Os expedientes de incapacitación de adultos incoados pasaron de 2.600 en 2013 a 3.455 o pasado ano
“Especialmentes vixiantes” para protexer os dereitos de persoas de idade avanzada ante os retos que impón o envellecemento da poboación. Esa é a alerta que lanzou esta semana o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, ao entregar no Parlamento a memoria anual do seu departamento correspondente a 2017. A propia Fiscalía salienta como elemento principal do informe que “os expedientes de incapacidade incoados en Galicia nos últimos cinco anos incrementáronse nun 32%, ao pasar de 2.600 no ano 2013 a 3.455 en 2017”. Boa parte dos adultos incapacitados son tutelados por familiares, pero a Xunta supervisa xa a preto de 3.500 e, malia admitir tamén que a cifra seguirá a aumentar, só destina a esas tutelas a 23 persoas e non prevé incrementar ese cadro de persoal.
Segundo a memoria da Fiscalía, en 2017 as demandas de incapacidade presentadas polos fiscais foron preto de 1.200, cifra similar á do ano anterior. Porén, as demandas presentadas por particulares disparáronse desde un número similar en 2016, unhas 1.200, a máis de 1.800 en 2017. Igualmente, a respecto de 2013 os expedientes de internamento de adultos aumentaron un 24%, pasando de 3.921 a 4.637.
Estatísticas de incapacitacións de adultos [Fiscalía de Galicia]
A Fiscalía recoñece que estes datos son só unha parte dun “universo máis amplo de necesidades onde as autoridades xudiciais deben intervir para garantir un trato axeitado ás persoas maiores e perseguir condutas criminais”
A propia Fiscalía recoñece que estes datos amosan só unha parte dun “universo máis amplo de necesidades onde as autoridades xudiciais deben intervir para garantir un trato axeitado ás persoas maiores e perseguir condutas criminais que poden dar lugar a abusos, malos tratos ou abandono”. Nesa liña, Suanzes anunciou que nas próximas semanas crearase unha rede de puntos de contacto entre a Fiscalía e a Cruz Vermella para “detectar situacións de vulnerabilidade que poidan afectar aos dereitos fundamentais deste colectivo e establecer medidas xurídicas de protección”.
A incapacitación de adultos require dunha orde xudicial que establece unha tutela ou curadoría da persoa a cargo doutra, familiares na maioría dos casos, ou dalgunha institución. En Galicia a Fundación Galega para a Tutela de Adultos (Funga), dependente da Xunta, é o ente encargado na actualidade de tutelar a preto de 3.500 persoas adultas encomendadas polos xuíces por considerar que esa era a mellor opción.
Boa parte dos adultos incapacitados son tutelados por familiares, pero a Xunta supervisa xa a preto de 3.500 persoas con só 23 traballadores
Porén, para supervisar a todas esas persoas a Xunta só conta con 23 traballadores, cifra que apenas variou nos últimos anos. E que o Goberno galego non prevé aumentar malia que, como a Fiscalía, vén de considerar novamente, na memoria dos seus Orzamentos para 2019, que o número de tutelados vai seguir aumentando polo “progresivo envellecemento da poboación” e o “incremento nos últimos tempos do número de persoas diagnosticadas con enfermidades mentais”, factores aos que engade “o desarraigo familiar existente na nosa sociedade en relación con estes sectores da poboación”.
Diversas sentenzas veñen poñendo de manifesto nos últimos anos a incapacidade da Funga de atender adecuadamente a todos os seus tutelados, varios dos cales cometeron ou sufriron delitos
Dándolle a razón á Fiscalía na súa alerta sobre as “condutas criminais” que poden sufrir as persoas tuteladas, diversas sentenzas veñen poñendo de manifesto nos últimos anos a incapacidade da Funga de atender adecuadamente a todos os seus tutelados, varios dos cales cometeron ou sufriron delitos. Unha incapacidade da Xunta que acaba sendo paliada en numerosas ocasións por entidades sociais ás que a Funga desvía a atención dos seus tutelados. Tras máis de tres anos co posto de director-xerente da Funga vacante, a Xunta vén de encomendarllo a un cargo do PP de Ferrol, Juan José Couce Prego, cuxa principal experiencia previa no sector foi ser asesor do anterior conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela.
A Xunta suma sentenzas que reflicten a súa incapacidade para atender ben a todos os seus tutelados