O Goberno galego facilita a firmas eólicas mesmo o domicilio das persoas solicitantes de información sobre o impacto ambiental de parques desas empresas
“Sempre o facemos, mandamos o escrito completo”. Así recoñece a Xunta que facilita a empresas enerxéticas datos persoais, mesmo o domicilio, das persoas que lle solicitan información, a través da Lei de Transparencia, sobre o seu control do impacto ambiental de parques eólicos propiedade desas firmas privadas.
O procedemento polo que calquera cidadán, ao amparo da Lei de Transparencia, pode solicitar á administración documentos no seu poder establece que se esa petición pode afectar a un terceiro (particular ou empresa), hai que comunicarlle o que se solicita para que formule as alegacións que considere oportunas. Porén, a Xunta está trasladando ás empresas enerxéticas non só o contido textual da petición de transparencia senón o propio formulario asinado polo cidadán solicitante no que este debe incluír nome, DNI, enderezo e teléfono ou correo electrónico.
A comunicación por parte da Xunta a empresas enerxéticas de datos persoais das persoas solicitantes de transparencia da propia administración prodúcese malia que o procedemento de petición indica expresamente que os destinatarios dos datos deses formularios son só “as administracións públicas” e sinalar a normativa da sede electrónica da Xunta (como esixe a propia lei estatal) que a persoa solicitante ten que dar consentimento expreso e “inequívoco” para que a administración poida ceder eses datos a un terceiro, neste caso unha empresa privada allea á propia administración.
A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía rexeita valorar a actuación do seu servizo de Enerxías Renovables
Tras unha petición de transparencia dun xornalista de Praza.gal á Xunta sobre os informes periódicos do impacto dun parque eólico sobre as aves, e no marco do trámite de audiencia para alegacións, a empresa propietaria dos muíños púxose en contacto co xornalista deste xornal que formulou a solicitude a título particular, xa que a lei só permite facelo a cidadáns particulares, non a entidades, nin sequera medios de comunicación. No seu correo electrónico a empresa anexou o formulario orixinal cos datos persoais do solicitante de transparencia, que a continuación se puxo en contacto co departamento da Xunta encargado de tramitar a súa petición: a xefatura de servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética admitiu que sempre trasladan ás empresas implicadas “o escrito completo” e non só a petición.
Tras identificarse o xornalista como tal, ademais de como cidadán solicitante de transparencia, a xefatura de servizo admitiu o incorrecto do proceder e asegurou que intentará disociar os datos persoais da propia petición cando se lle traslade a terceiros implicados. Esta é a explicación que ofreceu a xefatura de servizo: “Nós o que non podemos é redactar o que se supón que se nos está pedindo, o que facemos é en todo caso mandar o mesmo escrito. Agora, que ese escrito se lle poden desagregar os datos, se pode borrar e non dar traslado deses datos, si que se pode facer. Agora, o seu nome ten que aparecer porque de algunha maneira temos que identificar á persoa que está pedindo os datos, outra cousa é que vaia o seu enderezo, o seu teléfono e os seus datos persoais. Iso non ten lóxica. O nome, non sei ata que punto tamén o podemos borrar”.
Logo de recibir esa resposta da xefatura de servizo implicada, este diario preguntou o pasado luns ao departamento de comunicación da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, que rexeitou ata agora dar ningún tipo de resposta.
En xuño o Tribunal Superior evidenciou que outra empresa enerxética tamén coñecía datos persoais dun solicitante de transparencia
Antes deste caso co que a Xunta confirma que “sempre o facemos, mandamos o escrito completo”, unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia referente a outra petición de transparencia tamén dun xornalista de Praza.gal sobre outro parque eólico distinto xa deixaba entrever o proceder do Goberno galego. Naquela resolución do pasado 19 de xuño o TSXG daba a razón á Xunta na súa decisión de facilitar a este diario a información solicitada fronte á negativa da empresa propietaria do parque eólico e facíao rexeitando as súas alegacións indicando que “o feito de que o solicitante pretenda incorporalos [os datos] a unha noticia periodística está amparado polo dereito á liberdade de información”.
A sentenza evidenciaba así que a empresa era coñecedora da condición de xornalista da persoa que solicitaba a información cando nin ela, nin o seu medio de comunicación, compareceran na causa xudicial entre a enerxética e a Xunta sobre unha petición de transparencia formulada a esta última a título particular.
A Xunta tamén divulgou, en aplicación da Lei de Transparencia, nomes de menores de idade aos que pagaba tratamentos médicos
Non é a primeira vez que na súa aplicación da Lei de Transparencia a Xunta divulga datos persoais. Ao comezo da vixencia da mesma a Consellería de Política Social fixo públicos en internet os nomes e apelidos de menores de idade aos que pagaba distintos tipos de tratamentos médicos. Praza.gal detectou esas publicacións na web de transparencia da Xunta e, tras alertar á consellería, agardou a que esta borrase os nomes antes de publicar unha información ao respecto na que o departamento que daquela dirixía José Manuel Rey Varela admitía o sucedido como un “erro”.
Por outra banda, o procedemento de alegacións de terceiros nas solicitudes de transparencia dirixidas á Xunta tamén deixou en evidencia en 2018, a conta dunha petición dun convenio do Sergas cunha multinacional, que o Goberno galego denega esas solicitudes mesmo cando a empresa implicada non pon problemas para facilitar a información. Similar procedemento de ocultar o que un terceiro non ten problemas en desvelar seguiu a Xunta ao borrar parte do convenio que asinou co Ministerio de Defensa para crear unha base de probas de drons no aeródromo de Rozas, acordo que o ministerio publicou íntegro en 2015 no seu boletín oficial.