A Xunta mobilizouse en pleno verán para que Feijóo construíse o seu antigo chalé en Moaña ocupando vía pública

Muro permitido "por seguridade" a Feijóo no seu antigo chalé de Moaña e informe favorable da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

A ocupación dun camiño cun muro foi xustificada "por seguridade" do presidente, pero tamén comparada co uso de terreo público para supresión de barreiras a persoas con discapacidade

Hai unhas semanas Praza.gal revelou que Feijóo ocupou "por seguridade" cun muro do seu antigo chalé en Moaña parte dunha vía pública que agora está a recuperar o Concello, logo de que o líder popular vendese esa segunda residencia en 2021. A ocupación do terreo público produciuse ao amparo dun decreto de 2007 que permite aos ex-presidentes do Goberno galego "as medidas de seguranza que se consideren axeitadas"

Pero varios departamentos da Xunta tiveron que mobilizarse en pleno verán de 2017 para, nuns poucos días, desbloquear a construción do chalé ante as obxeccións que formulaba o Concello de Moaña. Así o revela un informe da Dirección Xeral de Urbanismo ao que vén de ter acceso este diario.

Muro permitido "por seguridade" a Feijóo no seu antigo chalé de Moaña que agora a xustiza obriga a retranquear CC-BY-SA Praza Pública

Cando Feijóo recibiu en 2015 licenza de obras do Concello de Moaña para construír o seu chalé tivo que ceder, como establece o plan de urbanismo municipal, unha franxa duns 30 metros de longo por 3 de ancho, uns 90 metros cadrados, coa que ensanchar o camiño lindeiro. Así o fixo e o terreo pasou a ser público, pero en 2017 a Policía Nacional considerou que para a seguridade do presidente da Xunta o peche da parcela non podía ter ángulos mortos, o que impedía o retranqueo do muro. Así o reflectiu un informe do 19 de xuño de 2017 da unidade da Policía Nacional adscrita á Xunta de Galicia, a coñecida como policía autonómica.

Malia as demoras que experimentan todo tipo de trámites da administración autonómica, a directora xeral de Urbanismo e a policía adscrita á Xunta reaccionaron en poucos días para desbloquear a segunda residencia do líder popular

Ese informe foi remitido á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta e unha semana máis tarde, o 27 de xuño, Feijóo presentábao ante o Concello de Moaña xunto cunha comunicación previa de obras menores para mudar o emprazamento do muro autorizado dous anos antes. Pero o arquitecto técnico municipal discrepou do cambio e o Concello comunicou a Feijóo o martes 18 de xullo a "ineficacia" da súa comunicación previa de obras menores para semellante cambio.

Só cinco días hábiles despois da comunicación a Feijóo desas obxeccións do Concello, e cunha fin de semana e o festivo do 25 de xullo polo medio, coas súas habituais esixencias de seguridade, o mércores 26 de xullo a xefatura da policía autonómica pedía á Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta un pronunciamento sobre a situación e a aplicación ao caso do decreto de 2007 que garante aos ex-presidentes "as medidas de seguranza que se consideren axeitadas".

Muro permitido "por seguridade" a Feijóo no seu antigo chalé de Moaña que agora a xustiza obriga a retranquear CC-BY-SA Praza Pública

Ese pronunciamento da directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, está asinado oito días hábiles despois, o luns 7 de agosto, un mes no que boa parte da Xunta está de vacacións. Un informe no que a responsable autonómica de Urbanismo non só xustificou que o muro non se retranquease por motivos de seguridade senón que comparou o caso con outros supostos nos que tamén se pode ocupar solo público para favorecer a unha propiedade privada. 

Rivas xustifica que "as ocupacións puntuais do dominio público viario, ou mesmo do sistema de zonas verdes e espazos libres públicos, son habituais" en casos como "a construción de ramplas de acceso a portais inaccesibles, ou para a instalación de ascensores exteriores en edificacións carentes dos mesmos". Unhas excepcións ao planeamento urbanístico xeral, como no caso de Moaña, que se amparan na "prevalencia da normativa en materia de accesibilidade e supresión de barreiras e non discriminación das persoas con discapacidade". 

Informe da Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta favorable a que o chalé de Feijóo ocupase 90 metros cadrados de vía pública CC-BY-SA Praza Pública

A instalación de escaleiras de evacuación esixidas pola normativa de incendios é outro dos casos nos que a directora de Urbanismo lembra que se poden ocupar espazos públicos en beneficio dunha propiedade privada. Por iso, di Rivas, "de xeito análogo" debían prevalecer no caso do chalé de Feijóo en Moaña as medidas excepcionais de protección ditadas pola policía sobre o que esixía o planeamento municipal. 

O Concello aceptou o argumento "excepcional" da Xunta pero condicionou o muro a que Feijóo seguise sendo o dono do chalé, así que tras vendelo en 2021 está tramitando a recuperación do terreo público

O informe, pola contra, nada di de que o decreto de 2007 no que se basea a excepcionalidade fose dirixido a garantir a seguridade de ex-presidentes, mentres que Feijóo en 2017 era presidente e como tal tiña á súa disposición a residencia oficial de Monte Pío, con maiores medidas de seguridade.

Malia as demoras que adoitan experimentar todo tipo de trámites da administración, menos dun mes despois de coñecerse as obxeccións do Concello de Moaña e en pleno verán este xa tiña sobre a súa mesa o informe da Xunta e o 21 de agosto acababa aceptano que o muro non se retranquease por seguridade. Pero foi un permiso para manter ese muro de xeito "excepcional" como "medida de seguridade" que foi outorgado coa condición expresa de que "non se poderá transmitir e exclusivamente terá vixencia e manterase" mentres Feijóo fose o dono da finca e do chalé.

Muro permitido "por seguridade" a Feijóo no seu antigo chalé de Moaña que agora a xustiza obriga a retranquear CC-BY-SA Praza Pública

Feijóo acabou vendendo o chalé en 2021 e o seu novo propietario tentou sen éxito manter o muro, pero un xulgado de Pontevedra vén de dar a razón ao Concello na súa intención de recuperar os 90 metros cadrados de terreo público. A venta produciuse despois de que en 2019 a parella de Feijóo mercase outro chalé no mesmo concello de Moaña pero a varios quilómetros, na praia do Con, a carón do centro da vila. Outro chalé que tamén é polémico porque Costas, como avanzou tamén en exclusiva Praza.gal,  quere recuperar 210 metros cadrados de solo igualmente público que están pechados conxuntamente coa propiedade privada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.