A Fundación Galega para o Impulso da Autonomía Persoal e a Atención ás Persoas en Situación de Dependencia, antes denominada Fundación Galega para a Tutela de Adultos, é a entidade coa que a Xunta asume dende 1996 a súa obriga legal de tutelar persoas xudicialmente incapacitadas para obrar. Nos seus inicios tutelaba menos de 70 persoas e na actualidade supervisa unhas 3.400. Pero o seu cadro de persoal mantense en 23 profesionais e o seu orzamento apenas aumenta, o que incrementa as eivas nunha entidade pública tan sensible como, dende hai anos, desbordada pola realidade.
O pasado novembro Política Social retirou 409.000 euros da partida coa que financia o 'cheque bebé' para atender o "incremento dos gastos correntes" da Funga
Entre as múltiples carencias da Funga vén destacando, nos últimos anos, a insuficiente planificación dos seus orzamentos, o que obriga a inxeccións de urxencia para atender gastos ordinarios. É o que sucedeu o pasado novembro, cando a Consellería de Política Social tivo que achegar 409.000 euros non previstos para, segundo indica nun sintético expediente, "financiar o incremento dos gastos correntes" da fundación.
Ese diñeiro estaba inicialmente situado noutra partida da mesma Consellería, a de "medidas para conciliación e dinamización demográfica". Desta área saen, por exemplo, os cartos que financian a Tarxeta Benvida -o cheque bebé de 100 euros mensuais que a Xunta ofrece dende 2015- ou o Bono Coidado, a axuda para "a atención a domicilio de nenas e nenos menores de 3 anos" dependente do mesmo departamento.
En novembro de 2017 a Xunta xa realizara unha transferencia polo mesmo importe e dende a mesma partida para pagar débedas da Funga con residencias privadas ás que envía persoas tuteladas
Este transvasamento de cartos aprobado en novembro de 2018 tivo un importe moi semellante ao realizado por Política Social cara á propia Funga no mesmo mes de 2017. Como informou Praza.gal, a Consellería daquela dirixida por José Manuel Rey Varela botou tamén man da partida de "conciliación e dinamización demográfica" para retirar dela 400.000 euros e "reducir débeda" da Funga con residencias privadas ás que envía a persoas adultas tuteladas. Ante a ausencia de centros específicos, é habitual que estas residencias sexan centros de maiores aínda que as persoas tuteladas non sexan anciás.
Desta volta os importes e datas son semellantes aos do ano previo, pero a Consellería non especifica no expediente cal é, concretamente, o "gasto corrente" que vai ser atendido con esta transferencia de fondos cara a un orzamento que en 2019 non se incrementa substancialmente. Non en van, nos Orzamentos Xerais da Xunta en vigor dende este 1 de xaneiro a Funga conta 1,08 millóns de euros para todos os seus gastos. Son apenas 46.000 euros máis que en 2018, ano no que a Funga tivo xerente por primeira vez en tres anos; tras quedar deserto o concurso público para cubrir ese posto, o elixido para o cargo foi Juan José Couce, antigo asesor do ex-conselleiro Rey Varela.
Malia ás súas recorrentes carencias a Xunta non incrementa substancialmente o orzamento da Funga nin a dota con máis persoal, polo que segue tutelando unhas 3.500 persoas con só 23 profesionais
A Xunta decidiu non dotar con máis fondos nin con máis persoal á Funga aínda que nos propios Orzamentos de 2019 admite que o número de persoas ás que tutela non vai "deixar de medrar". Este prognóstico débese ao "progresivo envellecemento da poboación" e mais polo "incremento nos últimos tempos do número de persoas con enfermidades mentais", factores aos que se engade "o desarraigo familiar existente na nosa sociedade en relación con estes sectores da poboación.
Neste contexto, a fundación pública con sede no Centro Galego de Desenvolvemento Integral (CEGADI) -o complexo de atención a persoas con discapacidade que acumula máis de media década de atraso na súa posta en marcha- seguirá manexando pouco máis dun millón de euros anual e manterá o seu escaso cadro de persoal. Alén do xerente e dun coordinador, actualmente traballan na Funga sete persoas na área administrativa, outras sete no departamento xurídico e sete traballadoras sociais.