A Fundación Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga) é a entidade dependente da Consellería de Política Social a través da que o Goberno galego exerce a competencia da tutela ou supervisión de homes e mulleres que, por decisións xudiciais e tras avaliacións forenses, son consideradas como carentes de capacidade para obrar de xeito autónomo ou xestionar determinados aspectos da súa vida cotiá. Supervisa algo máis de 3.000 persoas, dúas mil delas tuteladas, cun cadro de persoal que non chega á trintena de persoas.
Nos últimos anos, que a Funga recorrese a prazas en residencias privadas xerou unha avultada débeda da que Política Social xa pagou cando menos 1,8 millóns de euros
Como veu informando Praza.gal, numerosos testemuños de profesionais e familiares, así como diversas sentenzas xudiciais, acreditan as carencias da Funga para exercer as súas competencias. Algunhas son persoais e outras, tamén materiais e de infraestruturas. É o caso das ocasións nas que -frecuentemente, tras unha resolución xudicial- algunhas destas persoas teñen que ser internadas e, ante a carencia de recursos públicos específicos, a fundación pública acaba botando man de recursos privados. En ocasións, segundo puido constatar este diario, son enviadas a residencias de anciáns aínda que estas persoas non sexan de idade elevada.
Alén da disfunción que supón ter que cubrir pola vía privada estas competencias da Administración -en ocasións pola inexistencia de recursos públicos e noutros, mentres a persoa agarda por unha praza de titularidade pública-, o uso de prazas privadas deu lugar a avultadas débedas. Cando menos, 1,8 millóns de euros que a Consellería de Política Social foi cubrindo a través de diferentes partidas entre 2018 e 2021.
Ante a última modificación orzamentaria para atender estes pagamentos, financiada co fondo do Goberno galego para imprevistos, o BNG rexistrou no Parlamento unha pregunta na que cuestionaba á Xunta a respecto das "eivas" no funcionamento da FUNGA e os seus plans para emendalas, ademais de pedir detalles sobre os medios materiais e humanos dos que dispón. Asemade, as deputadas Montse Prado, Iria Carreira e Olalla Rodil preguntaban especificamente ao departamento que dirixe Fabiola García: "Que empresas están a recibir estas persoas perante a falta de recursos públicos?".
Política Social limítase a responder ao BNG que a Funga "procura os recursos residenciais máis adaptados" sen "preferencia por ningún tipo de empresa ou entidade, dando así cumprimento ás obrigas"
A resposta a esta pregunta, formulada por vía escrita a finais de abril, chegou á Cámara o pasado 28 de maio. Ao contrario do que é habitual noutros departamentos do Executivo galego, Política Social ofrece unha resposta ampla (de case tres páxinas), aínda que non responde a todas as cuestións formuladas polas deputadas. En particular, evita nomear as empresas propietarias das residencias ás que envía ás persoas adultas tuteladas.
Así, a Consellería indica que "todas as persoas baixo tutela ou curadoría [que pode implicar, por exemplo, axuda na administración de recursos económicos]" da Funga "teñen acceso á carteira pública de servizos sociais en igualdade de condicións que calquera outro cidadán" e, no caso das que "precisan dunha praza residencial e non cumpren os criterios legalmente establecidos para a concesión dunha praza pública", a fundación "procura os recursos residenciais máis adaptados ás súas necesidades". Faino, di, "sen preferencia por ningún tipo de empresa ou entidade, dando así cumprimento ás obrigas que asume (...) coa aceptación dos diferentes cargos tutelares".
A Funga atende 3.304 persoas cun cadro de 25 profesionais que "proximamente se incrementarán a 27"
Alén da cuestión das residencias e malia aos pronunciamentos xudiciais e testemuños particulares en sentido contrario, Política Social asegura que "a Funga conta cos recursos materiais precisos para o cumprimento das súas funcións" e agrega que "a organización do actual plantel" de persoal "permite que non quede sen cubrir ningunha das responsabilidades que lle son propias". Neste sentido, a propia resposta actualiza as cifras de persoal ("25 traballadores e traballadoras, que proximamente se verán incrementadas a 27") e de persoas atendidas: 3.304 das que, sinala, dúas mil son tuteladas, 465 son obxecto de curadorías, 47 de administracións de bens, 488 son defensas xudiciais e 47, réximes de "pre-tutela".