Sentenzas xudiciais evidencian como nos últimos anos persoas tuteladas pola Xunta cometeron ou foron vítimas de delitos ou foron obrigadas a exercer a mendicidade ante o desbordamento da entidade que debera velar por eles, a Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga). Con só 23 traballadores, a Funga asume a tutela de máis de 3.000 persoas, cuxa supervisión acaba deitando noutras entidades sociais ante a súa propia incapacidade para facelo. Ademais, a Xunta mantivo vacante a súa dirección-xerencia durante máis de tres anos, ata que o pasado maio o conselleiro de Política Social, o ferrolán José Manuel Rey Varela, entregoulla a dedo a un cargo do PP de Ferrol, Juan José Couce Prego, co que compartiu candidatura nas municipais de 2015. A propia consellería indica como único mérito do elixido que “traballou preto de 3 anos como asesor da Consellería”.
A Consellería de Política Social que dirixe o ferrolán Rey Varela cobre a dedo a vacante máis de tres anos despois elixindo a un compañeiro na súa candidatura municipal de 2015
En marzo de 2015, ao quedar baleiro o posto de dirección-xerencia da Funga, convocouse un proceso selectivo que foi declarado deserto máis dun ano e medio despois, decisión que a Xunta non publicou no Diario Oficial de Galicia ata dous anos despois da convocatoria. Hai un ano Praza.gal publicou unha ampla análise das diversas eivas no funcionamento da Funga recollidas en sentenzas xudiciais e preguntou á Xunta pola vacante na súa dirección. Política Social asegurou que naquel momento estaba “próxima a cobertura desta praza” e aseguraba que “en todo momento se cubriron as funcións e responsabilidades inherentes a ese cargo”. Porén, non foi ata maio deste ano, tras máis de tres anos vacante, que o Goberno galego cubriu ese posto.
O elixido foi Juan José Couce Prego, membro do comité executivo do PP de Ferrol que concorreu no posto 19 da candidatura popular ás eleccións municipais de 2015 nesa cidade encabezada polo agora conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, quen con toda probabilidade volverá aspirar á alcaldía, o que o obrigaría a deixar a consellería.
Vista do CEGADI, infrautilizado complexo ao que a FUNGA foi trasladada recentemente / Praza Pública
A Xunta lembra que a lei permítelle elixir de xeito discrecional os postos de alta dirección pero máis de tres meses despois ese contrato non aparece aínda no listado da web de transparencia da Xunta, sen actualizar desde marzo de 2016
Este diario preguntou a Política Social que méritos ou experiencia previa en materia de servizos sociais, xurídica ou calquera outra relacionada coas competencias da Funga ten Couce Prego para ser nomeado para ese posto e se foi elixido para o mesmo por ser membro do PP de Ferrol. A resposta do departamento que dirixe Rey Varela limítase a dicir, no que atinxe á experiencia do elixido, que “o novo director traballou preto de 3 anos como asesor da Consellería e atesoura un fondo coñecemento do funcionamento dos servicios [sic] sociais da Comunidade Autónoma galega”. Nada di de que a principal experiencia previa de Couce Prego antes de ser asesor da consellería fose no sector das axencias de viaxes.
A Xunta tamén lembra na súa resposta a liberdade que lle confire a lei -que en todo caso esixe “cualificación necesaria para o cargo”- para elixir de xeito discrecional a dirección de entidades como a Funga, e sinala que así foi como se lle outorgou a Couce Prego un contrato de alta dirección. Máis de tres meses despois, ese contrato non aparece aínda no listado de contratos de alta dirección que a Xunta publica na súa web de transparencia, sen actualizar desde marzo de 2016 e polo tanto sen que figure nel a dirección da Funga, daquela vacante, mentres que outros postos similares noutras fundacións autonómicas especifican unha retribución que oscila entre os 35.000 e os 50.000 euros anuais.
En novembro do ano pasado, ante as críticas polas eivas no funcionamento da Funga, Política Social defendeuse: “Estámolo a facer da mellor maneira posible”
En novembro do ano pasado, despois da serie de informacións deste diario relatando as eivas no funcionamento da Funga, a directora xeral de Familia de Política Social, María Amparo González Méndez, tivo que comparecer no Parlamento de Galicia para dar explicacións á oposición. Alí, ante as críticas que recibiu pola atención está a prestar a máis de 3.000 persoas, argumentou que a Funga “fai cos recursos que conta un bo traballo”. “Estámolo a facer da mellor maneira posible”, dixo.