Feijóo ocupou "por seguridade" co seu antigo chalé unha vía pública que agora recupera o Concello de Moaña

Muro permitido "por seguridade" a Feijóo no seu antigo chalé de Moaña que agora a xustiza obriga a retranquear CC-BY-SA Praza Pública

Un xuíz rexeita que o novo propietario poida manter un muro "excepcional" levantado en 2017 ao amparo dun decreto de 2007 que permite aos ex-presidentes "as medidas de seguranza que se consideren axeitadas"

O xulgado do Contencioso-Administrativo 1 de Pontevedra vén de emitir unha sentenza que dá a razón ao Concello de Moaña nun preito co actual propietario do chalé que levantou nesa vila en 2017 o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A resolución xudicial valida que o concello recupere uns 90 metros cadrados de vía pública ocupados daquela "por seguridade" do presidente e rexeita que o novo propietario poida manter o muro "excepcional" que pechaba ese espazo ao amparo dun decreto de 2007 que permite aos ex-presidentes da Xunta "as medidas de seguranza que se consideren axeitadas".

Hai unha década medios como La Voz de Galicia ou Faro de Vigo publicaron as características e emprazamento en Moaña, nun monte da parroquia de Meira, do chalé que alí decidiu construírse o daquela presidente da Xunta. Chalé que Feijóo vendeu en 2021, despois de que en 2019 a súa parella mercase outro na praia do Con, a carón do centro da vila. 

Feijóo cando era presidente con axentes da unidade adscrita á Xunta da Policía Nacional e fragmento da sentenza CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Se o chalé da súa parella na praia está a ser polémico porque Costas quere recuperar 210 metros cadrados de solo público que están pechados conxuntamente coa propiedade privada, como revelou en exclusiva Praza.gal o pasado novembro, no caso do anterior chalé de Feijóo foron 90 metros cadrados tamén públicos os ocupados para garantir a seguridade do presidente, espazo que agora está a recuperar o Concello de Moaña.

A Policía Nacional estableceu que para a seguridade do presidente o muro da parcela non podía ter ángulos mortos, o que impedía o retranqueo, e o Concello de Moaña cedeu 90 metros cadrados de vía pública mentres Feijóo fose o propietario do chalé

Segundo relata a sentenza agora feita pública, para levantar aquel primeiro chalé en Meira Feijóo tivo que ceder ao Concello unha franxa duns 30 metros de longo por 3 de ancho paralela á vía pública coa que ensanchar esta, requisito establecido no plan de urbanismo municipal. Pero tras segregar e ceder ante notario en 2015 eses 90,79 metros cadrados ao Concello de Moaña e obter a licenza para levantar o chalé, en 2017 Feijóo comunicou unha modificación da obra que ía realizar. 

Un informe da Policía Nacional estableceu que para a seguridade do presidente da Xunta o peche da parcela non podía ter ángulos mortos, o que impedía o retranqueo do muro. Ademais, este debía ser máis alto que os 2 metros de máximo que permitía a normativa municipal. Xunto con ese informe da Policía Feijóo presentou ante o Concello outro informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta que concluíu que "neste caso en concreto pode excepcionarse o cumprimento do disposto na normativa urbanística, para garantir a seguridade persoal do Presidente da Xunta de Galicia, ao amparo do disposto no artigo 2.b do Decreto 211/2007", que estableceu os medios e recursos asignados aos ex-presidentes do Goberno galego. 

Ese decreto, aprobado durante a presidencia do socialista Emilio Pérez Touriño, di nese artigo 2.b que os antigos titulares do Goberno galego "terán dereito con carácter vitalicio" a, entre outras, "as medidas de seguranza que se consideren axeitadas en cada momento". É un decreto dirixido a ex-presidentes da Xunta, non a presidentes en exercicio como era o caso de Feijóo, porque estes teñen en teoría garantida a súa seguridade na residencia oficial de Monte Pío.

Muro permitido "por seguridade" a Feijóo no seu antigo chalé de Moaña que agora a xustiza obriga a retranquear CC-BY-SA Praza Pública

Ante eses informes, o Concello de Moaña autorizou en agosto de 2017 a Feijóo a non retranquear o muro respecto da vía pública e manter pechada conxuntamente coa súa propiedade a franxa de 90 metros cadrados que nese momento xa era e segue sendo terreo público, como reflicte o Catastro. Un permiso para manter ese muro de xeito "excepcional" como "medida de seguridade" que foi outorgado coa condición expresa de que "non se poderá transmitir e exclusivamente terá vixencia e manterase" mentres Feijóo fose o dono da finca e do chalé. 

