"Non se está usando": a resposta sobre Feijóo e o acceso á praia do chalé da súa parella que Costas quere recuperar

Terreo que Costas quere recuperar para uso público e que serve de acceso directo á praia do chalé de Eva Cárdenas en Moaña CC-BY Praza Pública

Unha portavoz autorizada do líder popular di que se repuxo unha porta entre a praia e o terreo público pechado xunto coa propiedade privada porque o vento deteriorara a anterior, pero nega que se estea a empregar ese espazo

Este mércores Praza.gal revelou en exclusiva que Costas quere recuperar para uso público un terreo de 210 metros cadrados pertencente ao dominio público marítimo-terrestre que na práctica está pechado de xeito conxunto co terreo privado que rodea o chalé de Moaña de Eva Cárdenas, parella de Alberto Núñez Feijóo. O martes pola mañá, tras publicarse o inicio do procedemento administrativo no Boletín Oficial del Estado (BOE), este diario púxose en contacto cunha portavoz autorizada de Feijóo para coñecer a súa valoración deste paso administrativo de Costas e saber se o líder popular empregou nalgún momento de xeito privativo ese espazo pechado malia ser dominio público marítimo-terrestre.

Imaxe do Catastro, á esquerda, coa liña azul que delimita o dominio público marítimo-terrestre, e á dereita delimitación da parcela pública de 210 metros cadrados situada entre a propiedade privada de Eva Cárdenas e a praia CC-BY-SA Praza Pública

A resposta oficial chegou a última hora da tarde deste mércores. En primeiro lugar, e como xa contou Praza.gal, a portavoz de Feijóo salienta que "a propiedade está como se comprou". Efectivamente, e como ratifican fontes de Costas, o peche con muros do terreo público de xeito conxunto co privado adquirido por Cárdenas en 2019 foi realizado moito antes, incluso antes de que en 2007 se aprobase o deslinde marítimo-terrestre que confirmou o límite entre ambos tipos de solo. Cárdenas adquiriu o terreo privado, incide, sendo consciente de que o terreo público era público por máis que pareza parte da mesma propiedade privada.

A porta que impide o acceso ao terreo público foi reposta a carón da praia, non entre a propiedade privada e ese espazo público que Costas quere recuperar e que amosa céspede e árbores coidadas

Porén, si houbo unha mudanza posterior realizada non na propiedade privada de Cárdenas senón no espazo público que agora reclama Costas. Recentemente foi substituída unha porta con pechadura entre a area da praia e o espazo público agora reclamado, porta que pasou a ter os mesmos acabados que o resto da vivenda de Cárdenas. A portavoz de Feijóo asegura que se debeu a que "un vendaval" deteriorou a anterior porta e "xa que Costas non a substituía" decidiuse repoñer con cartos privados "para protexer ese espazo". 

Non se ofrece maior explicación a por que unha cidadá decide poñer do seu peto unha porta entre a praia e un terreo público e non entre ese terreo público e a súa propiedade privada.

Porta de acceso á praia desde o terreo que Costas quere recuperar e que foi renovada cos mesmos materiais que o resto de portas e fiestras da casa CC-BY-SA Praza Pública

Por diante deses dous argumentos a portavoz de Feijóo sitúa outro: ese espazo público que agora quere recuperar Costas "non o están usando" Cárdenas e Feijóo. Tamén asegura que o cambio da porta non significa que se estea a empregar como acceso particular á praia. Porén, o espazo en cuestión está axardinado con céspede e árbores coidadas, a diferenza doutros espazos públicos veciños nos que medra a maleza.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.