A fundación pública que tutela a máis de 3.000 adultos recibe outro pronunciamento xudicial que volve evidenciar as eivas da súa supervisión, pero o auto valídaas porque di que “está traballando” para ‘eludir’ as anomalías detectadas
A xustiza segue poñendo en evidencias as eivas na tutela por parte da Xunta das persoas adultas incapacitadas postas ao seu cargo, máis de 3.000 en toda Galicia que son supervisadas por unha fundación pública (Funga) con apenas 23 traballadores. Un xulgado vén de certificar que unha octoxenaria con déficit cognitivo posta en 2016 baixo a tutela da administración galega chegou a presentar tres anos despois úlceras, mala hixiene ou “desaxustes na toma de medicación”. Porén, o xulgado xustifica a situación como un “feito puntual” amparándose nun informe que lle entregou a propia administración do que di que “ésta ha detectado dichas anomalías y está trabajando para soslayarlas” [sic], en castelán no orixinal, empregando un verbo inexistente en galego que significaría que a Xunta está a eludir ou pasar por alto a situación.
Informes médicos e de enfermaría do Sergas revelan doenzas relacionadas coa desatención da muller por parte da fundación e dos servizos sociais municipais aos que esta derivou a supervisión da tutelada
O caso analizado é o dunha muller e o seu fillo residentes no seu propio domicilio nun pequeno concello rural que foron incapacitados en distinto grao en 2014 e postos baixo a tutela dunha familiar. En 2016 a xustiza estableceu que a tutela pasase á Funga por desavinzas persoais entre os tutelados e a familiar, malia certificar o xulgado que a súa tutela fora correcta. A Funga pasou desde aquela a estar obrigada a render contas ao xulgado das súas actuacións de tutela só unha vez ao ano no caso da muller e cada medio ano no caso do fillo.
En 2019 a mesma familiar que tivera a tutela solicitou ao xulgado que se lle retirase á Funga amparándose en informes médicos e de enfermaría do Sergas que revelaron diversas doenzas relacionadas coa desatención da muller por parte da fundación e dos servizos sociais municipais aos que esta derivou, como adoita facer noutros casos, a supervisión que a xustiza deitara nela.
Malia recomendar o informe médico que se valorase o ingreso da tutelada nunha residencia, a Funga limitouse a aumentar a asistencia domiciliaria que lle daba de unha hora diaria a algo menos de dúas horas
O informe médico forense no que se baseou no seu momento a incapacitación da octoxenaria e do seu fillo reflicte déficit cognitivo e que “precisa supervisión para a maioría das actividades básicas da vida diaria e para as actividades instrumentais” como o uso do teléfono e o transporte, facer a compra ou as tarefas da casa. A situación de “déficit de coidados” á que chegou a muller, segundo os informes do Sergas achegados ao xulgado, ponse de relevo cando a comezos de 2019 unha médica e unha enfermeira acoden ao seu domicilio para facerlle unha valoración para o recoñecemento da dependencia.
A muller contaba cunha hora diaria de atención a domicilio por parte do concello, e cando os servizos sanitarios comunican á Funga a insuficiencia deses coidados, e malia recomendar expresamente que se valore o seu ingreso nunha residencia, a fundación pública, segundo o auto xudicial, limitouse a elevar a atención domiciliaria a algo menos de dúas horas ao día, algo que fixo mes e medio despois de recibir a alerta. O auto xudicial que sinala as eivas de atención que presentaban as dúas persoas tuteladas reflicte que a actuación da Funga non se produciu porque mantivese contacto ao respecto cos servizos sociais municipais nos que deitara a súa supervisión da tutelada -que resultaban insuficientes- senón cando así llo comunicaron os servizos médicos.
A resolución xudicial reflicte o proceder habitual da Funga de deitar noutras entidades a supervisión directa das persoas tuteladas, tamén durante o actual confinamento polo coronavirus, no que o a Xunta ratifica que o seu contacto é telefónico
A resolución xudicial, en todo caso, rexeita retirar á Funga a tutela e xustifica que “da proba practicada non se desprende que as circunstancias descritas nos anteriores informes deixen de ser un feito puntual, pois do informe social unido ao escrito de alegacións presentado pola Funga resulta que esta detectou ditas anomalías e está traballando para soslayarlas [sic]”. Nada di o auto a respecto de a Funga actúe para cumprir coa recomendación médica de avaliar o ingreso nunha residencia.
A resolución xudicial reflicte o proceder habitual da Funga de deitar noutras entidades asistenciais ou servizos sociais municipais a supervisión directa das persoas cuxa tutela lle foi encomendada por un xulgado, actuación que vén sendo criticada por esas entidades do terceiro sector ou polo persoal de servizos sociais de outras administracións. Un xeito de actuar que se mantén tamén na actual situación de confinamento polo coronavirus, na que a propia Xunta admite que a súa supervisión dos seus tutelados que non residen en centros socioasistenciais senón nos seus propios domicilios particulares, como é este caso, se produce a través de chamadas telefónicas. Nos casos máis graves, sentenzas xudiciais veñen reflectindo a incapacidade do limitado persoal da Funga de evitar que persoas baixo a súa tutela cometan ou sexan vítimas de delitos. A Xunta admite "certos riscos" de que iso se produza.