en 2023 volverá contar co mesmo número de profesionais que en 2021, tal e como reflicte a memoria da fundación correspondente a ese ano. Daquela contaba cun posto de dirección e outro de coordinación, 8 de asesoría xurídica, 7 de traballo social e 10 no departamento administrativo.
Máximo de persoas tuteladas e previsión de incremento
A Funga, daquela, mantén e mesmo diminúe o seu cadro de persoal mentres o número de tutelas que xestiona bate récords. Segundo a súa memoria de 2021 -que fica reflectida nos orzamentos-, rematou o ano pasado por primeira vez con máis de dúas mil persoas tuteladas (concretamente, 2.006), practicamente o dobre que a comezos da década pasada.
A propia Funga reitera nos seus orzamentos que prevé que continúe "incremento anual do número de persoas" ás que atende por factores como o envellecemento da poboación ou o aumento de enfermidades mentais en xente nova
No que atinxe á cifra total de persoas atendidas -cómputo no que a Funga inclúe tamén as baixas e falecementos que rexistra durante o ano-, o récord chegou ata agora o pasado 2019, con 3.850 ao remate do ano. Tras unha notable diminución durante o primeiro ano afectado pola pandemia, no que a ata 560 baixas de persoas atendidas (alén dos 211 falecementos) se engadiu unha notable diminución na área de defensas xudiciais (de case 900 a pouco máis de 400 nun contexto no que os tribunais de xustiza estiveron paralizados pola COVID durante gran parte do ano), a cifra finalizou 2021 en 3.577
Un ano máis, a Funga indica nos seus orzamentos que a súa previsión é que continúe a "tendencia de incremento anual do número de persoas beneficiarias" dos seus servizos. A razón dese prognóstico, indica, son indicadores como "o progresivo envellecemento da poboación galega" e "o incremento nos últimos tempos do número de persoas beneficiarias, cada vez máis novas, diagnosticadas con enfermidades mentais". A estes elementos engade outros como "o desarraigo familiar existente na nosa sociedade en relación con estes sectores da poboación, motivado en moitos casos polas dificultades que lles entraña ás familias a atención das persoas con este tipo de padecementos".
Nesa mesma documentación, a Funga asegura estar a lograr un "funcionamento máis eficiente" e a "prestación dun servizo máis adaptado ás necesidades e esixencias que esta Fundación recibe no cumprimento dos seus fins". Non obstante, nos últimos anos son diversos os casos nos que as persoas baixo tutela do Goberno galego acaban tendo que ser asistidas por entidades sociais mesmo para atender algunhas das súas necesidades básicas. Noutros casos, a Funga acaba recorrendo a recursos como residencias privadas -mesmo para persoas menores de 65 anos- coas que chegou a contraer voluminosas débedas.