A Xunta deita en entidades sociais a supervisión de persoas adultas ás que tutela

Sede da Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga) en Santiago Dominio Público Google Street View

Os 23 traballadores da fundación pública de tutela non son quen de facer un seguimento adecuado de todos os seus máis de 3.000 protexidos

A Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga), dependente da Consellería de Política Social, ten que atender de máis de 3.000 persoas (coas figuras da tutela, curadoría ou defensa xudicial) con só 23 traballadores, o que segundo diversas fontes internas e externas fai que algúns protexidos non estean a recibir o tratamento adecuado. Así se reflicte en diversas sentenzas xudiciais emitidas nos últimos anos, nas que tamén quedan en evidencia diversos intentos da Funga por desviar competencias ou responsabilidades propias a outros organismos públicos ou entidades sociais. Cáritas ou os concellos acaban asumindo a supervisión diaria de persoas incapacitadas cuxa tutela foi entregada á Funga polos xulgados.

Preguntada por estes feitos, a Xunta responde que “non é que a Funga non se interese senón que se empregan os recursos existentes en beneficio dos tutelados e aos que ademais teñen dereito; en moitos casos estas persoas non acoden a este tipo de servizos precisamente pola súa falta de capacidade e polo tanto é a Funga a que complementa esa capacidade solicitando que sexan beneficiarios dos mesmos”.

Diversas sentenzas emitidas nos últimos anos evidencia intentos da Funga por desviar competencias ou responsabilidades propias a outros organismos públicos ou entidades sociais

Diversas sentenzas consultadas reflicten como son esas entidades as que supervisan de feito, cando teñen coñecemento dos casos, a vida de persoas incapacitadas xudicialmente cuxa tutela foi entregada á Funga sen que os xulgados establecesen dita supervisión por parte das entidades sociais, como si fan nalgúns casos. O pasado mes de xullo a sección primeira da Audiencia Provincial de Lugo rexeitou a pretensión da Funga, que actuara previamente como defensora xudicial dun home para declaralo incapacitado de xeito parcial, de que fose unha traballadora social do Concello de Lugo quen asumise a súa curadoría e non ela mesma, como é a súa competencia. A Audiencia lembrou que a propia Funga fora defensora xudicial do home e que “a designación do cargo de curador ha de recaer na Funga”, como tamén defendía a Fiscalía, “atendendo sempre ao beneficio” do incapacitado e sen prexuízo de que puidese “delegar nos servizos médicos” algunhas funcións. A Funga mesmo tentara que o xulgado non considerase lexitimada á traballadora social para recorrer o seu nomeamento como curadora.

A Xunta suma sentenzas que reflicten a súa incapacidade para atender ben a todos os seus tutelados CC-BY-SA Praza Pública

Malia esa sentenza, Política Social argumenta que “é o xulgado quen designa aos curadores e quen identifica as súas funcións, sen que iso imposibilite que a Funga, no exercicio do seu cargo, requira a colaboración dos servizos sociais de base, posto que o feito de que unha persoa teña modificada a súa capacidade de obrar non implica que perda o seu dereito a ser usuario dos servizos sociais”.

O ano pasado outra sentenza, emitida en febreiro polo xulgado do Penal número 2 de Ourense e ratificada en maio pola sección segunda da Audiencia Provincial, condenou por un delito de atentado a unha persoa que agredira a dous axentes da Guardia Civil baixo o efecto do alcohol. Na sentenza na que avaliou a pertinencia ou non de aplicar ao condenado unha eximente, a Audiencia indica que o acusado tiña un “atraso mental leve e un trastorno esquizotípico da personalidade” e  recolle un informe dun forense que o recoñecera en varias ocasións en anos anteriores no que indica que “está incapacitado desde hai anos e o seu titor é a Funga”. O forense reflicte que esa persoa “subsiste da caridade da familia ou veciños” e “vive da mendicidade que practica habitualmente”.

“Hai forenses que dubidan se recomendar que se incapacite a alguén porque saben que a Funga non ten capacidade para atender eses casos concretos”, di unha fonte coñecedora do funcionamento da fundación

Fontes internas e externas da Funga aseguran que os seus escasos traballadores non son quen de facer un seguimento adecuado de todos os tutelados que seguen a vivir nas súas casas porque ningún xulgado decretou o seu ingreso nun centro. En moitos casos, din os consultados, non é necesario, pero noutros a situación dáse porque a Funga non o solicita ao xulgado, en ocasións porque nin sequera é coñecedora das súas condicións reais de vida. Segundo os consultados, o persoal da Funga non ten capacidade para supervisar adecuadamente esas condicións de vida, algo que a propia fundación recoñeceu de xeito implícito ao asinar hai uns anos un convenio de colaboración co Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia para que os seus profesionais os axuden cando non poden visitar a algún protexido. Porque os traballadores da Funga organízanse por equipos provinciais, pero todos teñen a súa sede en Santiago, desde onde se desprazan a toda Galicia cando teñen que supervisar a situación dalgunha persoa atendida. Tamén se teñen dado casos de persoas tuteladas que se presentan na sede de Santiago para reclamar algo de xeito agresivo ou ameazante sen que o persoal da Funga poida facer nada máis que chamar á policía.

“Que está a pasar para que tantos casos acaben cun xulgado decretando unha tutela pública en vez de unha tutela por parte dos familiares?", reflexiona un responsable dunha entidade social coñecedora do traballo da Funga

Varias fontes coñecedoras do funcionamento da Funga sinalan que en ocasións as súas disfuncionalidades débense ás demoras da xustiza. As incapacidades e tutelas ou curadorías correspondentes decrétaas un xulgado, pero entre ese momento e a asunción efectiva desa tutela pola Funga pode haber recursos ou demoras na comunicación que deixan a esas persoas nun limbo en casos como os de ter que asinar un consentimento informado para someterse a unha operación. “Hai forenses que dubidan se recomendar que se incapacite a alguén porque saben que a Funga non ten capacidade para atender eses casos concretos”, indica unha fonte.

Outra fonte consultada ofrece outra visión sobre a incapacidade da Funga para atender correctamente a todas as súas máis de 3.000 persoas asignadas con tutela ou curatela: “Que está a pasar para que tantos casos acaben cun xulgado decretando unha tutela pública en vez de unha tutela por parte dos familiares?”. O envellecemento e empobrecemento da poboación, coinciden varios dos consultados, pode ser unha das respostas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.