A fundación da Xunta que tutela adultos non asiste nun proceso que deixou indefensa unha muller de 92 anos

Sede da Funga no CEGADI, complexo de atención á discapacidade en Santiago CC-BY-SA Praza.gal

Un xulgado deixou a muller en mans da Funga despois de que a mesma fundación non cumprise o encargo de defendela no proceso previo sobre se mantiña as súas capacidades, o que agora anula a Audiencia de Ourense

A xustiza leva anos emitindo sentenzas ou autos que revelan o abandono de persoas adultas baixo tutela ou curadoría da Xunta a través da súa Fundación Pública Galega para o Apoio ao Exercicio da Capacidade Xurídica (Funga). Así o volve facer agora a Audiencia Provincial de Ourense nun auto no que anula o proceso xudicial que acabou entregando á Funga a curadoría dunha muller de 92 anos despois de que a propia Funga fose encargada de defender os seus dereitos pero non comparecese no procedemento. 

É habitual desde hai tempo que a Funga non compareza en causas xudiciais que afectan a persoas que deberan ser defendidas por ela. Malia as súas eivas de anos, a Consellería de Política Social deixou a fundación sen dirección durante máis de tres anos entre comezos de 2015 e mediados de 2018, novamente outros tres meses durante 2024 e agora volve estar descabezada desde o pasado 1 de xuño.

Segundo o relato dos feitos que fai a Audiencia de Ourense, un fillo da muller, en contra doutra filla, solicitou á xustiza que ditase medidas xudiciais de apoio á súa nai (a lei converteu en 2021 as anteriores tutelas en curadorías) e pediu que a Funga fose a encargada de defender os intereses da muller no proceso para determinar as capacidades que conservaba. Así o fixo un xulgado de Celanova, que designou á Funga como defensora da muller sen sequera escoitala. Despois, a Funga "non compareceu no procedemento" e o xulgado entregoulle igualmente a curadoría da muller.

A outra filla da muller que xa viña coidando dela recorreu xunto coa súa nai a decisión xudicial e a Audiencia de Ourense deulles a razón. O tribunal salienta que nin se tentou comunicar á muller afectada o proceso polo que ía pasar, que "non tivo oportunidade de nomear defensor que asumise a súa defensa" e que a Funga foi nomeada como defensora "de forma anticipada sen oíla e sen xustificación algunha das razóns polas que se efectuara a designación".

Auto que constata a non comparecencia da Funga no proceso que estableceu unha curadoría sobre unha muller de 92 anos cun procedemento que a deixou indefensa CC-BY-SA Praza Pública

"Vulneráronse as normas do procedemento e produciuse indefensión á afectada", di a Audiencia de Ourense

Pero a esas censuras á actuación xudicial, a Audiencia engade a inacción da Funga. "Simplemente, sen ningunha información, se indica que non é previsible que vaia efectuar a designación de avogado e procurador, e a petición do seu fillo, nomeouse á Funga, que non compareceu no procedemento", di o tribunal. Porén, tras entregarse a súa curadoría á Funga, a muller si foi quen de nomear avogado "considerando o notario ante o que outorgou o apoderamento que se atopaba en condicións de facelo".

A defensa da muller de 92 anos e da súa filla censurou que no proceso para establecer as capacidades e a curadoría a Funga "non compareceu á vista nin realizou actuación algunha, abocando [á muller] a unha situación de indefensión, privándoa da máis mínima oportunidade de formular contradición e opoñerse ás peticións formuladas na súa contra". E así o considera efectivamente a Audiencia de Ourense, que di que "efectivamente, vulneráronse as normas do procedemento e produciuse indefensión á afectada, procedendo en consecuencia declarar a nulidade do actuado desde o comezo do procedemento". 

A Funga, novamente sen dirección 

A Funga volve levar dous meses sen dirección tras estalo xa tres meses en 2024 e máis de tres anos entre 2015 e 2018

Como vén informando Praza.gal, as eivas da Funga veñen sendo constatadas por múltiplas sentenzas xudiciais no marco dunha cronificada escaseza de persoal. Tamén polas entidades sociais que, con frecuencia, dan en suplir as carencias de atención das persoas tuteladas. Son problemas que van dende a asistencia ás persoas tuteladas ata cuestións de funcionamento interno, caso da divulgación por erro en internet de ducias de nomes de persoas tuteladas xunto a datos das súas débedas ou axudas.

Recursos humanos da Funga para atender a máis 3.000 persoas segundo a súa última memoria publicada CC-BY-SA Funga - Xunta de Galicia

Durante a pasada década, nun contexto de continuo crecemento na cifra de persoas tuteladas, a Xunta mantivo vacante a dirección da Funga durante máis de tres anos, de principios de 2015 a mediados de 2018. Foi daquela cando designou para o posto a Juan José Couce Prego, na altura asesor de confianza de quen era conselleiro de Política Social, José Manuel Rey. Couce Prego deixou o cargo en xuño de 2024 e o posto volveu quedar baleiro outros tres meses, ata setembro, cando foi nomeada Eloína Injerto. Pero agora, menos de dous anos despois, Injerto vén de deixar o cargo ao ser nomeada directora xeral de Promoción da Igualdade. Así que a Funga volve estar descabezada desde o pasado 1 de xuño, hai agora dous meses.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.