A Fundación Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga) é a entidade dependente da Consellería de Política Social a través da que o goberno galego exerce a súa competencia da tutela de homes e mulleres que, por decisións xudiciais e tras as correspondentes avaliacións forenses, son consideradas como carentes de capacidade para obrar de xeito autónomo ou xestionar determinados aspectos da súa vida cotiá. Segundo os datos máis recentes, incluídos nos seus Orzamentos para 2021, a Funga atende xa máis de 3.800 persoas cun cadro de persoal que nos últimos anos non superou os 23 efectivos, cunha previsión de chegar aos 27 neste 2021.
A Xunta exerce as súas competencias de tutela de persoas adultas a través da Funga, unha fundación pública que atende máis de 3.000 persoas e na que traballan apenas unha vintena de profesionais
Os orzamentos anuais da Funga apenas superan o millón de euros anual. As contas máis recentes indican que en 2019 manexou 1,4 millóns, que en 2020 contou con arredor de 1,11 millóns e que neste 2021 ten asignados 1,3 millóns de euros. Estas asignacións orzamentarias iniciais de cada ano non experimentaron incrementos relevantes aínda que a entidade viña arrastrando débedas con residencias privadas ás que envía algunhas destas persoas tuteladas. A finais de 2020, a Consellería de Política Social abonou algo máis de 1 millón de euros para sufragar esta débeda recorrendo ao fondo de imprevistos do Goberno galego.
Como veu informando Praza.gal, numerosos testemuños de profesionais e familiares, así como diversas sentenzas xudiciais, acreditan as carencias da Funga para exercer as súas competencias. En numerosos casos, isto provoca que persoas tuteladas caian en desatencións que son parcial ou totalmente cubertas por entidades sociais. Noutras ocasións, usualmente tras unha resolución xudicial, algunhas destas persoas teñen que ser internadas e, ante a carencia de recursos públicos específicos, a fundación pública acaba botando man de recursos privados. Ás veces, residencias de anciáns aínda que estas persoas non sexan de idade elevada.
Con este pano de fondo, xa no ano 2018 a propia Xunta admitira que acumulara unha importante débeda con centros privados aos que enviara persoas tuteladas pola Funga. Un destes centros tiña pendente unha débeda especialmente "elevada" e formulara unha reclamación formal para o seu cobro, "ofrecendo a posibilidade de acordar un calendario para a súa total cancelación". Naquela altura, como informou este xornal, Política Social abonara medio millón de euros, 400.000 deles correspondentes ás prazas de persoas que xa daquela "non estaban ingresadas en centros privados".
En 2018, Política Social xa transferira medio millón de euros para afrontar débedas da Funga con centros privados e agora vén de facer o propio con 1,3 millóns, retirados da partida de imprevisto para atender "os pagos de maior urxencia" por este endebedamento pendente
Unha operación semellante foi a aprobada por Política Social o pasado mes de decembro. O departamento que dirixe Fabiola García transferiu 1,3 millóns da partida de "outros imprevistos" dos Orzamentos Xerais da Xunta -especialmente avultada durante 2020, a causa da pandemia- á de transferencias correntes para a Funga. No expediente fixo constar que, con estes cartos, prevía atender "os pagos de maior urxencia que persoas tuteladas" pola Funga "manteñen con distintos centros".
Preguntada ao respecto por Praza.gal, a Consellería de Política Social confirma que o motivo desta modificación orzamentaria "é o mesmo que o das que se veñen realizando dende hai varios anos". "Nesta ocasión -especifica a Consellería- foi de maior contía" para "deixar a débeda dos tutelados cos centros practicamente a cero".
Cuestionada sobre se a razón de recorrer a residencias privadas para as persoas tuteladas é a carencia de recursos específicos no ámbito público, o departamento gobernamental sinala que estas son "axudas reintegrables a tutelados" que "por diferentes casuísticas, non teñen acceso a unha praza de carácter público". Unha destas razóns, admite, "pode ser a inexistencia de recursos específicos para as súas circunstancias". Tamén, agregan, a Funga recorre a recursos privados durante "a cobertura do período de agarda ata que lles é asignada" unha praza pública, cando é o caso.