A Fundación Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga), dependente da Consellería de Política Social, é a entidade a través da que a Xunta canaliza a tutela de homes e mulleres que, por decisión xudicial e tras avaliacións forenses, carecen de capacidade para obrar de xeito autónomo ou xestionaren aspectos da súa vida cotiá. Como informou Praza.gal, numerosas sentenzas xudiciais acreditan o desbordamento da Funga para exercer as súas funcións: cun cadro de persoal de apenas 23 efectivos ten que supervisar as finanzas e a atención sanitaria e social de máis de 3.000 persoas, moitas das cales padecen graves carencias de atención, chegando a cometer ou seren vítimas de delitos, exerceren a mendicidade ou teren que acudir a entidades sociais para satisfacer necesidades básicas.
Malia este desequilibro entre o número de profesionais e o de persoas atendidas a Xunta plasmou nos Orzamentos Xerais de 2018 a súa intención de non incrementar o persoal da Funga e manter a súa asignación orzamentaria practicamente intacta. No entanto, nas contas que veñen de entrar en vigor o Goberno galego obviou que esta entidade pública chegou a acumular recentemente unha débeda de cando menos medio millón de euros con residencias privadas ás que enviou a persoas adultas ás que tutela, nunha nova evidencia das carencias da Fundación e dos servizos da Consellería de Política Social para exercer as súas competencias na materia, desta volta tendo que recorrer aos servizos de empresas privadas.
A Funga admite que derivar as persoas atendidas a residencias privadas "supón un custo moi elevado" que "derivou nunha débeda" con varias residencias, unha das cales reclamou formalmente poder cobrar
O día 13 do pasado mes de xullo a Consellería de Política Social realizou unha primeira inxección de 100.000 euros na Funga. Segundo consta no correspondente expediente, a Funga tivo que "optar" por "solicitar prazas en centros privados" para poder cumprir as súas "obrigas" de "atención persoal e xurídica" ás persoas adultas ás que tutela por orde xudicial. Estas prazas "supoñen un custo moi elevado" que "derivou nunha débeda" con varias destas residencias. "Un dos centros -detalla o expediente-, que soporta a débeda máis elevada, presentou unha reclamación para o seu cobro ofrecendo a posibilidade de acordar un calendario para a súa total cancelación", cun "primeiro pagamento" por importe deses 100.000 euros.
Catro meses despois desta primeira operación, a mediados de novembro, Política Social tramitou outra cunha xustificación practicamente idéntica. Nesta ocasión, o transvasamento de fondos cara á Funga foi de 400.000 euros "para reducir a devandita débeda" coas residencias privadas. Concretamente, a "que corresponde a persoas que na actualidade xa non están ingresadas en centros privados".
Os cartos para reducir a débeda da Funga coas residencias privadas saíron do orzamento das axudas de Política Social a familias para a atención no domicilio a menores de 3 anos
Tanto a achega de xullo como a de novembro saíron dunha das partidas orzamentarias máis publicitadas pola Consellería e polo propio presidente da Xunta, o Bono Coidado, isto é, a axuda habilitada pola Xunta para que as familias poidan solicitar apoio económico para "a atención a domicilio de nenas e nenos menores de 3 anos" que, atendendo á convocatoria de 2016, estaba financiada con 2,3 millóns procedentes do Orzamento de 2017. Sempre segundo os expedientes tramitados polo departamento que dirixe José Manuel Rey Varela, os cartos para pagar as residencias privadas coas que a Funga mantiña débedas puideron saír desta partida porque "unha vez finalizadas as adxudicacións derivadas" da devandita orde de 2016, quedaba "crédito suficiente".
O Goberno galego culminou ambas operacións cunha modificación do orzamento da Funga por importe de 500.000 euros, asinada o día 20 do pasado novembro. Ese medio millón de euros incorporouse en concepto de "axuda monetaria" e modificou polo importe correspondente a conta de perdas e ganancias da fundación pública, que no pasado exercicio manexaba un orzamento de pouco máis dun millón de euros, a a maior parte correspondentes a transferencias da propia Consellería -máis de 900.000 euros-, ás que se engadía unha previsión de ingresos por cotas da persoas usuarias de case 67.000 euros.