A conselleira de Política Social admite no Parlamento a demora pero evita responder ás novas críticas polo mal funcionamento da Funga lanzadas por diversas entidades
A conselleira de Política Social, Fabiola García, admitiu este mércores no Parlamento que a Xunta leva máis de dous anos sen adaptar a súa fundación para a tutela de adultos (Funga) á nova lexislación estatal na materia. Así o dixo en resposta a unha pregunta do BNG, que a cuestionaba sobre as diversas críticas polo seu mal funcionamento que vén recibindo a Funga, incapaz de atender co seu reducido persoal, de só 27 traballadores, incluídos directivos, ás máis de 3.000 persoas adultas incapacitadas xudicialmente que están ao seu coidado.
Praza.gal vén contando desde hai anos os problemas da Funga, con persoas desatendidas que cometen ou son vítimas de delitos e co seu desvío de responsabilidades a outras entidades ante a súa incapacidade de supervisar directamente ás persoas encomendadas polos xulgados. Hai uns días era a Fundación Paideia Galiza, encabezada por Sandra Ortega, filla de Amancio Ortega, a que denunciaba publicamente os problemas da Funga e criticaba a inacción da Xunta. E este mércores foi o BNG o que se fixo eco no Parlamento desas e outras críticas similares doutras entidades galegas.
O deputado nacionalista Iago Tabarés lamentou, entre outras cuestións, a "demora" da Xunta en adaptar a "normativa e funcións" da Funga á nova lexislación estatal sobre o sector. Unha reforma legal aprobada en 2021 e que entrou en vigor en setembro dese ano que dá máis capacidade de actuación ás persoas asistidas substituíndo a tutela pola curadoría, un tipo de apoio máis puntual para que as persoas afectadas poidan tomar o maior número de decisións pola súa propia conta.
Fabiola García salienta un aumento no orzamento para que a Funga teña máis persoal pero as contas da Xunta indican que será externalizando servizos
Na súa resposta a conselleira non negou esa demora e admitiu que "a Xunta deu recentemente luz verde á adaptación dos estatutos [da Funga] á lei", proceso que aínda está pendente de rematarse, segundo admitía hai uns días a propia Xunta.
Fabiola García tampouco negou as críticas recibidas senón que centrou a súa intervención en asegurar que o Goberno galego seguirá a aumentar o orzamento para que a Funga teña máis persoal co que realizar mellor o seu traballo. Porén, os Orzamentos da Xunta para o próximo ano permiten comprobar que iso será a través de novas externalizacións de servizos e non dun aumento do cadro de persoal propio, que seguirá a ser de 27 traballadores, tres menos do pico de 30 declarado en 2022.