A Fundación Galega para o Impulso da Autonomía Persoal e a Atención ás Persoas en Situación de Dependencia, antes Fundación Galega para a Tutela de Adultos, é a entidade que a Xunta utiliza dende 1996 para asumir as súas competencias sobre as persoas xudicialmente incapacitadas para obrar. Nestas dúas décadas pasou de atender apenas 70 persoas a facelo con máis de 3.000, pero contando cun cadro de persoal de apenas unha vintena de traballadores. Concretamente, os casos atendidos en 2018 foron 3.600, segundo a Consellería de Política Social.
A Funga atendeu uns 3.600 casos no ano 2018, segundo a Consellería, e o seu cadro de persoal apenas supera as vinte persoas
O día a día da Funga amosa múltiplas carencias nesta entidade pública que, en numerosas ocasións, acaba sendo suplida por entidades sociais na atención a problemas cotiás das persoas tuteladas. Faltan mans e en ocasións, tamén cartos nun orzamento anual que apenas aumenta. Así, por exemplo, a finais de 2018 a Consellería de Política Social tívolle que inxectar 400.000 euros non previstos porque quedara sen fondos para gasto corrente. Un ano antes tivera que achegarlle un importe semellante para "reducir débeda" con residencias privadas ás que enviara a varias persoas tuteladas -é habitual que a Funga bote man de residencias de maiores aínda que as persoas atendidas non sexan anciás-.
Diante destas eivas, constatadas nos últimos anos tanto por persoas e entidades afectadas e mesmo en sentenzas xudiciais, a Xunta apenas deu en admitir a existencia de "certos riscos" para as persoas tuteladas, tales como que cometan ou sexan vítimas de delitos, pero sempre desbotando a existencia de eivas de importancia no seu funcionamento. Iso é o que vén de facer a Consellería de Política Social que, nunha resposta á deputada do Grupo Mixto Paula Vázquez Verao (En Marea), dá por constatado o funcionamento correcto da Funga.
A deputada reprocha á Xunta que "na práctica", funcións da fundación que tutela persoas adultas acaben sendo "asumidas por entidades como Cáritas"
Dadas as devanditas eivas, a parlamentaria dirixiuse á Consellería que dirixe Fabiola García para cuestionala sobre eventuais plans de mellora na Funga, toda vez que esta entidade se ocupa "de casos de persoas con trastornos mentais, persoas maiores e/ou con alto grao de dependencia e casos de emerxencia social graves" e, en numerosas ocasións, a escaseza de recursos provoca que "na práctica, asuman as súas funcións tanto os servizos sociais comunitarios como entidades como Cáritas".
Tamén pedía explicacións Vázquez Verao polo feito de que, tras tres anos coa xerencia vacante, Política Social decidise ocupar o posto de máxima responsabilidade na Funga. O elixido, subliña, foi "un cargo do PP de Ferrol sen experiencia no eido social".
A resposta chegou o pasado setembro e nela Política Social realiza unha avaliación notablemente optimista do funcionamento da Funga. Alén de glosar a "implicación" do persoal "na atención personalizada as persoas baixo tutela ou curadoría [asunción de determinadas áreas de tutela da vida dunha persoa]", a Xunta defende que "existe un compromiso claro e indubidable" coa "mellora continua" deste organismo. "Por iso nos últimos anos incrementouse o orzamento destinado á fundación", defende -en 2019, primeiro ano con xerente tras tres anos sen cubrir a praza, aumentou en 46.000 euros, ata os 1,08 millóns-.
A Xunta defende unha "mellora" nas "condicións de traballo" da Funga, gábase dun incremento orzamentario que ascendeu a 46.000 euros e subliña que foi "eximida de responsabilidade" en procesos xudiciais que afectaron a persoas tuteladas
Segundo Política Social, grazas a ese "incremento" puido "seguir mellorando as condicións do traballo desenvolvido pola entidade". Ademais, salienta, aplicouse unha "reestruturación dos sistema de traballo" ou unha "mellora dos equipos informáticos" e "novos protocolos" para unha "atención máis directa". "Cómpre -defende a Xunta- pór de manifesto que as circunstancias e condicións" en que as persoas son tuteladas "son variadas e con diversos condicionantes" e, no caso concretos das "condutas delitivas" que atinxen a estas persoas, polas que a deputada preguntaba explicitamente, a Consellería volve admitir a existencia de "certos riscos", se ben matiza que "nos casos ocorridos ata o de agora que se xudicializaron, os tribunais eximiron de responsabilidade á Funga". O certo é que nalgúns casos xudiciais nos que se viron implicadas persoas tuteladas nos últimos anos, a Funga non chega nin a comparecer como parte.
O Goberno galego conclúe a súa resposta defendendo que a elección do xerente, "conforme á normativa vixente", foi realizada valorando "a súa experiencia laboral na Consellería de Política Social" e "os seus coñecementos no eido social galego". O elixido foi Juan José Couce, que fora asesor do ex-conselleiro José Manuel Rey Varela e anteriormente integrara a candidatura do PP de Ferrol e traballara no sector das axencias de viaxes.