0 Gardados para despois

A Xunta non aumentará persoal para tutelar adultos e 3.000 persoas seguirán ao cargo de 23 traballadores

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A Fundación Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga) é a entidade dependente da Consellería de Política Social que, por encomenda do Goberno galego, ten a misión de facerse cargo das necesidades de mulleres e homes maiores de idade, que tras análises forenses e por decisión xudicial, non teñan a capacidade de xestionar a súa vida cotiá nin obrar autonomamente. Como informou Praza.gal, ás dificultades cotiás destas persoas engádese, nos máis dos casos, o feito de que a Funga está desbordada; só 23 persoas teñen que se facer cargo das finanzas persoais, a supervisión sanitaria ou atención social de máis de 3.000 persoas atendidas. Esta cifra de poboación adulta tutelada vai seguir aumentando en 2018 segundo as previsións da propia Xunta que, no entanto, desbota aumentar persoal na Fundación.

Ante as diversas sentenzas xudiciais que acreditan que numerosas persoas tuteladas pola Xunta padecen graves carencias de atención e chegan a exercer a mendicidade, cometer ou padecer delitos ou mesmo a non poderen acceder os subsidios públicos que teñen concedidos, a Funga evitou responder, a preguntas deste diario, se é quen de atender correctamente as máis de 3.000 persoas que tutela con tan pouco persoal. Si resalta, non obstante, que cumpre coa lei e daquela, non é responsable dos problemas que, segundo certificou a Xustiza, padecen os seus tutelados. Con este pano de fondo Política Social tramita o orzamento da Funga para o vindeiro ano, no que vén dicir que non prevé cambio ningún.

A Xunta admite que as persoas adultas ás que tutela a través da Funga van seguir aumentando, pero non dotará a entidade de máis persoal e apenas subirá o seu orzamento

Tal e como admite a Consellería no documento orzamentario, actualmente en trámite no Parlamento, dende que a Funga foi creada en 1996 o número de persoas ás que atende "non deixou de medrar". Dende menos de 100 a mediados dos 90 pasouse ás 3.249 "cos que se traballou no ano 2016" e "a previsión actual é que tal tendencia se manteña nos vindeiros anos" por mor de factores como "o progresivo envellecemento da poboación", así como "o incremento, nos últimos tempos, de persoas beneficiarias, cada vez máis novas, diagnosticadas con transtornos mentais". A estes elementos engádese, admite a propia fundación, "o desarraigo familiar existente na nosa sociedade en relación con estes sectores da poboación, motivado en moitos casos polas dificultades que entraña ás familias a atención a persoas con este tipo de padecementos".

Numerosas sentenzas xudiciais acreditan graves carencias na atención das persoas tuteladas pola Xunta; algunhas delas exercen a mendicidade e cometen ou son vítimas de delitos

"A Funga -conclúe a memoria do orzamento- prevé que a tendencia de incremento anual do número de persoas beneficiarias dos servizos da Fundación se manteña, cando menos a curto ou medio prazo". Por iso, asegura, van "continuar traballando" na "especialización" para o "cumprimento das responsabilidades inherentes ao exercicio dos apoios" a estas persoas e procurando un "funcionamento máis eficiente" e "adaptado ás necesidades e esixencias". Non obstante, estas intencións xenéricas non se van traducir nun incremento de persoal nin tampouco nunha suba xenérica dos fondos que a financian.

Despois de que a Xunta resaltase en resposta a Praza.gal que o cadro de persoal da Funga viña de aumentar "un 21%", ata as devanditas 23 profesionais, o seu orzamento prevé que esta mesma cifra se manteña durante 2018, ano no que estima que dedicará a custos de persoal uns 838.000 euros. Os salarios son, precisamente, o groso do orzamento da FUNGA, de 1,05 millóns de euros para o ano que vén, apenas 10.000 euros máis que en 2017. A maior parte destes cartos procede directamente do erario, mentres que uns 50.000 euros son cotas das persoas usuarias.

Dependentes de entidades sociais

As deficiencias da FUNGA levan a persoas tuteladas por ela a depender de entidades como Cáritas, á que Feijóo enxalza como "imprescindible" despois de cuestionar as súas alertas en materias como nutrición infantil ou vivenda

A deficiente atención padecida polas persoas tuteladas dende a Xunta provoca que, en numerosas ocasións, estas acaben dependendo de entidades sociais para poderen satisfacer necesidades básicas mesmo de hixiene ou manutención. A unha das entidades que traballa con persoas en risco de exclusión, Cáritas, acudiu o pasado luns o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para, co gallo da inauguración das novas instalacións do Centro Vieiro en Santiago -entidade que recibe financiamento da Xunta, da Deputación da Coruña e do Concello santiagués- salientar a política social do seu goberno.

Tres anos despois de desdeñar as alertas desta ONG católica en materias como a nutrición infantil ou a falta de vivenda e mesmo cuestionar a fiabilidade dos datos que manexa a entidade, o presidente enxalzou a Cáritas como "un axente imprescindible para unha política social real a efectiva" para o que "garante" o "apoio" da Xunta. "A pesar de que a situación económica está a mellorar e cada vez máis persoas teñen un emprego, a Adminstración autonómica segue a reforzar os fondos destinados á loita contra a pobreza", dixo Feijóo, que teimou en subliñar o novo incremento da partida para financiar a Renda de Inclusión Social (Risga) malia que esta parte do orzamento varía en función do número de persoas que precisan esta axuda e, daquela, o seu incremento indica un aumento do volume de poboación sen cartos para subsistir.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.