Máis de 3.000 cidadáns incapacitados xudicialmente son supervisados por unha fundación pública con 23 traballadores que, nos casos que non están en centros, céntranse en “explicarlles a obrigatoriedade de permanecer confinados”
Milleiros de persoas adultas están incapacitadas xudicialmente en Galicia, boa parte delas a cargo de familiares, pero máis de 3.000 están postas pola xustiza baixo a tutela da Xunta, parte delas en residencias pero outras nos seus propios domicilios. A súa supervisión por parte do Goberno galego, a través dunha fundación pública con 23 traballadores, xa evidenciaba numerosas eivas antes do confinamento polo coronavirus, con sentenzas xudiciais que constatan casos de tutelados que cometeron ou foron vítimas de delitos, “riscos” que a Xunta admitía. Agora, a propia Xunta salienta que, no caso das persoas que non están en residencias, o contacto con elas é fundamentalmente telefónico para “explicarlles a obrigatoriedade de permanecer confinados”.
A Xunta tutela en toda Galicia a máis de 3.000 persoas adultas postas ao seu cargo por sentenzas xudiciais a través da Fundación Galega para o Impulso da Autonomía Persoal e a Atención ás Persoas en Situación de Dependencia, antes Fundación Galega para a Tutela de Adultos (Funga). O seu cadro de persoal está composto por un total de 23 persoas, das que dous son postos de dirección, sete de administración, outros sete de asesoría xurídica e outros sete de traballo social. Son eses últimos traballadores sociais os encargados de facer o seguimento desde Santiago das persoas tuteladas, deitando habitualmente a supervisión directa, malia contar en ocasións con sentenzas xudiciais en contra, noutras entidades sociais ou concellos que critican ese procedemento tanto antes como durante o actual confinamento.
A Xunta xa viña deitando a supervisión directa das persoas que tutela noutras entidades sociais ou concellos
Praza.gal preguntou á Consellería de Política Social como está a desenvolver a súa obriga de tutela nestes días. A Xunta salienta que “a maior parte das persoas baixo tutela ou curadoría da Funga son usuarias de centros residenciais” dos que di obter “información diaria sobre o seu estado de saúde, eventuais traslados ou calquera outra circunstancia persoal”. Porén, non indica o número deses casos nin en que tipo de residencias están persoas adultas que acaban sendo ingresadas en centros de maiores ou de dependentes pola falta de centros para as súas circunstancias.
Canto ás persoas que residen en domicilios particulares, “son as traballadoras sociais as que manteñen un contacto telefónico con todos os tutelados e acoden aos domicilios en caso de ser absolutamente necesario”, di a propia Xunta, que engade que “os usuarios tutelados tamén contactan telefonicamente coa Funga para facer chegar as súas solicitudes”. Política Social salienta que “a Funga unicamente pode garantir o confinamento de aquelas persoas que por sentenza xudicial teñen unha orde de internamento nun centro residencial. A aquelas sobre as que non recae dita orde, considéraselles capaces para elixir o seu lugar de residencia, non sendo posible por parte da Fundación exercer obriga algunha sobre o lugar de estadía”.
"A maioría dos tutelados teñen capacidade para realizar moitas das actividades cotiás para as que está permitida a saída dos fogares, tales como facer compras de primeira necesidade ou xestións bancarias”, di a Xunta
“O labor da Funga nestes casos pasa por explicarlles a todas esas persoas a obrigatoriedade de permanecer confinados, incidindo nesa cuestión e reiterando o contacto con eles cantas veces sexa preciso”, insiste. “Cómpre lembrar que a maioría destes tutelados e curatelados teñen capacidade para realizar moitas das actividades cotiás para as que está permitida a saída dos fogares, tales como facer compras de primeira necesidade ou xestións bancarias”, matiza a consellería.
Política Social admite que tamén obtén información das persoas tuteladas “a través do contacto cos servizos sociais de base, auxiliares de axuda no fogar, profesionais da saúde e con todos os recursos de tipo social dispostos polas distintas administracións” como “servizos sociais municipais, Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e calquera achegado que poida facilitar información”, terceiros nos que a Xunta xa viña deitando a supervisión. Este diario constatou con diversas fontes, tamén internas da Funga, que efectivamente o contacto fundamental das traballadoras sociais da fundación coas persoas tuteladas é a distancia, como viña sendo antes, deitando a supervisión directa noutras entidades ás que a actual situación de confinamento dificulta aínda máis o seu traballo.
"Levamos anos advertindo á Xunta da necesidade de mellorar o funcionamento da Funga", lembran desde entidades que acaban desenvolvendo o traballo de campo coas persoas tuteladas que a fundación deita nelas
Praza.gal tamén contactou con diversas entidades coñecedoras do traballo da Funga e cuxos profesionais acaban desenvolvendo o traballo de campo coas persoas tuteladas que a fundación deita neles, como o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidades Mentais de Galicia (Feafes) ou o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia. Colexiadas da primeira entidade ratifican o xeito de proceder da Funga pero o colexio non quixo pronunciarse oficialmente.
Desde Feafes saliéntase que o traballo da Funga na actual situación é “o mesmo” que antes, “tutélase sobre o papel pero non se exerce”, deixando a outras entidades a verificación de que o que o tutelado poida transmitir por teléfono se corresponde coa realidade. "Levamos anos advertindo á Xunta da necesidade de mellorar o funcionamento da Funga", lembran. E desde o colexio de educación social ratifican que "son as entidades particulares as que se están a mover" para atender desas persoas tuteladas, constatando "situacións comprometidas". No caso das persoas tuteladas en domicilios particulares "é complicado" supervisar a súa situación co actual confinamento, pero a cousa non mellora en moitas residencias nas que "as irregularidades están destapándose agora porque se pon o foco nelas, pero xa existían".
Tras máis de tres anos sen xerente, en 2018 a Xunta nomeou a dedo en 2018 a un cargo do PP cuxa principal experiencia fora a de asesor do daquela conselleiro de Política Social
A visión da Funga do seu propio traballo non contén autocrítica: “Desde o comezo desta situación excepcional, a Funga non deixou de exercer ningunha das funcións que ten encomendadas, tanto no eido social, así como no administrativo, no xurídico e no patrimonial, que no seu conxunto suman as principais materias sobre as que se lle encomenda protección á institución”, conclúe a fundación da Xunta.
A fundación xa argumentaba que nunca deixara de cumprir a súa función cando durante máis de tres anos, entre marzo de 2015 e maio de 2018, estivo sen xerente, ata que o Goberno galego nomeou a dedo a un cargo do PP, Juan José Couce Prego, cuxa principal experiencia no sector fora ser asesor do daquela conselleiro. Malia contar xa con dirección, a Funga segue sen facer públicas as súas memorias e contas anuais desde a de 2017. Neste tempo a Xunta non viu necesario aumentar o seu cadro de persoal de 23 traballadores malia admitir que o número de persoas tuteladas seguirá en aumento. Así o alerta tamén a Fiscalía, que ten que intervir nos procesos xudiciais de incapacitación, tarefa que segue estando entre as que mantén como prioritarias durante o estado de alarma, segundo confirman fontes da mesma.