O decreto que ampara a medida establece a seguridade como un dereito "vitalicio" dos ex-presidentes, pero o permiso municipal matizou que a Policía debería acreditar no futuro a vixencia da medida concreta ligada ao muro e que Feijóo estaría obrigado a demolelo "unha vez desaparezan" eses motivos de seguridade, "debendo restituír o dominio público ocupado ao estado e urbanización a que está obrigado en base á licenza de obras que no seu día lle foi concedida". 

O xuíz salienta que o novo dono do chalé sabía que o muro debía recuar ao marchar Feijóo e rexeita os seus argumentos de que tamén precisa seguridade como alto executivo dunha multinacional porque iso non é de "interese público" como a presidencia da Xunta

Sempre segundo a sentenza agora feita pública, cando en xullo de 2021 Feijóo vendeu o chalé a escritura notarial deixou constancia de que "a parte compradora recoñece ser informada da situación xurídica e urbanística da edificación obxecto deste contrato, en especial de que parte do muro de peche ocupa espazo público e se ten que proceder ao seu retranqueo será a cargo e por conta da parte compradora, circunstancia que se tivo en conta ao fixar o prezo da compravenda". 

Dous meses despois da venda, en setembro de 2021, o Concello de Moaña comunicou ao novo propietario que, tras constatar que Feijóo xa non era o dono, "o citado muro de seguridade debe demolerse e situarse coa altura e aliñación" que establece o plan de urbanismo. Pero esa recuperación do espazo público está a demorarse porque o novo propietario recorreu aquela resolución municipal primeiro na vía administrativa, pedindo sen éxito manter a medida da que desfrutaba Feijóo, e despois ante a xustiza. E agora o xulgado do Contencioso-Administrativo 1 de Pontevedra dá a razón ao Concello.

Segundo a sentenza feita pública polo poder xudicial, o novo propietario argumentou, entre outras cuestións, que el é "obxectivo de potenciais secuestros ou agresións pola súa condición de alto executivo nunha multinacional" e precisa "medidas especiais de protección persoal". 

A parcela antes de que Feijóo construíse nela e sentenza que obriga a retranquear o muro actual para ampliar o camiño público CC-BY-SA Imaxe: Google | Montaxe: Praza Pública

Pero o xuíz rexeita os seus argumentos. "O que agora pretende é que se lle autorice a ocupación privativa, con carácter exclusivo e excluínte, desa zona de dominio público, para un uso residencial privado, por tempo indefinido (en tanto non se transmita a vivenda a un terceiro)", di a sentenza, que engade que "o factor principal a considerar para o outorgamento ou denegación da concesión ha de ser o interese público". E o que di o xuíz é que a Feijóo "outorgóuselle a anterior concesión por un motivo de interese público evidente: cumprir os requisitos de seguridade que conleva o exercicio do cargo de Presidente da Comunidade Autónoma de Galicia".

"Polo contrario", engade a sentenza a continuación, "o aquí demandante atópase nunha situación diferente" xa que "non ostenta cargo público equivalente" e "tampouco concorre un interese público comparable". "A súa pretensión obedece a un interese exclusivamente privado", di o xuíz, para quen "a vulneración do principio de igualdade produciríase se se lle outorgase esa concesión" xa que o resto de propietarios que quixeron edificar unha vivenda "deberon ceder e urbanizar a zona afectada".

Neste caso, di o xuíz, "prevalece o interese público na liberación do espazo viario ocupado que o particular do actor en ter un xardín máis amplo"

O xuíz conclúe que neste caso "prevalece o interese público na liberación do espazo viario ocupado, que o [interese] particular do actor en ter un xardín máis amplo entre a fachada principal da súa vivenda e o muro de peche, así como máis intimidade e mellores condicións de seguridade". O xuíz salienta que o Concello "deixou moi claro na 'autorización' anterior que se extinguiría coa primeira transmisión da vivenda" e que Feijóo "informou ao actor, no momento de subscrición do contrato, de dita condición".

A sentenza remata incidindo en que "se a vivenda que adquiriu o actor, coa súa carga anexa de ceder e urbanizar a fronte da parcela, mediante o retranqueo do peche (apuntada na propia escritura de compravenda) non cumpría as súas necesidades persoais en canto a seguridade fronte a roubos, atentados ou secuestros, o que puido facer é simplemente non mercala. Nada o obrigaba. Non pode pretender agora, tras a súa voluntaria decisión, forzar ao Concello de Moaña a incumprir a normativa urbanística concedéndolle un privilexio singular". 

Muro permitido "por seguridade" a Feijóo no seu antigo chalé de Moaña que agora a xustiza obriga a retranquear CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.